comunismo
(< común)
-
s
m
[POLÍT]
Doutrina que, co emprego do materialismo histórico como ferramenta analítica, postula as condicións de emancipación do proletariado e a súa concreción nun sistema social novo que, baseado na propiedade colectiva dos medios de produción, implica o fin da explotación do home polo home (a sociedade sen clases) e a desaparición dos estados coercitivos. Tanto Marx e Engels como os teóricos posteriores, manifestaron a necesidade de elaborar unha teoría de análise rigorosa da realidade social para desenvolver unha práctica revolucionaria, polo que defenderon a necesaria coherencia entre marxismo, materialismo histórico e comunismo.
Fundamentos teóricos do comunismo
De Platón ao socialismo utópico: primeiras propostas igualitarias
Tense atribuído a Platón a primeira exposición do ideal comunista. Non obstante , na República, xunto co Político ou as Leis un dos libros no que expón a súa teoría política, mostra como a cidade perfecta sería aquela na que entre as tres castes, orixinadas pola súa función social: os xefes, os gardas e os artesáns e comerciantes (ademais dos escravos, que quedaban á marxe da vida política), existise un equilibrio resultante da inmobilidade social (non recoñece a promoción vertical) e da propiedade común dos bens para que non existise conflito entre o interese privado e o do Estado. Neste sentido, pois, cómpre salientar que para Platón o ideal igualitario traduce unha situación privilexiada, a dos xefes, que se verían privados dos seus bens para que a diferenza de poder económico non supuxese diferenza no poder político. Así mesmo, estase a revisar a crenza que atribuía ao cristianismo primitivo un ideal comunista, que, trala crise do comunismo, lle resulta incómodo á propia Igrexa. Así, a investigación histórica demostra que existía unha forte xerarquización no seo das comunidades cristiás primitivas e non procuraban unha transformación das condicións obxectivas de explotación. Da análise que realizou Engels despréndese que só con certa corrección se pode atribuír un carácter comunista a algunhas das teorías dos socialistas utópicos. O primeiro autor que expuxo un sistema social que consistía nun comunismo en estado embrionario foi More, autor de Utopía (1516), na que se describe unha sociedade ideal que proporciona igualdade e xustiza para todos. No s XVIII destacan as teorías de Morelly, Mably e Meslier, nas que a reivindicación da igualdade non se limitaba aos dereitos políticos, senón que se estendía ás condicións sociais de vida de cada individuo e o obxectivo era non só abolir os privilexios de clase, senón tamén destruír as propias diferencias. Durante a Revolución Francesa, Babeuf, a través do diario Le Tribun du Peuple, foi o primeiro defensor do comunismo igualitario. No inicio do s XIX, ao abeiro dos ideais revolucionarios de liberdade, igualdade e fraternidade, foron moitos os escritores e reformadores sociais que presentaron propostas coa finalidade de establecer comunidades baixo condicións económicas e sociais ideais; sen embargo, non todos se poden situar nunha tradición comunista. Así, no conde Saint-Simon, xunto cunha tendencia proletaria, continúa a estar presente a burguesa; Charles Fourier e, sobre todo, Robert Owen, que observou directamente os antagonismos provocados polo capitalismo inglés, expuxeron de xeito sistemático unha serie de medidas encamiñadas a abolir as diferencias de clase.
Marx e Engels: os principios do comunismo
En Die deutsche Ideologie (A ideoloxía alemana, 1845), Marx e Engels definiron o comunismo como o “movemento real que permite a superación (Aufhebung) do presente estado das cousas”; así mesmo, en Grundsätze des Kommunismus (Principios do comunismo, 1847) -unha especie de catecismo obreiro redactado para a Liga dos Comunistas-, Engels defíneo como a doutrina das condicións da liberación do proletariado. Polo demais, debido a que Marx e Engels se centraron na análise do réxime burgués que coñeceron, no conxunto da obra deses dous autores apenas se atopan referencias á sociedade comunista. Así, as restantes mencións a esa nova sociedade atópanse en Manifest der Kommunistischen Partei (O manifesto do partido comunista, 1848), escrito por Marx e Engels; en Das Kapital (O capital, 1867), obra principal e fundamental de Marx na que expón o socialismo científico; e en Kritik des Gothaer Programms (Crítica do programa de Gotha, 1875), tamén de Marx. Ademais, estas poucas referencias limítanse a definir o comunismo como a doutrina que postula a emancipación da clase traballadora por si mesma para suprimir a subordinación escravizadora dos individuos á división do traballo e, en consecuencia, a oposición entre traballo manual e traballo intelectual. Tanto para Marx como para Engels, a emancipación da clase traballadora unicamente se podía conseguir trala conquista do poder político por esa clase e, unha vez logrado ese poder, a tarefa do proletariado consistiría en eliminar todos os residuos (económicos, morais, intelectuais, culturais, etc) da vella orde; por iso, as súas intervencións políticas limitáronse a elaborar programas concretos que establecían unhas medidas necesarias mínimas (as doce propostas de Engels en 1847, as dez medidas de Marx e Engels en 1848, os dezasete puntos da Liga dos Comunistas en 1848, etc) e non extensas exposicións sobre unha nova sociedade que, inevitablemente, xurdiría sobre as bases da vella orde burguesa.
Teorías marxistas posteriores
Do mesmo xeito que Marx e Engels a penas se referiron ao comunismo, os teóricos posteriores tampouco foron moi prolíficos. Neste sentido, as principais figuras do comunismo internacional do s XX (Gramsci, Lenin, Luxemburg, Mao e Trockij) destacaron pola súa práctica revolucionaria, non pola súa capacidade preditiva ou especulativa. A maioría dos textos políticos de Lenin, entre eles, Que facer? (1902) ou O estado e a revolución (1917), refírense a situacións concretas: organización da oposición, estrutura do partido de vangarda, medidas concretas para transformar a orde económica vixente, organización dos soviet, críticas do revisionismo e do dogmatismo, etc. Así mesmo, tralo triunfo da Revolución Rusa, a obra de Lenin profundizou neses aspectos e poucas veces se refiriu ao comunismo máis que dun xeito colateral; por exemplo, no programa que redactou para o Partido Comunista en 1919, onde indicaba que a sociedade comunista era a sociedade sen clases e sen estado, na que reinaba a abundancia e cada ser humano podía desenvolverse plenamente. Do mesmo xeito procederon os outros autores, máis preocupados por establecer as formas de organización do movemento obreiro internacional e as vías que debían conducir ao triunfo e consolidación da revolución. Luxemburg, organizadora da Liga Espartaquista alemana, incidiu no papel condutor do movemento obreiro, na liberdade e na loita antiimperialista. Gramsci, dirixente obreiro durante a ocupación das fábricas polo proletariado italiano e fundador do Partido Comunista Italiano, descubriuse como un profundo coñecedor dos mecanismos distorsionadores da clase dominante e un gran analista dos mecanismos do poder. Trockij, comisario do pobo nos gobernos de Lenin, destacou pola organización do Exército Vermello e pola defensa da doutrina da revolución permanente. Mao, o impulsor do “Gran Salto Adiante” e da Revolución Cultural, referiuse ao comunismo para indicar que era a ideoloxía completa do proletariado e, á vez, un novo sistema social completo, progresista, revolucionario e racional. Nas numerosas obras que deixou escritas, base do Libro de citas do presidente Mao, coñecido como Libro Vermello e editado por primeira vez en 1966, apenas hai referencias teóricas ao comunismo; sen embargo, igual que antes fixera Lenin, hai numerosas análises sobre a organización do Partido, a alianza entre os obreiros e os campesiños, o papel dos intelectuais ou a disciplina.
Comunismo e socialismo
Na extensa literatura política dos ss XIX e XX existe unha clara ambivalencia e ambigüidade no tratamento dos conceptos ‘comunismo’ e ‘socialismo’ que, ás veces, se usan de forma indiferente aínda que non sexan sinónimos. Marx, Engels e os teóricos marxistas posteriores, consideráronse socialistas revolucionarios ou científicos, para diferenciarse dos socialistas reaccionarios, conservadores ou utópicos. Así, en Die Entwicklung des Sozialismus von der Utopie zur Wissenschaft (Do socialismo utópico ao socialismo científico, 1880), obra na que Engels realiza unha concisa historia do socialismo, define o marxismo como socialismo científico, en oposición ás experiencias anteriores que considera utópicas. O socialismo representaría os ideais de emancipación dos oprimidos ao longo do s XIX; sen embargo, as propostas elaboradas para lograr ese obxectivo foron diversas: dende os falansterios de Fourier e as colonias interiores de Owen ata a Comuna de París de 1871. A medida que estas tácticas políticas escollidas para lograr a emancipación se foron facendo irreconciliables, estableceuse unha nítida oposición: o socialismo configurouse como un movemento político reformista, proceso que culminou coa consolidación do socialismo democrático occidental e o abandono do marxismo como doutrina política, de xeito que o comunismo se foi configurando como un movemento revolucionario que aspiraba á conquista do poder político para transformar a sociedade.
O socialismo como fase de transición cara ao comunismo
En sentido estricto, a teoría marxista establece que o socialismo é a fase inferior ou de transición do modo de produción comunista. Dende o punto de vista marxista non existe unha teoría xeral do paso dun modo de produción a outro debido a que este paso sempre se dá no seo de sociedades historicamente determinadas. Non obstante , xa Marx e Engels formularon dende 1848 a necesidade de que o primeiro paso para a revolución socialista era a transformación do proletariado en clase dominante, que en 1852 Marx define como “ditadura do proletariado”: a transición cara á abolición de todas as clases e unha sociedade sen clases e, polo tanto, sen Estado. Neste sentido, empregado posteriormente por Lenin, Mao e outros dirixentes comunistas, a ditadura do proletariado é o tipo de Estado correspondente á fase socialista do modo de produción comunista. Lenin, en Estado e revolución (1917), afirma que a ditadura do proletariado é un novo tipo de Estado: democrático para os proletarios e desposuídos en xeral, e ditatorial fronte á burguesía. Ademais, insiste en que o obxectivo dese novo Estado é a abolición das clases, para o que é preciso realizar tres revolucións paralelas: unha política de carácter proletario, outra nas relacións de produción e a terceira, de carácter ideolóxico ou cultural.
Comunismo e anarquismo
En contra do que pasaba cos termos ‘socialismo’ e ‘comunismo’, a diferenza co ‘anarquismo’ sempre foi nítida, aínda que ambos os dous movementos aspiraban á emancipación da clase obreira e á supresión da división de clases. A causa desa oposición residía na importancia que o comunismo concedía á conquista do poder político e ao período de transición cara á sociedade sen clases, na que o Estado cumpriría unha función redistribuidora fundamental, fronte á supresión do poder político, e polo tanto do Estado, preconizada polo anarquismo.
O comunismo despois do comunismo
Trala caída do muro de Berlín e a desaparición da República Democrática Alemana, logo da caída do pano de aceiro e da transformación das democracias populares do Leste en democracias parlamentarias, e despois da desintegración da URSS, instaurouse a doutrina do pensamento único, da fin das ideoloxías e da morte do comunismo. Non obstante , filósofos como Alan Badiou, afirman que a “morte do comunismo” instaura unha nova era na que é posible a instauración do comunismo fóra do partido-Estado e a súa recuperación como a aspiración dos oprimidos, marxinados, excluídos e desposuídos a transformar a sociedade. Dende outra perspectiva, aínda que tamén marxista, Georges Labica opina que a “morte do comunismo” abre unha nova oportunidade histórica para o movemento comunista. Neste sentido, á crise obxectiva dalgúns partidos comunistas, contraponse o éxito de numerosos movementos sociais de carácter emancipatorio nunha tradición comunista. Así, os movementos antiglobalización (ATTAC, Foro das Alternativas, Foro do Terceiro Mundo, etc) contan con militantes, cando non dirixentes, procedentes da tradición comunista (como Samir Amin no Foro do Terceiro Mundo); a mesma situación existe noutros ámbitos como as ONG que traballan no Terceiro Mundo (Médicos Sen Fronteiras, Amnistía Internacional, Oxfam, etc), o feminismo, a ecoloxía ou o pacifismo.
Partidos e gobernos comunistas
Do Club dos Iguais (1795) e a Liga dos Comunistas (1847) á fin da Segunda Internacional
A aparición dos primeiros partidos comunistas está vinculada á crise da socialdemocracia durante a Primeira Guerra Mundial (1914-1918) e ao triunfo da Revolución Rusa (1917). Non obstante , o movemento comunista internacional ten a súa orixe nos acontecementos revolucionarios de 1789 e, máis remotamente, nos anabaptistas e en Münzer durante as guerras campesiñas en Alemaña ou nos levellers durante a revolución inglesa. Probablemente foi Babeuf, durante a Revolución Francesa, o primeiro promotor do asociacionismo proletario a través do Club dos Iguais e, trala súa clausura en 1795, dunha nova sociedade secreta que promoveu a Conspiración dos Iguais de 1796. De feito, a tradición do babovismo (conservada e difundida por Buonarroti e Blanqui) está na orixe da Liga dos Proscritos (1834) e da Liga dos Xusticeiros (1836), que no verán de 1847, no transcurso dun Congreso celebrado en Londres, acordou rachar co seu pasado conspirativo e reorganizarse como movemento obreiro internacional. O obxectivo da nova Liga dos Comunistas era a dominación do proletariado e a supresión da vella sociedade burguesa; o seu primeiro programa foi Os principios do comunismo de Engels. No segundo Congreso, celebrado entre novembro e decembro de 1847, a Liga adoptou o Manifesto do partido comunista como texto programático, feito que significaba asumir a nova teoría científica da historia como ferramenta de transformación da sociedade e abandonar o socialismo utópico, amais do lema “Proletarios de todos os países, unídevos!” En febreiro de 1848 desencadeouse a revolución en Europa; nese contexto, Marx e Engels elaboraron as Reivindicacións do Partido Comunista en Alemaña, que se converteron na plataforma política da Liga. Trala longa represión exercida sobre o movemento obreiro e os seus líderes, sobre todo despois do proceso de Colonia de 1852, a Liga dos Comunistas disolveuse. Outro fito fundamental na consolidación do movemento obreiro foi a Asociación Internacional de Traballadores (AIT), fundada en Londres en 1864. Lexítima herdeira da Liga dos Comunistas, da que proviñan moitos dos seus dirixentes, non é propiamente un partido comunista; no seu seo convivían os comunistas (liderados por Marx e Engels) e os anarquistas (liderados por Bakunin). Trala dura represión da Comuna de París (1871), acontecemento sen precedentes na historia xa que significou a toma do poder polo pobo de París durante uns meses, e debido á oposición cada vez maior entre os marxistas e os anarquistas, a AIT disolveuse despois do Congreso da Haia (1872). Nos anos posteriores pasouse do asociacionismo obreiro á creación de partidos de clase; así, no transcurso dos anos setenta fundáronse os primeiros partidos obreiros en Alemaña, Francia e España, nos que comezan a agromar os primeiros opositores serios ao socialismo marxista. As tensións internas no seo da Segunda Internacional entre marxistas e socialdemócratas, evidentes en temas tan fundamentais como o imperialismo, o nacionalismo ou a estratexia a seguir para conquistar o poder político (participación na democracia parlamentaria burguesa ou revolución), levaron a unha crise interna motivada polas posturas defendidas durante a Primeira Guerra Mundial e trala Revolución de Outubro, que conduciu á creación dos primeiros partidos comunistas, a partir de escisións no seo dos partidos socialistas ou socialdemócratas. Neste sentido, os primeiros movementos políticos propiamente comunistas, desenvolvidos ao redor das conferencias internacionais de Zimmewarld (1915) e de Kienthal (1916), contrarios ao revisionismo e ao reformismo da Segunda Internacional, foron o grupo Spartakus (liderado por Luxemburg e Liebknecht) e os bolxeviques rusos (liderados por Lenin).
O comunismo trala Revolución Rusa
A revolución Rusa, a creación do Partido Comunista Ruso (bolxevique) e a fundación da Terceira Internacional ou Komintern estenderon o marxismo-leninismo ás diferentes organizacións obreiras; comezou, así, un período de ofensiva que se pechou coa derrota da revolución alemá (1923) e co crecemento do fascismo. En Europa, no ano 1918, xurdiron os primeiros partidos comunistas (Austria, Polonia, Alemaña, Hungría, etc), pero foi sobre todo a partir da fundación do Komintern (1919) e do seu segundo congreso, cando aumentou o número de partidos comunistas, a maioría xurdidos de escisións dos partidos socialistas. Un período revolucionario comezou coa proclamación da república soviética de Hungría, as folgas xerais en Berlín, no Ruhr e na república soviética de Baviera, as folgas xerais en Francia (1919) e en Alemaña (1920), e a ocupación de fábricas ao norte de Italia (1920). A maioría destas accións non saíron adiante e, a partir da derrota da revolución alemá de marzo de 1921, o comité executivo da Internacional formulou as teses sobre a Fronte única (1921). Outras tentativas revolucionarias tiveron lugar en Bulgaria e en Alemaña (1923), pero fracasaron. A partir desta derrota, o movemento entrou nun período de confusión no referente á cuestión das alianzas, que durou case ata o VI Congreso do Komintern (1928), e a represión caeu sobre a maioría dos partidos comunistas europeos. Durante estes anos, a táctica do comunismo decantouse cara á esquerda e estivo unida á pureza da teoría e do aparato do partido. A orde do V Congreso foi a bolxevización e a depuración dos partidos comunistas, que coincidiu coa polémica establecida á morte de Lenin. Mentres durou esta depuración, o fascismo avanzou e as contrariedades do comunismo aumentaron, sobre todo en China, onde Mao Zedong e Zhu Te conseguiron organizar os restos das forzas comunistas en 1928. A derrota da revolución en China provocou unha gran controversia, orixe da ruptura total do trotskismo con Stalin. A partir do VI Congreso do Komintern (1928), produciuse un xiro ultraesquerdista, completado coa expulsión de Bukharin da secretaría do Komintern (1929). O congreso, prevendo a crise económica de 1929, interpretouna como catastrófica para o capitalismo, e adoptou a táctica do “terceiro período”, de “clase contra clase” e de ataque á socialdemocracia, acusada de socialfascista. Paralelamente, as fraccións trotskistas convocaron a Primeira Conferencia Internacional dos bolxeviques-leninistas (1930) e iniciaron un proceso de reagrupamento que conduciría á formación da Cuarta Internacional en 1938. Durante estes anos de política esquerdista foi en Asia onde medrou o movemento comunista. En plena guerra civil china (1927-1937), Mao Zedong e Zhu Te ocuparon a provincia do Jiangxi e crearon a república soviética presidida polo primeiro. En Indochina fundouse o partido comunista (1930) e creáronse soviets nas provincias de Nghe An e Ha Tinh (1930-1931). O avance do fascismo e do nazismo e o vaivén da política do Komintern provocaron a apertura dun período defensivo do comunismo. Neste sentido propúxose a táctica da Fronte Popular contra o fascismo, inaugurada polos comunistas franceses e consagrada polo VII Congreso do Komintern (1935). A Fronte Popular non só tivo a súa expresión en Francia e España, senón tamén en China (1937-1945), e en Indochina (1936-1939). Todo isto producíase mentres na mesma Unión Soviética medraban as tensións cos procesos de 1936-1938 (procesos de Moscova). A Segunda Guerra Mundial favoreceu a extensión da Fronte Popular, sobre todo nos países ocupados polo fascismo. A formación destas frontes, o avance do Exército Vermello soviético sobre Alemaña a partir de 1944 e a participación comunista nos movementos de resistencia deron a forza que o comunismo tivo en Europa ao rematar a guerra, aínda que a alianza da URSS cos aliados obrigou á disolución do Komintern (1943). Na maioría de estados do leste onde o exército soviético defendeu esta fronte, creáronse as democracias populares mediante a absorción dos partidos socialistas polos partidos comunistas (Alemaña e Romanía en 1946; Polonia en 1947; e Checoslovaquia en 1948) e a eliminación dos partidos campesiños (Polonia e Hungría en 1947). Noutros estados, como Francia e Italia, a participación dos comunistas no movemento de resistencia creou uns partidos comunistas fortes. En Asia, o desenvolvemento da Fronte Común Antixaponesa en China, Indochina e Corea, levou á proclamación da República Democrática do Vietnam (1945), da República Popular de Corea (1948) e, despois dunha nova guerra civil, da República Popular China (1949). Ao mesmo tempo creouse un novo organismo de coordinación internacional, o Kominform (1947). Xurdiu outra vez a depuración dos partidos comunistas, centrada esta vez nas novas democracias populares. Esta ofensiva comunista mundial e o intento dos EE UU e dos outros estados capitalistas de controlaren economicamente o leste de Asia e de ofreceren unha barreira política e armada ao avance do comunismo provocaron un período de forte tensión entre os dous bloques que se manifestou na Guerra de Corea (1953) e na de Indochina (1954), enfrontamentos que supuxeron que a Guerra Fría entrase nunha nova etapa. Trala morte de Stalin e Truman, os EE UU estableceron contactos cos chineses (nun momento en que estaban necesitados de reforzos internacionais) e profundizaron na ruptura que se establecera entre as dúas grandes potencias comunistas (URSS e China). O XX congreso do PCUS (1956) inaugurou unha nova situación nas relacións internacionais da URSS. No transcurso dese acontecemento, Khruščov presentou o seu informe sobre a época stalinista, formulou os principios da “coexistencia pacífica” e disolveu o Kominform. Desde 1953 (insurrección de Berlín) abriuse unha nova etapa de revoltas obreiras nos países da Europa oriental, reprimidas de forma sanguenta (Hungría en 1956; Polonia en 1956, 1970 e 1980; e Checoslovaquia en 1968). O comunismo estendeuse por Asia trala vitoria comunista na Guerra do Vietnam, pero tamén debido á difusión do maoísmo e á participación do partido comunista da India no goberno do estado de Kerala (1958-1959 e 1967). Ademais, o triunfo da Revolución Cubana (1.1.1959) supuxo a exportación do modelo cubano a outros países latinoamericanos como Nicaragua, Colombia, Granada; e africanos, sobre todo Angola. Así mesmo, numerosas revolucións populares e antiimperialistas levaron os comunistas ao poder en países como Etiopia, Moçambique, Benin, etc, moi arredadas do modelo soviético. O trazo máis destacado na evolución do comunismo internacional desde 1970 foi a fragmentación do monolitismo rexido por Moscova, característico de etapas anteriores. No mundo occidental, a crise desencadeada pola invasión de Checoslovaquia (1968) levou a un reforzamento doutras correntes comunistas (guevarismo, maoísmo, trotskismo, etc) e a adopción do eurocomunismo como opción política diferenciada e autónoma polos partidos comunistas de Italia, España ou Francia.
O colapso da URSS e a crise do comunismo
A chegada de Gorbačov á secretaria xeral do PCUS en 1985 supuxo unha serie de cambios na Unión Soviética, coñecidos co nome de perestrojka (reformas políticas) e glasnots (transparencia informativa), que levaron á desintegración da URSS en 1991 e á aparición de quince novas repúblicas postsoviéticas (Armenia, Acerbaixán, Bielorrusia, Estonia, Federación Rusa, Letonia, Lituania, Kazakhstán, Kirguizistán, Moldavia, Taxikistán, Turkmenistán, Ucraína, Uzbekistán e Xeorxia). Así mesmo, entre 1985 e 1991 disolvéronse a maioría dos parlamentos e gobernos dirixidos por partidos comunistas na Europa oriental: República Democrática Alemana (absorbida pola República Federal de Alemaña), Checoslovaquia (disolta para crear a República Checa e Eslovaquia), Romanía, Bulgaria e Albania, que seguiron o proceso de reformas iniciado por Polonia e Hungría. En Iugoslavia, o país menos sovietizado de todos os estados comunistas de Europa, iniciouse un cruento proceso de desintegración que deu lugar á aparición de seis novos estados soberanos: Croacia, Serbia, Macedonia, Eslovenia, Montenegro e Bosnia-Herzegovina. Sinaláronse moitas causas para explicar ese proceso: rexeitamento do totalitarismo, fracaso da economía planificada, incapacidade para resolver os problemas nacionais e relixiosos, etc; sen embargo, parece que as causas principais foron a crise dos partidos-Estado e a incidencia da crise económica internacional (na que tamén participaban a través das exportacións de produtos enerxéticos e agropecuarios). Malia o peso que aínda conservan na oposición os partidos comunistas en Rusia ou en Ucraína, e a pervivencia dalgúns gobernos comunistas (China, Corea do Norte, Cuba ou Vietnam), a transformación é imparable: as democracias parlamentarias suceden ás democracias populares e a globalización económica afecta a países con gobernos comunistas (China é o exemplo paradigmático). As consecuencias deste proceso de “transición cara ao capitalismo” son evidentes: crise da esquerda occidental (mesmo da que se distanciara do stalinismo), desmobilización sindical, auxe dos movementos racistas e fascistas, etc. Non obstante , a nova orde mundial, presidida pola hexemonía política e militar dos EE UU e a globalización económica abre un novo período no que o comunismo, desligado da parálise que significaba a súa identificación cun partido-Estado, comeza a ter un papel significativo. -
comunismo de guerra
Etapa da política económica do goberno bolxevique que seguiu ao período de capitalismo de Estado desde 1918 ata 1929. Deu paso á chamada Nova Política Económica ou NEP, a causa da dislocación económica que se produciu. Entre as súas realizacións cómpre sinalar a nacionalización total da produción, a supresión do mercado organizado e a instauración dun monopolio estatal, a centralización total da xestión industrial, a instauración do traballo obrigatorio e a militarización en certos sectores.
-
comunismo libertario
Corrente e principio económico do anarquismo, coñecida tamén como anarquismo comunista ou anarcocomunismo, que combate todo tipo de propiedade, tanto privada como colectiva. Diferénciase do colectivismo polo seu desexo de que no socialismo cada persoa reciba segundo as súas necesidades (e non segundo o seu traballo), sen máis limitación ca a do desenvolvemento da economía, e que pide a cada persoa as máximas contribucións segundo as súas limitacións físicas e morais. Xurdiu ao redor dos últimos congresos da Primeira Internacional. Entre 1877 e 1882 impúxose dentro do anarquismo pola evolución de boa parte dos que ata entón eran colectivistas. En 1877, o Arbeiter Zeitung de Berna elaborou uns estatutos dun Partido Anarquista Comunista de Lingua Alemana. En 1880, o congreso da Federación do Jura declarouse abertamente anarcocomunista. No Estado español, unha corrente minoritaria da Federación de Traballadores da Rexión Española seguiu esta orientación, especialmente en Andalucía. En Barcelona apareceu o primeiro xornal comunista La Justicia Humana. O anarquismo catalán foi fiel ao colectivismo, e ao ser o grupo predominante obtivo a hexemonía de todo o Estado. Pero, a partir de 1890-1893, a nova orientación estendeuse e adheríronse antigos colectivistas. Despois da onda terrorista e da época de represión, ao caer o s XIX, o comunismo libertario rexurdiu nos congresos da CNT. Durante a Segunda República, o anarquismo, especialmente a través da FAI, desenvolveu unha grande actividade desde a prensa para difundir as ideas do comunismo libertario. Ao mesmo tempo, durante as insurreccións de xaneiro de 1923 e xaneiro e decembro de 1933, tentaron implantar o comunismo libertario sobre a base dos chamados “municipios libres” en diversos lugares da Península.
-
comunismo primitivo
Modo de produción rexido pola apropiación comunal do traballo excedente. Caracterízase pola inexistencia de clases e estados (o que implica a ausencia da política), polo que a articulación da sociedade se establece entre os niveis económico e ideolóxico. O concepto, establecido por Marx e Engels, en oposición ao comunismo, foi analizado por antropólogos marxistas posteriores, como Dupré, Meillassoux, Rey, Terray ou Testart.