Baden
Antigo estado de Alemaña xurdido da unificación dos dominios da Casa de Baden e do proceso de disolución do Sacro Imperio. Estendíase pola beira dereita do Rin, desde Wertheim ata Basilea. Tiña unha extensión de 15.069 km2 e unha poboación ao comezo da Segunda Guerra Mundial de 2.813.657 h. A capital era Karlsruhe. Na época romana formaba parte dos Campos Decumanos. No 282 foi conquistada polos alamáns e foi incluída no ducado de Alemaña, baixo soberanía franca desde o s VI. No s X pasou a pertencer á casa de Zähringer e a finais do s XI o seu titular tomou o título de margrave. Despois da morte de Cristovo I (1527) a casa divididiuse en dúas liñas: a católica de Baden-Baden e a protestante de Baden-Durlach. Ao extinguirse a rama de Baden-Baden (1770), o país foi unificado baixo a persoa de Carlos Federico I da rama Baden-Durlach (morto en 1811), que se converteu no único margrave de Baden. En 1803, aliado de Napoleón, foi elevado á dignidade electoral e aumentou os seus estados ao engadir parte do Palatinado, os bispados de Constanza, Basilea, Estrasburgo, Espira e algunhas abadías. Posteriormente, a Paz de Presburgen de 1805 outorgoulle os novos territorios de Brisgovia e Ortenau, partes do landgraviado de Fürstenberg, o condado de Baondorf e a cidade de Constanza. No ano 1806 o margrave Carlos Federico I recibiu o título de Gran Duque de Baden e o de Duque de Zähringen e, trala súa separación do Sacro Imperio, pasou a formar parte dunha nova entidade política, a Confederación do Rin. O seu sucesor, o Gran Duque Carlos, separouse da Confederación do Rin (1813) e adheriuse á Confederación Xermánica (1815), polo que puido reter o ducado á caída de Napoleón. O 22 de agosto de 1818 proclamouse en Baden unha constitución que converteu o país nun estado constitucional. Gradualmente desenvolveuse unha oposición liberal no norte do país (zona de maior industrialización). O movemento revolucionario de 1830 repercutiu pouco en Baden, pero o de 1848 tivo maiores consecuencias. Durante o intento de establecer unha república democrática, no 1848, o Gran Duque Leopoldo fuxiu. Non obstante , a intervención do exército prusiano no verán do 1849 aplastou a revolución e restableceu o statu quo anterior. O sucesor de Leopoldo Federico I, aliouse con Austria durante a guerra austroprusiana de 1866, a pesar de estar casado coa filla de Guillerme I de Prusia. O seu goberno distinguiuse por unha política cultural progresista coa fundación en 1854 en Karlsruhe da Kunstakademie, o desenvolvemento das universidades de Friburgo e Heidelberg, e a fundación do primeiro instituto feminino en Karlsruhe. No ano 1870 o Gran Ducado de Baden uniuse mediante un tratado militar á Confederación de Alemaña do Norte e pouco tempo despois entrou dentro do Imperio Alemán. Despois da Revolución de 1918 o Gran Duque Federico II abdicou e Baden adoptou unha constitución democrática (21 de marzo de 1919). En 1933 Baden perdeu a autonomía. Hitler enviou en 1934 a Robert Wagner como gauletier e comisario do Reich, autoridade que ampliou en 1940 con Alsacia. En 1951 Baden, Wüttemberg e Hohenzollern foron agrupados no land de Baden-Wüttemberg da República Federal de Alemaña.