New Brunswick
Provincia marítima de Canadá, situada no litoral atlántico (73.440 km2; 729.498 h [2001]). A súa capital é Fredericton (81.346 h [2001]). Limita ao N con Québec, ao O co estado de Maine (EE UU), ao L co golfo de San Lourenzo e ao S coa baía de Fundy. Pertence á rexión apalachense e forma unha serie de altiplanos con chanzos, intercalados con depresións, como a de Restigouche, ao N, e altitudes, como as de Northern Highlands ou as de Caledonia Hills. A industria aproveita a riqueza forestal da provincia, con abundancia de fábricas de pasta de madeira e de papel. Saint John é o principal núcleo industrial. A economía oriéntase sobre todo cara á gandaría e cara á produción leiteira. Explótanse tamén recursos minerais, como carbón, cinc, cobre, chumbo e prata.