Castro Caldelas, fortaleza de
Castelo situado no alto de Castro Caldelas. Posiblemente disposto sobre un enclave castrexo, como parece indicar o topónimo castro, levantouse como construción defensiva. Durante a época romana o castro transformouse nun oppidum situado na encrucillada das vías romanas que unían Braga con Astorga e Chaves con Lugo. O edificio conserva partes iniciadas na segunda metade do s XIV. Os partidarios de Enrique de Trastámara nas loitas contra Pedro I tomárona en 1370 e, máis tarde, sufriu a destrución na Revolta dos Irmandiños en 1467. O conde de Lemos, Pedro Osorio, mandouna reconstruír e deulle a planta definitiva en 1560. Permaneceu en mans dos señores de Lemos ata finais do s XVIII, pero, ao morrer sen descendencia, o derradeiro conde pasou á Casa de Alba. Consérvase un recinto amurallado con planta de polígono irregular dotado de tres torres (a do reloxo e a do homenaxe semellan ser as máis antigas). Posteriormente se engadiu o celeiro e a adega. Conserva o patio de armas, parte do foso e treitos do muro cos seus torreóns defensivos. Na porta principal hai dous escudos, o da Casa de Lemos e outro cuns raposos, que pode ser o da Raíña Lupa. As tropas francesas, durante a Guerra da Independencia (1809), atacárona, incendiárona e destruíron os arquivos existentes no seu interior. En 1981 a Casa de Alba, propietaria da fortaleza, cedeu o recinto á Xunta de Galicia e iniciouse a rehabilitación das estancias que albergan un museo etnográfico, unha biblioteca, e unha sala de conferencias e exposicións. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1994.