2 á

2 á

(< lat ala)

  1. s f [ANAT]
    1. Órgano presente nas clases dos insectos, quirópteros e aves, que posibilita o voo. Nas aves, a á é a extremidade anterior, constituída por dúas partes esenciais: a armadura ou esqueleto, que lle outorga consistencia e lle transmite a enerxía necesaria para efectuar o voo, e o revestimento ou plumaxe, que lle confire a adecuada superficie e resistencia no aire. A parte esquelética das ás está constituída pola cintura escapular, o úmero, o cúbito e o radio, o carpo, o metacarpo e os dedos. A cintura escapular é potente e solidamente implantada co fin de poder coadxuvar cos poderosos músculos pectorais a acción do voo; as dúas clavículas, soldadas, constitúen a fúrcula, e a omoplata permanece separada do coracoides. As ás están moi desenvolvidas en aves de voo sostido, como as aguias. Son curtas e adaptadas ao voo enérxico e breve en moitas aves, e noutros casos deixaron de ser útiles e remataron por cumprir outros obxectivos (no pingüín actúan como pas dun remo). Nos quirópteros, a á é unha membrana de pel fina denominada pataxio. Nos insectos, é unha extensión do tegumento, que se une ao tórax cunhas pequenas pezas esqueléticas con capacidade de articulación sostidas por uns nervios quitinosos que presentan unha disposición característica dependendo de cada grupo. En xeral, os insectos teñen dous pares de ás funcionais, agás algúns como as efímeras e os dípteros, que teñen un dos dous pares modificado. Algúns insectos non presentan ás, porque nunca as tiveron, como na subclase dos apterigotos, ou porque no proceso evolutivo desapareceron a causa do seu tipo de vida (parasitismo, etc).

      Ex: A gaivota bateu as ás e iniciou o voo.

      Sinónimos: ala.
    2. Membrana dalgúns mamíferos (dermópteros, falanxéridos) que se estende entre os membros anteriores e posteriores e lles permite planar.

      Sinónimos: ala.
    3. Membrana dalgúns réptiles actuais do xénero Draco e dos pterosauros, réptiles voadores desaparecidos no Cretacio.

      Sinónimos: ala.
    4. Aleta pectoral modificada dos peixes voadores, que lles permite facer grandes saltos planando fóra da auga.

      Sinónimos: ala.
  2. s f [BOT]
    1. Cada un dos pétalos laterais da flor das fabáceas.

      Sinónimos: ala.
    2. Expansión laminar, foliácea ou membranosa que se estende pola superficie de diversas estruturas como froitos, talos e pecíolos.

      Sinónimos: ala.
  3. s f [ARQUIT]
    1. Cada un dos corpos laterais que se estenden aos lados do principal nun edificio de planta composta.

      Ex: Naquela á do edificio estaba o salón do trono.

      Sinónimos: ala.
    2. Parte dunha edificación diferente da zona principal nun edificio, construción ou calquera outro espazo con división arquitectónica.

      Sinónimos: ala.
    3. Partes laterais dun escenario de teatro.

      Sinónimos: ala.
  4. s f [CONSTR]

    Ensanchamento que poden presentar as trabes, especialmente as de ferro ou de formigón, no canto superior ou inferior.

    Sinónimos: ala.
  5. [DEP]
    1. s f

      En deportes colectivos, principalmente no baloncesto, xogador ou grupo de xogadores que se posicionan nos extremos do terreo de xogo.

      Sinónimos: ala. Confrontacións: lateral.
    2. á delta

      Enxeño empregado no voo libre, consistente nunha carcasa de forma triangular, moi lixeira e recuberta dun tecido sintético, nun talabarte, do cal se suspende o deportista, e un trapecio onde se agarra coas mans.

    3. á de pendente

      Modalidade de paracaídas de tipo á, chamado tamén parapente, que permite planar despois de lanzarse dende unha montaña co enxeño xa despregado.

  6. s f [HIST/BÉL]
    1. Na orde táctica romana, a ala era a tropa de cabalería lixeira, auxiliar ( auxilia ), irregular ou aliada (composta non por cidadáns romanos, senón por indíxenas dos distintos territorios do imperio) que formaba grandes masas de continxentes nos flancos da liña. A partir do 90 a C designáronse con este nome as cabalerías militares. Durante o goberno imperial de Octavio Augusto (27 a C - 14 d C) reorganizáronse as tropas auxiliares, sendo a cabaleiría distribuída en alae millinariae, de 1.000 homes, e alae quingenariae, de 500, ambas ao mando dun prefecto ecuestre (praefectus equester). Estes corpos adoptaban títulos correspondentes a distintivos de honra, que recordaban a provincia ou rexión onde foran recrutados ou ben ao xeneral ou emperador que os creara. Coñécense unhas 90 alae e cohortes de orixe hispana, máis dunha terceira parte delas procedentes do NO. En Galicia son ben coñecidas, entre outras, as alae dos cigurros (do val do Támega) e dos lemavos (destinados na Mauritania Tinguitana e na Bética).

      Sinónimos: ala. Confrontacións: cohorte.
    2. Tropa formada en cada un dos extremos dunha orde de batalla. Nunha formación militar de infantería designa os grupos que ocupan as partes laterais ou extremas.

      Sinónimos: ala, costado, flanco.
    3. Manobra que consiste en fixar a fronte do inimigo e caer sobre el polos flancos ou pola retagarda.

      Sinónimos: ala.
    4. Nunha escuadra, cada un dos grupos de barcos que se sitúan aos costados.

      Sinónimos: ala, costado, flanco.
    5. Unidade orgánica das forzas aéreas que radica nunha base aérea e está dirixida por un coronel, axudado por unha plana maior. Consta organicamente dun grupo de forzas aéreas organizada en escuadróns nun número que oscila entre dous e catro, cada un dos cales conta cun número de avións que varía entre 9 e 25. Ademais destas unidades de aparellos, unha á conta con unidades de mantenemento e servicios, así como cun mando propio. Con capacidade para levar a termo accións autónomas, pode ser de varios tipos: de bombardeo, de cazabombardeiros, de recoñecemento e de cazas de interceptación ou de transporte.

      Sinónimos: ala.
    6. O guía, avión situado na primeira posición é o punto de referencia.

      Sinónimos: ala.
    7. á de patrulla

      Formación aérea integrada por grupos de avións (parellas ou patrullas) que voan en decalaxe pola mesma banda que o avión que lles serve de guía.

  7. [AERON]
    1. s f

      Toda superficie aproximadamente horizontal, fixa ou non, sobre a que se exercen as reaccións aerodinámicas para a sustentación das aerodinas. En xeometría, a á dos avións pode ser descrita como unha placa sensiblemente plana ou cunha lixeira curvatura, simétrica respecto a un plano que contén a dirección do movemento xeral do avión. A sección da á para un plano perpendicular á dirección da envergadura está constituída por un perfil aerodinámico. As dimensións da á son o espesor, que coincide co do perfil aerodinámico, a envergadura, a corda e a superficie; parámetros importantes son: a frecha e o alongamento. A liña de unión dos bordos de ataque dos perfís é o bordo de ataque da á. De igual xeito debe definirse o bordo de saída ou de fuga da á. A estrutura da á consiste nun ou dous traveseiros principais que a percorren todo ao longo e que son os elementos que soportan as cargas de voo. No sentido da corda, hai unha serie de elementos resistentes que teñen o mesmo perfil aerodinámico ca a á. Xeralmente, o bordo de ataque está constituído por un caixón resistente que absorbe os esforzos de torsión. Na actualidade, o revestimento da á é case sempre metálico, feito con chapa ou con plafóns resistentes, que absorben boa parte dos esforzos. Entre os aleróns e a fuselaxe están situados os flaps, sempre na parte inferior. Os freos aerodinámicos van colocados na parte superior ou ben na parte inferior da á. Os dispositivos de hipersustentación están instalados baixo a á ou no ángulo de ataque. Tamén neste ángulo van montados os dispositivos que evitan a formación de xeo. Nos primeiros tempos da aviación empregábanse formas en planta semellantes ás ás das aves. Rexendo os primeiros voos reproducibles, naceron a á biplana e a triplana, que empregaban motores de escasa potencia e con estruturas lixeiras. Un parámetro que inflúe moito no rendemento dunha á é a relación peso/superficie ou carga alar. A necesidade de maior velocidade obriga a diminuír a resistencia ao máximo, motivo polo cal a forma da á máis apropiada é a de tipo monoplano. A estrutura metálica posibilitou a construción de ás monoplanas sen tirantes exteriores. Este é, practicamente, o único tipo que na actualidade se emprega nos avións modernos. Nos avións propulsados por hélice non presentan problemas de compresibilidade, motivo polo cal a forma en planta máis normal nestes casos é a de dous trapecios coas bases maiores unidas, e cos costados menores máis ou menos redondeados. A aparición do avión propulsado por reactor fixo que os fenómenos de compresibilidade teñan moita importancia e, polo tanto, buscáronse formas en planta que diminuíran os efectos prexudiciais. Deste xeito naceron a á ou ala delta, a á ou ala frecha, a á ou ala de crecemento e a á ou ala de frecha variable en voo, as peculiaridades da á influíron sobre as características en voo do avión. Tamén a duración e altura do voo resultan influídos directamente polo alongamento da á. Todo o aumento da carga nas ás significa un incremento da velocidade máxima e da velocidade crítica de voo.

      Ex: As ás axudan a manter o equilibrio do avión durante o voo.

      Sinónimos: ala.
    2. á en crecente

      Tipo de á que no centro ten unha frecha máis grosa ca nos extremos. Así logra manter estable a posición resultante das forzas aerodinámicas e, ademais, que o número de Mach no que aparecen os fenómenos de compresibilidade siga constante para todas as seccións da á.

    3. á en frecha

      A á que presenta unha frecha superior aos 20° aproximadamente. Este tipo retarda a aparición dos fenómenos de compresibilidade xa que, por esta aparición, ten importancia o valor do compoñente de velocidade perpendicular ao extremo de ataque da á. En xeral, o coeficiente resistencia é moi inferior ao dunha á recta (a de frecha nula). O coeficiente de suspensión adquire valores lixeiramente inferiores aos da á en réxime subsónico.

    4. á en frecha variable en voo

      Á que, lanzando dispositivos mecánicos adecuados, pode xirar ao redor dun eixo perpendicular ao plano da á situado na fuselaxe do avión coa finalidade de modificar a frecha de acordo coas necesidades do voo. Este tipo de á emprégase só nos avións supersónicos. O voo e a aterraxe fanse coa á estendida en frecha mínima. Durante a etapa de aceleración e de subida é conveniente que a á teña certa frecha. Durante o voo en réxime supersónico, a á queda pregada ao valor máximo da frecha e adquire xeralmente a configuración dunha á en delta.

    5. á en delta

      Á que ten unha forma en planta semellante a un triángulo isósceles. Con este tipo de á conséguense características aerodinámicas moi semellantes ás da á de frecha, pero coa diminución sensible das variacións de posición da resultante das forzas aerodinámicas con relación a á de frecha. Isto fai que a á en delta teña mellor estabilidade en réxime transónico.

    6. á supercrítica

      Á curvada por debaixo e plana por arriba, ao revés da á tradicional.

    7. á voadora

      Tipo de avión sen fuselaxe probado sen éxito nos EE UU no 1941.

    8. á xiratoria

      Hélice que, ao xirar, é fonte, parcial ou total, da forza sustentadora de determinadas aeronaves, como os autoxiros e os helicópteros, e que fai posible, nestes últimos, o despegue e a aterraxe verticais.

  8. s f [TECNOL]
    1. Parte sensiblemente plana e ampla dunha peza que se estende a un costado desta.

      Sinónimos: ala.
    2. Parte dun perfil metálico angular que se estende nos extremos da alma.

      Ex: A á da espada estaba ensanguentada.

      Sinónimos: ala.
  9. s f [HERÁLD]

    Divisa ou enseña do escudo de armas.

    Sinónimos: ala.
  10. s f [MAR]

    Vela pequena suplementaria.

    Sinónimos: ala.
  11. á de mosca [IND/GRÁF]
    1. Na industria mecánica tipo de perfil de forma trapezoidal que se dá nas dúas formas complementarias (macho e femia); e con diversas funcións (encaixe, axuste ou guía) na parte por onde se insiren dúas pezas ou mecanismos.

    2. En deseño, cor semitransparente que se emprega de fondo sobre outra imaxe para resaltar un texto ou eclipsar unha parte da mesma imaxe.

  12. en á de paxaro [ARQUEOL]

    Expresión reservada na análise tecnolóxica a unha morfoloxía de talón .

  13. s f [POLÍT]

    Tendencia ideolóxica máis extrema dentro dun grupo organizado.

    Ex: Brais está situado na á máis radical do partido.

    Sinónimos: ala.

Palabras veciñas

4 a | 5 a | 1 á | 2 á | A | Å | A