área

área

(< lat ārĕa‘superficie’)

  1. s f [MAT]

    Nome xeral que corresponde a cada rexión plana ou do espacio. A teoría elemental das áreas dos polígonos toman como unidade de área o cadrado, que ten por costado a unidade de lonxitude. A área do rectángulo obtense facendo o produto das súas dúas dimensións. Obtense a área do paralelogramo facendo o produto da base pola altura. A área do triángulo = 1/2 (base x altura). Obtense a área dun polígono descompoñéndoo en triángulos e sumando as áreas. A área dunha rexión limitada por curvas calcúlase coa axuda do cálculo integral. A fórmula fundamental é:


    FORMULA


    A = { f(x)dx
    A área dun círculo ( cuadratura do círculo) de radio r, vale A=πr 2 . Para unha figura do espacio, se a figura consta de caras planas (como son os poliedros), a súa área obtense sumando as áreas das caras. Para as superficies curvas que poden ser aplicadas a un plano (cilindro, cono e outras figuras) a área calcúlase por medio desta aplicación nun plano. Para calquera superficie hai que recorrer a un cálculo integral.

    Confrontacións: superficie.
  2. s f [METROL]

    Unidade métrica de superficie equivalente a un decámetro cadrado.

  3. s f

    Porción dunha superficie, especialmente da superficie terrestre, caracterizado por desenvolverse nel algún tipo determinado de actividades, por darse certos fenómenos ou por estar ocupado por un certo tipo de persoas.

    Sinónimos: zona.
  4. s f

    Ámbito no que está comprendida unha actividade humana.

    Sinónimos: campo, dominio, eido, dominio.
  5. s f [ANAT]

    Zona anatómica ou superficie corporal que está relacionada con outras zonas.

    Ex: Área aórtica. Área mitral. Área motora. Área pulmonar.

  6. s f [ANTROPCULT/SOCIOL]

    En antropoloxía política, concepto metafórico que, xuntamente co de campo, delimita o ámbito onde determinados individuos ou faccións compiten entre si.

  7. [BIOL/XEOG]
    1. s f

      Parte da superficie terrestre ocupada por un taxon (familia, xénero, especie, etc); dentro da área os individuos do taxon ocupan unicamente as residencias ecolóxicas que lle son favorables.

    2. área continua

      Área que non presenta interrupcións.

    3. área discontinua

      Área formada por diversas partes separadas entre elas por extensións considerables onde o taxon non existe.

    4. área efectiva

      Área ocupada verdadeiramente, non potencialmente (área virtual), por un taxon.

    5. área mínima

      A área máis pequena, pero que xa é representativa dunha comunidade, e como tal inclúe o conxunto practicamente completo dos compoñentes da comunidade. Varía segundo as comunidades e depende de diversos factores, sobre todo da diversidade e das dimensións dos organismos que comprenden a comunidade.

    6. área virtual

      Parte da superficie terrestre onde as condicións ecolóxicas (clima, solo) permiten a vida dun taxon determinado. Normalmente a área virtual é máis grande cá área efectiva.

  8. s f [DEP]

    En deportes de oposición (balonmán, fútbol, hóckey, etc) superficie acotada no interior do terreo de xogo na que se establecen limitacións regulamentarias para todos ou para algúns dos participantes.

    Ex: Derrubárono na área e o árbitro sinalou penalti.

  9. [INFORM]
    1. s f

      Extensión dunha rede de telecomunicacións.

    2. área de selección

      Área marcada por un cadro delimitador. Cando se explora unha imaxe cun escáner, a área de selección marca a única parte da páxina que será dixitalizada.

    3. área local

      Extensión dunha rede informática na que os equipos conectados a ela se encontran próximos fisicamente.

  10. [LING]
    1. s f

      Zona lingüística comprendida nunha ou en diversas isoglosas.

    2. área de isoglosas

      Zona delimitada por un conxunto de isoglosas.

    3. área relegada

      Área que conserva un fenómeno lingüístico na súa fase antiga, como por exemplo, a área do galego do sur de Ourense que mantén o sistema de seis sibilantes xordas e sonoras do medievo.

    4. área semántica

      Área que comprende unha palabra cun significado determinado, como por exemplo a área semántica de cheirar que comprende diversas áreas e subáreas galegas, non sempre cos mesmos significados.

  11. área comercial

    Espacio integrado por unha serie de localidades que comercialmente gravitan sobre un núcleo urbano autosuficiente e cun grao de especialización comercial adecuado para abastecer os produtos de uso máis común á súa propia poboación e á das localidades veciñas.

  12. área cultural [ANTROP/CULT]

    Espacio no que existe un alto grao de consistencia dos mesmos trazos culturais, e que se distingue doutras áreas veciñas.

  13. área da fotografía [ARTE]

    Espacio ou superficie determinado por certas características fotográficas.

  14. área de aterraxe [AERON]

    Parte dun aeródromo exclusivamente destinado ao despegue e aterraxe dos avións.

  15. área de coñecemento [EDUC]

    Realidade que reflicte unha interrelación de ciencias e polo tanto un feito interdisciplinar propio das etapas educativas que comprenden o ensino obrigatorio e no que debe primar sobre outros o principio didáctico da globalidade. En España o vocábulo aparece no eido educativo por vez primeira, cando menos oficialmente, nas Orientacións Pedagóxicas para a EXB, no ano 1970. Daquela, o currículum correspondente ás primeiras etapas educativas dividíase en Áreas de Expresión e Áreas de Experiencia. As primeiras comprendían a Área de Linguaxe e Matemática, ademais da de Expresión Plástica e a de Expresión Dinámica. Pola contra, as segundas, materializadas na Área Social e Natural, trataban sobre o estudo tanto de materias científicas e técnicas, como da realidade medio ambiental na que vivían os alumnos. Claro está que naquela realidade non tiña sitio a diversidade cultural e lingüística do galego, catalán ou vasco, entre outras. A presencia dunhas áreas ou doutras nun currículum non debe xustificarse unicamente en base a criterios de tradición pedagóxica. Esta é a razón pola que, agora mesmo, nas directrices da maioría dos sistemas educativos recoméndase que para a elección ou non dunha área se teña en conta, máis ca ningunha outra cousa, o criterio do valor que favoreza o desenvolvemento do alumno nun período concreto. Actualmente os Deseños Curriculares correspondentes ao Ensino Obrigatorio da maioría dos países occidentais estrutúranse en áreas, de maneira que ao mesmo tempo que favorecen un enfoque didáctico globalizado, posibilitan, ademais, a necesaria relación entre os profesores. Non obstante o sentido e estrutura das distintas áreas é moi distinto segundo se trate de Educación Infantil, Primaria ou Secundaria Obrigatoria. Así, no modelo implantado no noso país coa LOXSE, mentres na Etapa Infantil as áreas teñen unha forte dependencia das experiencias dos rapaces, chegando a non concretarse de forma expresa, no DCB correspondente a Primaria o peso da fonte interdisciplinar é moi importante. Nesta etapa en concreto hai que falar das seguintes áreas: Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural, Educación Artística, Educación Física, Lingua Galega (en Galicia), Lingua Castelá e Literatura, Lingua Estranxeira e Matemática. Para o Ensino Secundario Obrigatorio (ESO), ademais das áreas que cada centro oferte no Proxecto Curricular correspondente, hai que falar de: Ciencias da Natureza, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación Física, Educación Plástica e Visual, Lingua Galega (en Galicia), Lingua Castelá, Lingua Estranxeira, Matemática, Música e Tecnoloxía. Na ESO as disciplinas gañan protagonismo xa que a maior parte das áreas correspóndense ben cunha disciplina concreta ou ben con varias, respectando sempre a estrutura e aínda as metodoloxías propias destas. Convén aclarar, sen embargo, que na configuración das distintas áreas, para a etapa ou nivel que corresponda, sempre se teñen en conta ademais dos aspectos informativos, propios das disciplinas das que en cada momento se trate, outros non menos importantes como son os psicolóxicos, pedagóxicos e sociolóxicos. Segundo isto pódese afirmar que o concepto de área trascende ao de materia ou disciplina.

  16. área demográfica

    Territorio onde vive un grupo humano que ten un comportamento demográfico propio e homoxéneo que o distingue dos outros.

  17. área de traballo [INFORM]

    Conxunto de posicións de memoria usadas por un programa para almacenar nel provisionalmente certos datos, como resultados semielaborados.

  18. área de servicio [URBAN]

    Espacio situado nas autoestradas que dispón de gasolineira e doutros servicios  ao que poden acceder os vehículos. 

  19. área en declive industrial [ECON]

    Rexión ou subrexión dun estado que, como resultado das variacións na demanda, na concorrencia do desfasamento tecnolóxico e doutros factores, experimenta un descenso e desmantelamento das actividades industriais que foran nun pasado as principais nese territorio.

  20. área estatística [XEOG]

    Circunscrición administrativa de Nova Celandia.

  21. área metropolitana [DER]

    Agrupación territorial superior ao termo municipal dunha gran cidade, e que normalmente inclúe diversos municipios, para a organización dos servicios públicos que esixen unha xestión ou planificación sobre un territorio máis extenso.

  22. área neutral [DER]

    Territorio que por ser un estado soberano, unha división do mesmo ou non estar incluído na soberanía da súa cabeza, á que se renunciou, consegue voluntariamente ou por tratado, non ser escenario de hostilidades.

  23. área opaca [BIOL]

    Rexión periférica do blastodermo que envolve a área pelúcida no embrión das aves nos estadios de blástula e gástrula. Dá lugar ao electodermo extraembrionario.

  24. área pelúcida [BIOL]

    Rexión central do blastodermo en embrións de aves durante os estadios de blástula e gástrula. Probablemente determina a posición do eixe céfalo-caudal.

  25. área recreativa [URBAN]

    Espacio destinado á distracción ou ao descanso das persoas.

  26. área seleccionada [ASTRON]

    Cada unha das zonas da esfera celeste propostas por Kepteyn no 1904 coa finalidade de repartir o estudo do ceo entre os diferentes observatorios do mundo.

  27. área urbana [URBAN]

    Área dunha poboación con construción continua e compacta.

  28. lei das áreas [FÍS]

    Teorema referido ao movemento dun punto, sometido a un sistema de forzas centrais, que demostra que as áreas descritas polos radios vectores r son proporcionais ao tempo empregado para describilas. En astronomía, este teorema é aplicado ao estudio do movemento dun planeta con respecto ao Sol e coñécese como a segunda das tres leis de Kepler. A demostración obtense ao aplicar o teorema do momento angular ao caso particular do movemento dun punto material M, sometido a un sistema de forzas centrais que pasan polo punto O, respecto ao que se obteñen os momentos. Estes teñen unha resultante nula e, polo tanto, o momento angular L é un vector constante sempre perpendicular aos radios vectores, que describirán como consecuencia unha traxectoria plana.

  29. regra da área [AERON]

    Conxunto de condicións a cumprir para que a combinación dun casco e dunha á en réxime supersónico, teña resistencia aerodinámica mínima. Foi establecida por R.T. Whitcomb no 1953. Un casco proxectado seguindo esta regra terá unha sección de menor área na zona correspondente ás ás e aos temóns e non nas zonas inmediatamente próximas. Algúns avións proxectados de acordo coa regra da área son os cazas F-106 Delta Dart e F-105 Thunderchief e os bombardeiros B-58 hustler e Mirage IV.