mariña

mariña

(< lat marīna)

  1. s f

    Rexión de terra próxima ao mar.

    Sinónimos: beiramar, litoral, ribeira.
  2. s f [XEOG]

    Sector da costa máis ou menos accidentado e cuberto de vexetación.

  3. s f

    Lugar onde se recolle auga do mar para extraer sal.

  4. s f [ARTE]

    ariante do xénero paisaxístico que representa unha vista do mar, desenvolvida na pintura occidental e oriental. Os primeiros exemplos foron os frescos romanos e pompeianos, que tiveron a súa continuidade nas miniaturas medievais e durante o Renacemento. A mariña adquiriu plena independencia temática no s XVI, coa pintura holandesa (W. van de Welde e J. van Ruysdael) e a escola francesa (Claude Gellée). Durante o s XVIII foi cultivado pola escola veneciana (F. Guardi, Il Canaletto) e a francesa (J. Vernet), e durante o romanticismo a escola británica foi, con J. M. W. Turner, unha das máis importantes deste xénero. O impresionismo ocupouse deste tema (E. Manet, C. Monet), e tamén o puntillismo (P. Signac) e o fauvismo (A. Marquet, R. Dufy). Posteriormente foi empregado pola pintura naif e pola máis conservadora, malia que o hiperrealismo tamén a cultivou.

  5. s f

    Ciencia que se dedica a estudar e ensinar as técnicas de navegación.

  6. s f [MAR]

    Conxunto de barcos que pertencen a un país e que teñen unha certa ordenación e un número mínimo de barcos cunha determinada capacidade. Pódense distinguir dúas clases de mariña: ;a mariña de guerra e a mariña mercante, aínda que existen outras especialidades, como a mariña de pesca, a deportiva e a científica. A mariña estivo tradicionalmente ligada co comercio, sobre o que influíu decisivamente e do que recibiu os principais impulsos. O continuo perfeccionamento técnico dos barcos e das instalacións portuarias deu lugar á especialización da mariña. Na organización administrativa dos diversos estados, a mariña é rexida polo ministerio correspondente.

    Confrontacións: armada, escuadra.
  7. s f [MAR]

    Conxunto de persoas dedicadas aos traballos mariñeiros. Na mariña de guerra constitúe un corpo do exército, mandado xeralmente por un almirante, e na mariña mercante segue un esquema militarizado, en que o mando dun barco lle corresponde ao capitán.

  8. mariña de guerra [BÉL/MAR]

    Parte da flota dun estado, destinada a operacións militares. Durante moito tempo confundiuse coa mercante, pois ata o s XIX, cando as necesidades bélicas o esixían, todas as embarcacións dispoñibles eran empregadas para a batalla; a excepción constituírona Fenicia ou Roma, cunha flota dedicada exclusivamente á guerra. Os descubrimentos do s XV e as novas loitas comerciais en Asia e América obrigaron ás principais potencias a equipar flotas de guerra que defendesen as rotas comerciais e as súas costas. Durante a Primeira Guerra Mundial aínda se empregaron como corsarios algúns navíos mercantes armados, práctica que fracasou cando se volveu empregar durante a Segunda Guerra Mundial. Posteriormente, a rigorosa especialización da mariña de guerra eliminou definitivamente a función bélica dos mercantes, fóra dalgunha función auxiliar. OBS: Tamén se denomina armada.

  9. mariña mercante [MAR]

    Parte da flota dun estado destinada ao comercio marítimo e ao transporte de pasaxeiros. Case toda a mariña mercante mundial está equipada por compañías privadas de navegación, pero hai unhas leis internacionais que regulan as prácticas marítimas e que foron establecidas pola Organización das Nacións Unidas na I Conferencia sobre Dereito do mar (1958), en Xenebra. Un barco en alta mar sométese soamente ao dereito internacional e dentro das augas xurisdicionais, os barcos mercantes quedan sometidos ás leis do estado ribeirán, con excepcións e variantes.