Baden, Casa de

Baden, Casa de
[HIST]

Casa dos príncipes do Sacro Imperio que rexiu diversos territorios alemáns. Orixinouse na familia dos Zähringen, que foron condes de Brisgovia, duques de Zähringen e margraves de Verona. Armando II (morto no 1130) foi o primeiro margrave de Baden (1112), localidade que herdou da súa nai, Judit de Backnang. Arredor do 1155 os seus descendentes adquiriron Hochberg (ou Hachberg). Á morte de Armando IV (1190), os seus dous fillos repartiron a herdanza: o primoxénito, Armando V, formou a liña de Baden-Baden e adquiriu os señoríos de Durlach, de Ettlingen (1218) e de Pforzheim (1236?); o segundo, Erico I, formou a liña de Baden-Hachberg (extinguida no 1418, a herdanza pasou á de Baden-Baden), da que naceu a rama de Baden-Sausenberg, que incorporou os señoríos de Rothelin e Badenweiler e o condado soberano de Neuchatel (que pasou por sucesión feminina aos Orleans, duques de Longueville), extinguida en 1503 pasou a herdanza a liña dos Baden-Baden. O margrave Armando VI de Baden-Baden, fillo de Armando V, herdou os ducados de Austria e de Estiria en 1248, que perdeu o seu fillo Federico I en 1251. En 1283 os Baden-Baden adquiriron o condado de Eberstein e recibiron a investidura imperial de margraves de Baden (1362). En 1437 incorporaron o condado de Sponheim e en 1442 o condominio dos señoríos de Lahr e Mahlberg. O margrave Cristovo I adquiriu en 1492 o señorío de Rodemachern, e os seus fillos Bernaldo V e Ernesto I, repartiron (1515) as posesións paternas, co que formaron, respectivamente, as liñas de Baden-Baden (extinta e axuntada a Durlach no 1771) e de Baden-Durlach, a primeira luterana desde 1566, e a segunda católica desde 1571, e ambas as dúas coa dignidade de margraviados. Os margraves Luís Guillerme de Baden-Baden e Carlos Guillerme de Baden-Durlach cambiaron as súas capitais, destruídas polos franceses, por novas residencias: Rastatt e Karlsruhe, respectivamente. En 1615 foi instituído o dereito de primoxenitura e regulamentouse a indivisibilidade do país. Federico VII de Baden-Durlach (morto en 1709) foi desterrado do trono polos franceses en 1688, pero recobrouno en 1697 e adquiriu o señorío de Kehl en 1699. O margrave Carlos Federico I (morto en 1811) fundou mediante a adquisición de diversos territorios o moderno Baden (1803) e en 1805 tomou o título de Gran Duque. En 1918 o Gran Duque Federico II abdicou e foi proclamada a república. Á súa morte (1928) os seus dereitos pasaron ao seu primo irmán Maximiliano I (morto en 1929), quen fora en 1918 Chanceler do Imperio Alemán.

Palabras veciñas

Badegulense | Baden | Baden | Baden, Casa de | Baden, cultura de | Baden, Escola de | Baden-Baden