Ascophyllum

Ascophyllum
[PROTISTA]

Xénero de algas da familia das fucáceas. Nas costas atlánticas é común a especie A. nodosum con talos de ata 1,5 m de lonxitude, de cor castaña, laminares, sen nervadura media e arredondados, preto do disco co que se fixan ao substrato; presenta varios eixes ramificados de xeito dicótomo e con curtas ramiñas laterais; os eixes principais presentan aerocistes que forman engrosamentos; os receptáculos con conceptáculos, onde se orixinan os gametos, poden acadar ata 15 mm de lonxitude e atópanse ao longo de todo o talo. Esta especie, presente en esteiros e costas protexidas no mesolital medio, ten un alto interese comercial ao empregarse para a obtención de alxinatos e a fabricación de pensos e abonos; tamén é apreciado en alimentación polo contido en vitamina B6, potasio, ferro e magnesio, en farmacia, onde se emprega como laxante, e en cosmética, para a fabricación de cremas.

Palabras veciñas

ascón | ASCÓN | ascona | Ascophyllum | ascórbico, ácido | ascorbinasa | ascós