"Alexandría" (Contén)

Mostrando 20 resultados de 27.

  • CIDADES

    Cidade e porto do norte de Exipto na desembocadura do Nilo. Ten o status de mu ḥ āfaa independente (3.431.000 h [estim 1995]). Esténdese sobre o cordón litoral que separa o lago Maryut do mar Mediterráneo e inclúe na península de Ra´s al Tîn (Pharos), que dividiu o porto en dous brazos. É o principal porto comercial do país e un diversificado centro industrial. Ao longo do Canal de Ma ḥ mūdīya e do porto concéntranse as industrias téxtiles, algodoeiras, alimentarias, de tabaco, cervexa, coiro, pneumáticos e montaxe de automóbiles. Quedan poucos restos da cidade antiga; a actual ten un aspecto totalmente europeo: construída segundo un plano ortogonal, o centro comercial e financeiro atópase ao S do porto oriental. A área residencial esténdese polo litoral. Ben comunicada co interior por ferrocarril, é o principal porto do país. Ten aeroporto e universidade. É ademais Sé patriarcal (patriarcado de Alexandría)....

    VER O DETALLE DO TERMO
  • CIDADES

    Cidade do Piemonte, Italia, capital da provincia de Alexandría, á beira do Tanaro (90.927 h [1997]). Centro comercial, mercado agrícola (cereais, vide) e núcleo industrial (mobles, maquinaria, vidro, fertilizantes, destilación de alcohois). Ten nós de comunicacións (ferrocarril e estrada) con liñas en Xénova, Milán e Turín. Ten notables monumentos dos s XVIII-XIX. Pinacoteca. Punto estratéxico do N de Italia. Construída en 1164-1167, adoptou o nome actual en honor do Papa Alexandre III, xefe da Liga Lombarda. Foi asediada e destruída polo Emperador Federico Barbarrubia no 1174. Baixo dominación francesa (1796-1814), foi capital do departamento de Marengo.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Provincia do Piemonte, Italia ( 3.560 km2; 433.611 h [estim 1997]). A capital é Alexandría.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • CIDADES

    Cidade de Virxinia, EE UU, preto do Potomaco (111.183 h [1990]). É unha cidade residencial de Washington DF e un centro de investigación industrial, especialmente de construcións metálicas. É porto de tránsito e centro de comunicacións. Leva este nome dende 1749. En 1846 converteuse en cidade libre de Virxinia despois de pertencer ao estado de Columbia. Non está baixo a administración de ningún condado.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Biblioteca fundada en Alexandría por Demetrio de Faleron en tempos de Ptolomeo Soter (ss IV-III a C). Mestres importantes como Euclides, Erasístrato e Herófilo redactaron para ela as súas obras. Reuniu os sabios máis importantes da Antigüidade, sendo dirixida entre outros por Aristófanes de Bizancio; Eratóstenes ensinou alí xeografía e matemáticas. Destacan os poetas como Calímaco, Teócrito, Apolonio de Rodas e Licofron. No 48 a C foi incendiada durante o sitio da cidade por Xulio César. Posteriormente Marco Antonio reedificouna e dooulle 200.000 volumes que fixo traer dende a biblioteca de Pérgamo. Foi arruinada no 389 por Teodosio I, aínda que tradicionalmente veuse dicindo que fora acto do Califa ‘Omar.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Movemento iniciado no s II d C no interior da comunidade cristiá de Alexandría. Nun principio foi unha escola catequética que, pola súa importancia, chamou a atención de moitos pagáns cultos. A etapa de esplendor comeza con Panteón e culmina con Clemente (150?-215?) e Oríxenes (185?-255?). Con ocasión da controversia ariana sobresaíu Atanasio (295?-373?) e con ocasión da herexía nestoriana, Cirilo (373-444). Os elementos que a definen son o seu platonismo e a tendencia á interpretación alegórica das escrituras.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Movemento de científicos e técnicos que, desde a implantación en Exipto da dinastía ptolemaica (s IV a C) se formou arredor do Museo de Alexandría. Alí reuniuse o número máis grande de científicos da historia anterior ao s XX. Herófilo e Erasístrato foron grandes anatomistas. A escola de medicina recolleu as diferentes tendencias da medicina grega anterior. En xeografía, Eratóstenes e Aristarco de Samos fixeron traballos como a medida do radio da terra ou o heliocentrismo. En matemáticas, os libros de Euclides, Apolonio, Ptolomeo e Diofante foron libros de texto ata os ss XVII ou XVIII. Zenódoto de Efeso, Aristófanes de Bizancio, Aristarco de Samotracia, Dionisio o Tracio ou Apolonio Díscolo foron os iniciadores da gramática científica. Herón, Ctesibio e Sóstrato construíron máquinas de vapor e de aire. A alquimia, con Zósimo de Panópole, tamén foi cultivada alí. A partir do s II a C os últimos científicos do helenismo viviron lonxe de Alexandría, pero mantiveron correspondencia...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Comunidade xudía que se instalou en Exipto despois da destrución do templo de Xerusalén (arredor do 586 a C). En tempos de Filón, os xudeus de Exipto chegaron a ser un millón. Foron helenizados como o amosa a súa produción literaria en lingua grega. Esta helenización fixo necesaria a versión da Biblia ao grego, denominada dos Setenta. Outras obras alexandrinas son os oráculos sibilinos, amplamente coñecidos no helenismo, os libros II, III e IV dos Macabeos e o prólogo e versión grega do Libro da sabedoría de Salomón. A vontade de helenización dos xudeus de Alexandría culminou en Filón (20 a C-40 d C) pero vai diminuír coas revoltas e persecucións da época romana.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Dignidade e xurisdición dos xefes da igrexa copta e melquita católicas, e cotpa e bizantina ortodoxa (residente no Cairo dende o s XI). A orixe do Cristianismo en Alexandría atribúese a san Marcos segundo unha tradición moi antiga; a relación deste con san Pedro e a importancia civil e cultural da cidade déronlle ao Bispo de Alexandría un lugar preeminente na estruturación eclesiástica de Oriente, recoñecido polo Concilio de Nicea (325), que aceptou a súa autoridade sobre Exipto, Libia e Pentápole. Durante a controversia monofisita e despois do Concilio de Calcedonia (451) o patriarcado foi dividido entre monofisitas e ortodoxos, que recibiron o nome de melquitas; esta división e a ocupación da cidade polos árabes (642) contribuíu a facer minguar o prestixio e a autoridade da sé alexandrina. Durante o dominio árabe a situación dos cristiáns de Alexandría oscilou entre a persecución e a tolerancia.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • ou o Vello (Alexandría s IV) Retórico cristián. Pai de Apolinar de Laodicea. Cando Xuliano o Apóstata prohibiu aos cristiáns a ensinanza das obras clásicas, escribiu para substituílas libros de gramática, poesías, etc, a imitación de Eurípides e doutros estudiosos, dun notable interese histórico.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Gramático grego, o máis importante da súa época, coñecido polo alcume o Díscolo, ou sexa ‘o difícil’, por mor da súa escuridade (motivada en gran parte pola súa pésima linguaxe, chea de solecismos e anacolutos). Consérvanse del catro libros: Pronome, Conxunción, Adverbio e Sintaxe. Foi o que impuxo o termo de sintaxe para designar a teoría da construción do discurso.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Virxe e mártir cristiá. A tradición relacionouna coa célebre filósofa pagá Hypatia e fixo dela a Palas Atenea cristiá. Conta a lenda que un ermitán a converteu ao cristianismo e lle propuxo como único noivo digno do seu mérito a Xesús. Segundo unha tradición do s IX, morreu martirizada en Alexandría durante a persecución dos cristiáns efectuada por Maximino, gobernador de Exipto. Disque venceu dialecticamente a 50 doutores ou sabios de Alexandría, enviados polo Emperador para refutar a súa elocuencia. Logo, foi azoutada e encarcerada pero logrou sobrevivir ao ser alimentada por unha pomba. Durante o seu cativerio logrou converter a Emperatriz Constanza e o xefe de tropas Porfirio. Posteriormente, o emperador acordou martirizala mediante unha roda dentada de púas ou coitelas, pero un raio esnaquizou a roda e cegou os verdugos. Finalmente, morreu decapitada. Conta a lenda que da súa ferida xurdiu leite e que uns anxos trasladaron o seu corpo ao monte Sinaí, onde se construíu un mosteiro que...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Teólogo. Patriarca de Alexandría (412) e un dos grandes padres da Igrexa oriental. O 17 de outubro de 412 sucedeu na sé patriarcal de Alexandría o seu tío Teófilo. Defensor da fe ortodoxa, foi un violento antisemita e combateu a herexía nestoriana. No Concilio de Éfeso (431), conseguiu a condena, deposición e exilio de Nestorio, patriarca de Constantinopla dende o 428, así como a aprobación da doutrina ciriliana sobre a unidade da persoa de Cristo. Dende o punto de vista doutrinal, dedicouse á elaboración da doutrina da Encarnación. Entre os seus escritos destacan os comentarios sobre as Sagradas Escrituras (evanxeos de san Lucas e san Xoán e o Pentateuco), tratados de teoloxía dogmática, cartas e sermóns. A lenda conta que resucitou a tres mortos. Na arte iconográfica viste os ornamentos dos bispos orientais (palio máis longo e ancho ca en Occidente), vai sempre barbado, e leva como atributo unha representación da Virxe co Neno nun taboleiro coa inscrición “Nai de Deus”...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Mestre. Discípulo de Panteno, dirixiu a escola catequética de Alexandría desde o ano 200. Foi mestre de Oríxenes, quen o substituíu na dirección da escola. Comprendeu a necesidade dunha teoloxía especulativa capaz de dialogar coa cultura clásica e comezou a elaborala utilizando amplamente a filosofía grega. O eixe desta síntese é a noción do logos ou palabra divina, que outorgou, ao mesmo tempo, a razón filosófica aos pagáns e a lei aos xudeus e que, todo encarnado en Cristo, se manifesta plenamente nos homes. Seguindo esta teoría, no Protéptico exhorta os pagáns a converterse e no Pedagogo, a ver a Cristo como o educador moral da humanidade, á que achega a lei do amor. A colección de ensaios dos Stromata (‘Tapices’) precisa o concepto de gnose verdadeira, que presupón a fe respecto da unidade (contra os gnósticos). Os seus escritos foron copiados durante toda a Idade Media, pois Clemente de Alexandría foi un dos grandes pais da patrística...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Historiador grego da época helenística. A súa obra Historias de Alexandre, escrita entre o 280 e o 270 a C, toma elementos da obra de Calístenes e destaca polas anécdotas e os detalles curiosos.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Teólogo e bispo de Alexandría. Coñecido como Denís o Grande ou o Magno, foi discípulo de Oríxenes, a quen sucedeu á fronte da escola cristiá de Alexandría. Foi elixido bispo de Alexandría (247) e sufriu a persecución do Emperador Decio ata que, finalmente, se retirou ao deserto. Á súa volta (262), enfrontouse a Novaciano, líder dos teólogos alexandrinos, participou activamente nas controversias contra os herexes e apoiou o papa de Roma. Durante a persecución de Valeriano (257), o gobernador de Exipto esixiulle adorar os ídolos do Imperio, pero, ao se negar, foi desterrado ao deserto de Libia. Dous anos despois, o emperador foi apresado polos inimigos e Denís e os seus sacerdotes puideron volver a Alexandría, onde permanecería ata a súa morte. A súa festividade celébrase o 17 de novembro.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Matemático. Os seus escritos sobre álxebra contribuíron de maneira esencial ao perfeccionamento da notación alxébrica e ao establecemento de novas vías de investigación. Na súa obra principal, Aritmética, que consta de trece libros dos que só se conservan seis, tratou unha ampla serie de problemas numéricos, aínda que se limitou en xeral a procurar solucións particulares mediante algunha artimaña de cálculo e admitir só como solucións os números enteiros e racionais positivos. A súa obra influíu no posterior desenvolvemento da xeometría analítica, na teoría dos números e na álxebra moderna.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Patriarca de Alexandría (444-451). Seguiu as doutrinas do monxe Eutiques, quen consideraba que a unión das dúas naturezas de Cristo era tan estreita que a súa humanidade era pura aparencia. Cando condenaron este monxe, reuniu un concilio en Éfeso (449), no que conseguiu rehabilitar as formulacións monofisitas. No Concilio ecuménico de Calcedonia (451), rexeitaron a súa doutrina e foi deposto e enviado ao exilio.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • FILOSOFOS

    Filósofo helenístico. Dirixiu unha delegación enviada a Roma polos xudeus de Alexandría durante o goberno de Calígula. Os seus escritos son un intento de conciliación entre a relixión xudía e a cultura grega por medio da arte da alegoría. Influenciado polo estoicismo, o platonismo, o aristotelismo e o neopitagorismo, consideraba que o logos intervén como mediador entre o carácter absoluto de Deus e a creación, e que a divina sabedoría se articula na natureza e na intelixencia humana. Clasifícanse as súas obras en exposicións catequéticas, comentarios alegóricos á Xenese, exposicións sobre a relixión mosaica e escritos diversos. Entre os seus traballos de esexese, destacan Comentario alegórico á Xenese; entre as obras de apoloxía do xudaísmo, Moisés e A humanidade; e, entre os tratados filosóficos, Sobre a escravitude do insensato e Sobre a liberdade do sabio. Malia a súa defensa da fe bíblica, non foi aceptado polo xudaísmo...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Matemático e inventor grego. Foi o inventor de máquinas como a dioptra, o odómetro (sistema de engrenaxes combinadas para contar as voltas dunha roda) e a eolipila, quizais o máis importante, precursora da turbina de vapor. Estableceu unha fórmula para obter a área dun triángulo (fórmula de Herón) e un método aproximativo para calcular as raíces cadradas e cúbicas. Encontrou solucións alxébricas das ecuacións de primeiro e segundo grao. Entre as obras de carácter científico que se lle atribúen destacan Métrica, manuscritos con finalidade práctica onde se estudian áreas, volumes e división de figuras en partes proporcionais; Mecánica, en que se estudian as proporcións das figuras, as maquinas simples e as aplicacións da mecánica; Pneumaticorum libri duo, libro técnico sobre pneumática que no prefacio trata o concepto de baleiro por primeira vez; Catóptrica, que trata os espellos planos, cóncavos e convexos; e Dioptra, sobre o uso deste aparello...

    VER O DETALLE DO TERMO