cirílico -ca

cirílico -ca

(< antropónimo Cirilo)

adx e s [ESCR]

Aplícase ao alfabeto e á escritura eslava. O alfabeto cirílico, atribuído erroneamente a san Cirilo de Tesalónica, creouse nos ss IX-X sobre a base da escritura maiúscula grega. Os sons estraños ao grego tomáronse doutros lugares non moi ben determinados. Converteuse no alfabeto civil ruso e, baixo o reinado de Pedro o Grande (1708), foi dotado de caracteres “profanos” (graždanskij šrift), mentres que os antigos caracteres quedaban como propios do uso eclesiástico. O alfabeto cirílico profano, con poucas variantes, tamén o usan as linguas ucraína, serbia e búlgara. Foi novamente revisado en 1918 e suprimíronselle algúns signos. O alfabeto cirílico, con outros signos de nova creación para expresar sons alleos ás linguas eslavas, serviu para outras linguas non eslavas da Rusia. Os caracteres do alfabeto cirílico translitéranse xeralmente, nos medios científicos, segundo o sistema establecido polo Instituto de Ciencias Lingüísticas de Rusia ou tamén segundo o sistema ISO.