antioxidante

antioxidante

(< anti- + oxidante)

  1. adx [QUÍM]

    Que evita ou combate a oxidación.

  2. s m [QUÍM]

    Calquera composto que, engadido a unha substancia autooxidable, retarda ou inhibe a súa oxidación autocatílica ou autooxidación, producida polo osíxeno molecular da atmosfera a temperatura ambiente ou a temperaturas pouco elevadas. Son activos a baixas concentracións e con frecuencia son suficientes poucas partes por millón para inhibir a oxidación durante longos períodos. Co paso do tempo, sen embargo, o antioxidante acaba por consumirse e prodúcese a oxidación. Quimicamente os antioxidantes son moi diversos. Os tipos máis importantes son: as aminas aromáticas, os polifenois, alquifenois e amonifenois, e os compostos orgánicos de xofre. As súas aplicacións técnicas máis importantes son a protección do caucho, da gasolina e doutros derivados do petróleo, dos aceites e das graxas -comestibles ou non-, e dos plásticos (as súas propiedades mecánicas e eléctricas empeoran rapidamente ao oxidarse). No caso dos aceites e graxas alimentarias existe un estricto control sobre as substancias que poden ser empregadas ( aditivo alimentario) e, xunto cos antioxidantes, permítese o uso de substancias de efecto sinérxico como a lecitina, os ácidos cítricos, tartárico, ascórbico, etc. Úsanse tamén para protexer moitos outros produtos, como resinas naturais insaturadas, produtos químicos orgánicos, alimentos non graxos, pinturas, perfumes, produtos farmacéuticos e cosméticos, etc. Dun xeito indirecto actúan tamén como estabilizantes de moitos monómeros facilmente polimerizables. Cos antioxidantes utilízanse a miúdo quelantes, que teñen por obxecto impedir que a oxidación siga catalizada mediante pequenas cantidades de ións metálicos.

  3. antioxidante natural [BIOQ]

    Calquera substancia dotada de propiedades antioxidantes presente en produtos orgánicos naturais. Os máis potentes son os tocoferois, as lecitinas, o ácido ascórbico e os taninos.