cepo

cepo

(< lat cippu ‘cipo, columna’)

  1. s m
    1. Toro de madeira, cortado ao través e disposto de pé, que se emprega para fender leña, para cortar carne ou para outros usos.

      Ex: O zapateiro amañaba o calzado arredor do cepo que termaba da bigornia.

      Sinónimos: picadeiro, talleiro, tallo.
    2. Tronco de madeira onde vai colocada e axustada a engra dos cerralleiros e ferreiros, para poderen traballar mellor.

      Ex: O ferreiro petaba sobre a engra que descansaba sobre un cepo vello de madeira de castiñeiro.

  2. s m

    Parte do tronco dunha árbore que queda chantada na terra despois de cortala.

    Ex: Os dous cepos que hai na eira son de dúas maceiras que tiramos.

    Sinónimos: cachopa, cachopo, canoto, carocha, cepa, cepeira, couce.
  3. s m

    Anaco grande de madeira que se bota no lume para mantelo aceso durante certo tempo.

    Ex: Co cepo que botaches, o lume vai botar toda a noite prendido.

  4. s m

    Trampa para cazar animais constituída por un dispositivo que pecha e aprisiona dúas pezas cando o toca a presa.

    Ex: Topamos cun cepo aberto no medio do monte.

  5. s m

    Pequeno anaco dunha moa que queda na enxiva despois dunha extracción ou caída.

    Ex: Rompeu a moa ó caer e só lle quedou un pequeno cepo.

  6. s m

    Instrumento de madeira para dar tormento feito de dúas pezas con rebaixes que, ao xuntárense, forman un ou dous buratos onde se aprisionaba o pescozo ou as pernas de alguén.

  7. s m

    Aparello co que se aseguran os pés dun reo para impedir que escape.

  8. s m

    Xerra de madeira que se emprega nas adegas.

    Ex: Déronnos a probar o viño novo nun cepo.

  9. s m
    1. Aparello que serve para suxeitar ou prender algunha cousa.

      Ex: Antes de furar a lámina de aceiro co trade hai que pórlle un cepo para que non se mova. A policía púxolle un cepo ó coche.

    2. Aparello formado esencialmente por dúas madeiras con buratos que serven para apertar dúas táboas encoladas unha contra a outra.

    3. Conxunto de dúas trabes que serven para suxeitar outras pezas de madeira.

  10. s m [BOT]

    Praga que sofren algúns cultivos de larvas de coleópteros ou lepidópteros que desenvolven a fase larvaria no interior do talo das plantas.

  11. s m [ETN]

    Peza de madeira que se coloca no carro, na parte que une a cabezalla e as chedas, para colocar os fungueiros ou estadullos dianteiros.

  12. s m [MAR]
    1. Na áncora do tipo almirantado ou de cepo, tira de ferro ou peza de madeira colocada perpendicularmente á cana preto do arganeo e ao plano determinado polos brazos, que fai adoptar á áncora a posición máis axeitada para que unha das unllas se crave no fondo. Ten forma de barra curva cunha bóla nun dos extremos que lle dá o peso suficiente para impedir que se enterre no fondo, e pode ser desmontable. As áncoras modernas carecen de cepo e teñen unhas unllas movibles que lles permiten meter a cana polo escobén ata facer tocar as unllas no casco do buque. A súa función é a de obrigar a áncora a dar a volta se a cruz cae plana sobre o fondo. As áncoras de tipo almirantado teñen o cepo desmontable.

    2. Pao chantado na cuberta dunha embarcación que se emprega para amarrar o cabo co que se remolca outra embarcación.

  13. s m pl

    ultos que aparecen na lingua do gando vacún.

Frases feitas

  • Cepo do nodal. Aplícase á persoa grosa e de pouco talle.

  • Cepos quedos. Expresión para indicarlle a alguén que non se mova.

  • Ser como un cepo. Ser pouco espelido.