ASCÓN

ASCÓN
Nome científico: [Astilleros y Construcciones SA]

Empresa de construción naval que xurdiu en 1958 como fusión de Astilleros Construciones SA e Construciones Navales Yarza SA. Na ría de Vigo existían dúas factorías: a de Meira (Moaña) dedicábase preferentemente á construción de pesqueiros e buques mercantes de ata 10 toneladas de peso morto (TPM) e a de Ríos encargábase da reparación de pesqueiros e buques mercantes. A familia galega Fernández Dávila era a propietaria de ASCÓN. En 1962 ASCÓN tiña 288 empregados, en 1973, 851 empregados e, en 1975, xa contaba con 1.190 traballadores. En 1962 tiña unha capacidade de produción de 4.000 toneladas de rexistro bruto. A lei de renovación e protección da flota pesqueira española de 1961 supuxo un forte impulso para a produción de ASCÓN. A lei establecía a necesidade de renovar a flota pesqueira de máis de 15/25 anos -segundo fose o casco de madeira ou aceiro- e garantía nesas condicións o acceso a un crédito estatal, fixando un período de renovación entre os anos 1962 e 1971. O período de recesión económica en ASCÓN comezou en 1973. Os estaleiros asinaron un contrato multimillonario con carga de traballo para varios anos con Cubapesca. Nese contrato non había cláusula de revisión e no período de amarras baixaron os prezos contratados pola crise financeira internacional derivada dunha mala conxuntura económica internacional que abrira a guerra de 1973 no Medio Oriente. A crise económica de ASCÓN derivou na compra do estaleiro o 8 de marzo de 1977 polo Grupo cántabro Pérez e Cía, pertencente á familia Pérez Maura, que pagou a cantidade de 300 millóns. A crise dos estaleiros repercutiu no concello de Moaña, onde a actividade fabril reduciuse á industria alimenticia derivada da pesca. A mala situación económica de ASCÓN desencadeou un conflito socio-laboral que mantivo aos traballadores en folga desde o 23 de febreiro ata o mes de outubro de 1978. A tensión laboral comezou en marzo de 1977 coa suspensión de emprego e soldo durante dez días e tentativa de despedimento de tres xurados -delegados sindicais- da factoría de Meira. En abril de 1977 a nova dirección da empresa impuxo un novo réxime de produción, planificando en xuño do mesmo ano unha regulación do persoal. En xullo a empresa fixo unha regulación de 241 empregados. A folga completouse con manifestacións polas rúas de Vigo. No ano 1986, a empresa Rodman Polyships mercou a factoría de produción de Ríos, en Vigo, mentres que a de Meira adquiriuna en 1991.

Palabras veciñas

ascomicotina | ascon | ascón | ASCÓN | ascona | Ascophyllum | ascórbico, ácido