ben

ben

(< lat bene)

  1. s m

    O que procura unha vantaxe, unha utilidade, unha satisfacción ou que é favorable ou conveniente.

    Ex: O mellor ben que lle podes ofrecer é confiar no seu traballo.

    Sinónimos: beneficio, beneficio.
  2. s m

    Situación ou estado de benestar.

    Ex: Toda a súa vida a dedicou ó ben dos desfavorecidos.

  3. s m
    1. Aquilo que se axusta ao que se considera moralmente bo ou que é xusto e honesto.

      Ex: A Humanidade sempre se mantén en loita co ben e co mal.

    2. [FILOS]

      Aquilo que constitúe a perfección dun ser, ben como tal, ben como o fin doutro ser que o desexa en tanto que pode satisfacer unha necesidade ou unha carencia. A noción de ben incluíu tanto a idea de perfección do ser en si mesmo como a de satisfacción, conveniencia ou apetencia en relación cos outros seres. De acordo coa primeira xurdiron as consideracións metafísicas, segundo as que existe un ben supremo, fonte de todos os outros bens: idea para Platón, Un para Plotino, Deus para a patrística e a filosofía medieval. Da segunda derivaron os puntos de vista teolóxicos ou éticos. Aristóteles define o ben como aquilo que todos desexan e a finalidade das accións humanas. Co empirismo foi concibido como aquilo pracenteiro ou útil. Concepto normativo fundamental da moral, da diversidade das concepcións do ben procede a multiplicidade e relatividade das morais.

  4. s m [EDUC]

    Cualificación académica entre o suficiente (ou aprobado) e o notable.

  5. [DER]
    1. s m

      Todo aquilo do que se pode dispoñer xuridicamente para obter un proveito ou unha utilidade. OBS: Xeralmente se utiliza en plural.

      Ex: Repartiu todos os seus bens entre os fillos.

      Confrontacións: pertenza, propiedade.
    2. ben común/ben comunal

      Ben aproveitado e de uso exclusivo da comunidade de veciños do concello onde se atopa. O aproveitamento dos bens comunais ten que ser para explotación común ou para cultivo colectivo, segundo os usos e costumes tradicionais, ou mediante adxudicación de lotes. No Antigo Réxime, eran terras de propiedade comunal aquelas que pertencían aos habitantes dun concello (prados, bosques, etc), e comprendían tamén os bens de uso complementario e común como os fornos.

    3. ben corporal/ben material

      Ben perceptible por calquera dos cinco sentidos.

    4. ben de consumo (e uso)

      Ben que satisfai unha necesidade do consumidor e que se destrúe co uso, xa sexa inmediatamente (os comestibles, os combustibles, etc), chamados perecedoiros, ou de xeito gradual (os vestidos, os lapis, etc), chamados duradeiros.

    5. ben de uso público

      Ben de dominio público destinado directamente a uso xeral (camiños, estradas, parques, fontes, etc). O emprego adoita ser comunal e xeral, aínda que pode ser privativo de alguén mediante o outorgamento pola admistración pública dunha concesión.

    6. ben divisible

      Ben que pode ser dividido ou fraccionado sen se estragar ou resultar inutilizable.

    7. ben eclesiástico

      Segundo o dereito canónico, calquera ben temporal propiedade da Igrexa Universal, da sé apostólica ou de calquera persoa moral que exista legalmente dentro da Igrexa Católica. Poden ser corporais ou incorporais (mobles ou inmobles en ambos casos), sagrados e preciosos. As principais formas de adquirilos foron os décimos e as primicias, a colecta, os tributos ocasionais ou permanentes e as doazóns piadosas ou causas pías. O Papa é o administrador supremo dos bens da Igrexa Universal e da sé apostólica; o bispo é o administrador dos bens da diocese propia, ademais de supervisor de todos os bens que radican nela.

    8. ben funxible

      Ben moble que pode estar determinado polo número, pola medida ou polo peso e que, normalmente, se substitúe por outro equivalente (os cartos, por exemplo).

    9. ben futuro

      Ben que non se posúe na actualidade, pero que hai posibilidadese lóxicas de posuír nun futuro máis ou menos próximo (unha colleita, por exemplo).

    10. ben gravado

      Ben que responde directamente ao cumprimento dunha obriga ou dunha débeda.

    11. ben incorporal/ben inmaterial

      Ben que soamente ten unha existencia intelectual ou xurídica (o propio nome, os dereitos de autor, etc).

    12. ben indivisible

      Ben que non pode ser dividido sen ser estragado, é dicir, sen devir inservible e sen que diminúa considerablemente o seu valor proporcional (unha máquina de escribir, un animal, etc).

    13. ben inembargable

      Ben propio do debedor que non pode ser retido en virtude de mandamento xudicial. Son embargables todos os bens do debedor, mais, por respecto á personalidade humana e por razóns de interese público ou social, a lei fai certas excepcións (parte do salario, bens destinados ao uso ou servizo público, etc).

    14. ben inmoble/bens raíces/sedentes/sitios

      Ben que ten unha situación fixa e non pode ser desprazado sen o estragar (terreo). Considéranse inmobles por natureza as augas; por incorporación as árbores, edificios, etc.; por destinación as incorporacións permanentes a un inmoble (estatuas, criadeiros de animais, etc.), e por accesión outros.

    15. ben libre

      Ben que non está sometido a ningún gravame.

    16. ben litixioso

      Ben do que, nunha controversia xudicial, se discute a propiedade. A situación ten importancia, cando, pendente da sentenza dun litixio, o ben se transmite a un terceiro, quedando a súa propiedade determinada en función do resultado do litixio.

    17. ben moble

      Ben que non ten unha situación fixa e que pode ser trasladado dunha parte a outra sen que se deteriore.

    18. ben non consumible

      Ben que pode ser usado sen que se destrúa ou deteriore a primeira vez.

    19. ben non funxible

      Ben moble que non pode ser substituído por outro.

    20. ben non rexistrable

      Ben que non é susceptible de ser inscrito nun rexistro público e, por tanto, non goza da protección que esta inscrición comporta.

    21. ben patrimonial

      Ben pertencente a unha persoa de dereito público, non destinado aos servicios públicos ou ao uso xeral. Clasifícanse en ben xeral (suxeito, con certas variantes, ao réxime da propiedade privada) e ben de propios.

    22. ben presente

      Ben que ten existencia na actualidade.

    23. ben privado

      Ben que pertence a persoas ou entidades privadas.

    24. ben público

      Ben que pertence a unha entidade pública. En dereito canónico, ben inmaterial que forma parte do depósito do dogma e da moral católica e que, por tanto, é invendible e non pode ser obxecto de transacción.

    25. ben rexistrable

      Ben susceptible de inscrición nun rexistro público para que todo o mundo poida coñecer a situación xurídica.

    26. ben sucesorio

      Ben que algunha persoa deixa en vida ou que deixou ao morrer.

    27. bens acensuados

      Bens raíces que teñen a gravación dun censo.

    28. bens adventicios

      Bens adquiridos polo traballo, fortuna ou herdanza do fillo cando aínda está suxeito á patria potestade da súa familia.

    29. bens alodiais

      Bens que están libres de todo dereito señorial.

    30. bens antifernais

      No dereito romano, bens que o marido tiña a obriga de dar á muller, en cantidade proporcional á importancia do dote achegado por ela ao matrimonio.

    31. bens castrenses

      Bens que adquire o fillo da familia por causa do servizo militar.

    32. bens consumibles

      Bens que co seu uso se destrúen, xa de xeito inmediato, xa de forma gradual.

    33. bens corporais

      Bens que son percibidos por algún dos cinco sentidos.

    34. bens de abadengo

      Bens situados no territorio xurisdicional dunha autoridade eclesiástica e que por este motivo, estaban exentos dalgunhas cargas.

    35. bens de aproveitamento común

      Bens comunais nos que a propiedade pertence ao pobo e o seu uso a todos os seus veciños.

    36. bens de avoengo

      Bens herdados dos avós.

    37. bens de defuntos

      Nas antigas colonias españolas, bens dos españois e estranxeiros que morrían e tiñan ausentes os seus herdeiros.

    38. bens de dominio público

      Bens que pertencen a unha entidade pública (estado, comunidade autónoma, municipio, etc) e que están destinados directamente ao cumprimento dun fin público propio do seu titular (un parque ou xardín).

    39. bens de fortuna

      Bens que constitúen o patrimonio dunha persoa.

    40. bens de ninguén

      Bens que non pertencen a ninguén ou que foron abandonados polo seu dono.

    41. bens de propios

      Ben patrimonial que pode constituír para a facenda dunha entidade local unha fonte de ingresos propios do dereito privado. No Antigo Réxime, eran os bens que formaban parte do común da poboación e que, cos beneficios que se obtiñan deles, servían para sufragar gastos.

    42. bens de reguengo

      Bens afectados polos dereitos, tributos ou cargas reais.

    43. bens de servicio público

      Bens de dominio público destinados directamente ao exercicio de funcións de titularidade pública (museos, hospitais, cemiterios, etc). As condicións de emprego destes bens veñen determinadas polas normas legais xerais e polas propias de cada servizo ou función.

    44. bens dotais

      Ben co que contribúe a muller ao matrimonio en concepto de dote.

    45. bens feridos

      Bens que están gravados con algunha carga.

    46. bens forais

      Bens concedidos polo seu dono a outra persoa, reservándose o dominio directo por algún tempo mediante o pago dunha pensión anual ou gratitude.

    47. bens gananciais

      Cada un dos bens que forman parte do patrimonio común a ambos os cónxuxes, adquiridos durante a sociedade conxugal, cando o patrimonio está rexido por un sistema de comunidade absoluta ou limitada de bens e non por un título que os faga privativos.

    48. bens nacionais

      Nome que adopta o conxunto de bens, colectivos ou privados, apropiados pola Revolución Francesa, sobre todo ata 1794. Tamén outros réximes liberais, como o español durante a desamortización do s XIX, expropiaron bens da Igrexa, comunais ou pertencentes a emigrados ou sospeitosos antes de ser sometidos a poxa pública.

    49. bens nullius/sen dono

      Bens mobles ou semoventes que, ao non ter dono coñecido, se aplican ao estado. En xeral, aplícase o nome a todos os bens que non teñen dono sexan mobles ou raíces.

    50. bens parafernais (ou privativos)

      Bens propios de cada un dos cónxuxes no tempo de celebrar o matrimonio e os que por calquera título adquirisen despois do contrato, en tanto que non formen parte do dote ou das institucións dotais.

    51. bens profecticios

      Bens que adquire o fillo, que vive baixo a patria potestade, utilizando os bens de seu pai ou que lle veñen a través deste.

    52. bens relictos

      Bens que deixa ou quedan dalgunha persoa cando esta falece.

    53. bens reservables/reservativos

      Bens adquiridos, xeralmente, por herdanza, do que o herdeiro ou legatario, chamado reservista, non pode usar libremente, porque a lei establece que, trala morte do reservista, este ben ten que pasar con preferencia a determinados parentes do primeiro causante.

    54. bens secularizados

      Bens que foron eclesiásticos e despois desamortizados.

    55. bens semoventes

      Ben moble capaz de ser movido por el mesmo (animais).

    56. bens troncais

      Bens patrimoniais que, morto o seu posuidor sen posteridade, non pasan ao seu herdeiro regular, senón que volven, por ministerio da lei, ao tronco, liña ou raíz de onde proceden.

    57. bens vacantes

      Ben inmoble que non ten dono coñecido.

  6. [ECON]
    1. s m

      Cada un dos medios obtidos a partir da natureza -física ou humana- polo proceso económico da produción, a través do traballo, e empregados polos homes para satisfacer as súas necesidades. Chámanse bens económicos para distinguilos dos bens libres (que existen de xeito ilimitado na natureza e poden presentarse no seu estado natural), dos que os diferenza o feito de ter un custo e, por tanto, un prezo e que, por iso, son obxecto de estudo da economía política. Dende un punto de vista económico, hai dúas clases de bens: bens de consumo, destinados ao consumidor e que desaparecen co seu uso (se son consumidos en períodos curtos son bens perecedoiros ou de consumo inmediato, e se permanecen sen modificación algunha son de consumo duradeiro), e bens de produción, que se empregan como instrumentos de traballo para crear outros bens e que, indirectamente, tamén satisfán unha necesidade. Os bens de consumo reciben tamén o nome de bens directos, mentres que os de produción son indirectos ou de capital. A demanda destes últimos bens está en función da demanda dos bens de consumo que producen. Cando un mesmo ben é de consumo e de capital recibe o nome de ben mixto. A terminoloxía anglosaxona chama inputs a todos os bens de produción que entran a formar parte do custo de fabricación, e outputs, aos produtos acabados. A terminoloxía sobre os bens variou segundo as escolas económicas. Alfred Marshall fai unha distinción entre bens transferibles e bens intransferibles. Outros economistas establecen os bens de primeira orde, de uso ou directos, que son de emprego inmediato, e os bens indirectos, que comprenden os bens de segunda orde, que son medios de produción para os de primeira orde; os de terceira orde, que o son para os de segunda; e así, sucesivamente, ata chegar aos de orde superior. Ademais, outras divisións distinguen entre bens necesarios, esenciais para a subsistencia, e bens superfluos ou de luxo.

    2. ben de investimento

      Ben que serve para a produción de novos bens e servicios nun futuro.

    3. ben divisible

      Ben que permite identificar o seu beneficiario.

    4. ben indivisible

      Ben no que non é posible identificar o beneficiario do mesmo.

    5. ben inferior

      Ben no que a súa demanda diminúe co aumento da renda do consumidor.

    6. ben superior/de luxo

      Ben no que a súa demanda aumenta cando o fai a renda do consumidor.

    7. bens complementarios

      Bens que se empregan dun xeito conxunto co obxectivo de satisfacer unha única necesidade. Cando a demanda dun cae ou sofre algunha modificación, inmediatamente repercute na demanda do outro produto. É o caso das bebidas alcohólicas coas bebidas carbónicas.

    8. bens gratuítos

      Conxunto de bens aos que se pode acceder sen custo económico para o consumidor.

    9. bens substitutivos

      Bens cun consumo que provoca necesariamente o rexeitamento no consumo doutros. A demanda dun dos bens é inversamente proporcional á do ben substitutivo.

  7. ben común [FILOS/POLÍT]

    Doutrina que recolle o conxunto das condicións da vida social que permiten o desenvolvemento colectivo da sociedade e a realización particular de cada un dos seus membros. O concepto foi anunciado por Platón na República ao falar da xustiza individual e da do estado, entendendo que o ben común transcende os particulares e que, polo tanto, a felicidade do estado ten que ser maior. Aristóteles na Política entende o ben común como característico do estado, que implica o ben de todos e non soamente dos dirixentes ou gobernantes. É o estado o que ten que proporcionar aos seus membros o necesario para acadar a felicidade e o benestar como cidadáns. Despois destes precedentes clásicos a doutrina foi basicamente elaborada pola tradición católica. Para San Tomé de Aquino constitúe o punto central da súa teoría política, na que establece dúas categorías distintas: o ben individual, propio das persoas, e o ben común, propio da sociedade e distinto da suma de bens individuais. Neste sentido, defende que a sociedade ten uns fins propios (naturais) que deben ser atendidos e realizados, polo que os bens individuais deben subordinarse ao ben común. Así mesmo, en tanto que naturais, pertencen a unha orde diferente da orde á que pertencen os bens espirituais e o ben supremo, estando subordinados a esta orde última. Posteriormente, diversos pensadores inverteron a subordinación e afirmaron que o ben común do estado era o único posible. O Papa León XIII relaciónao co ben último, concepto posteriormente reflectido en documentos pontificios. A formulación máis elaborada é a Pacem in Terris (1963) do Papa Xoán XXIII, que retoma unha pasaxe da Mater et Magistra (1961), e vincúlao ao desenvolvemento integral da persoa. Segundo a constitución Gaudium et Spes (1965), do Concilio Vaticano II, cómpre entender o ben común de cada comunidade política como un compoñente do ben común universal.

  8. s m

    Persoa á que se quere moito. OBS: Neste uso debe ir precedido de posesivo.

    Ex: Quérote moito, meu ben.

  9. adv
    1. De xeito conveniente ou como se debería facer. OBS: Ocasionalmente pode aparecer unido a un participio constituíndo unha única palabra.

      Ex: benfalado, benfeitor.

    2. De maneira recta, conforme á razón ou á moral.

      Ex: Portouse moi ben na cea de fin de curso.

  10. adv
    1. De xeito suficiente.

      Ex: Non me pagaron ben o traballo realizado.

    2. De xeito aproximado.

      Ex: Había ben dúas mil persoas no concerto. Ese coche pode valer ben dous millóns.

    3. En grao considerable ou en gran cantidade. OBS: Co significado de ‘gran cantidade’ pode construírse seguido da preposición de.

      Ex: É ben longa esta estrada. Era unha rapaza ben boa cos seus amigos. Está ben frío o café. Haiche ben delas dentro do cofre.

      Sinónimos: moi.
  11. adv

    De xeito claro.

    Ex: Hoxe non se ve ben a tele. Non entendo ben o que quere dicir co seu circunloquio.

  12. adv

    Con boa saúde ou que ten aspecto de gozar dela.

    Ex: Está ben, xa non se queixa da operación.

  13. adv

    Reforza unha afirmación. OBS: Xeralmente vai precedendo ao verbo.

    Ex: Aínda que o negue, el ben sabe que non ten razón. Ela ben coñece cál é realmente a situación da factoría.

  14. conx disx

    Úsase para ofrecer unha alternativa entre dúas posibilidades e pode ir precedida da conxunción ou. OBS: Vai sempre repetida.

    Ex: (Ou) ben foron ó cine (ou) ben están nunha cafetería, pero na casa non quedaron.

    Sinónimos: ora, quer.

Frases feitas

  • Abrir ben os oídos. Escoitar atentamente.

  • Estar ben caído nun oficio. Tirarlle proveito.

  • 2 Ser moi traste.

  • Ai logo ben! Expresión de demostra sorpresa ou conformidade.

  • Aí vai o ben que a vella ten. Indica que unha cantidade pequena dalgunha cousa constitúe a totalidade do que hai.

  • Aínda ben que ben. Indica que se adopta unha postura resignada ante a fatalidade ou a adversidade.

  • Amañarse por ben. Chegar a un acordo.

  • Apañaches ben! Indica que o interlocutor se molestou moito ou levou o seu merecido.

  • Ben deitamos de/Ben nos cadra de. Gracias a.

  • Ben deitarse que. Menos mal que.

  • Ben que/se ben conx conc Aínda que.

  • Deus dea gozo do ben. Fórmula que se emprega despois da misa.

  • Dicir ben. Sentar ben algunha cousa.

  • Estar ben calzado. Ter recomendación.

  • Estar ben forrado. Ter diñeiro.

  • Estar ben sabido dalgunha cousa. Estar seguro dalgunha cousa.

  • Estar ben sentado como bo torrón. Aplícase á planta que está ben plantada e en boa terra.

  • Estar/pórse/quedar a ben. Expresións que indican boas relacións entre as persoas. ANT: estar/pórse/quedar a mal.

  • Facer ben e alcanzar mal. Interpretar mal a conduta de alguén.

  • Ir ben alumeado/posto. Estar borracho.

  • Irlle ben a alguén. Gozar de boa saúde.

  • Nin ben di si, nin ben di non. Aplícase a unha persoa indecisa.

  • Non andar moi ben da testa/Non estar ben da cabeza/Non rexer de todo ben. Non ter xuízo.

  • Non se dar ben. Non afacerse.

  • Non ser ben (acabado). Non ser asisado.

  • Non ter os cinco sentidos ben asentados (no seu sitio). Non ser normal.

  • Non vir ben. Non prestar ben unha comida.

  • O mudar de postura sempre lle vén ben a quen lle doe. Úsase para resaltar o beneficio acadado tras un cambio.

  • O que cala ben fala. Expresa a conveniencia da prudencia.

  • Perdóoche o mal que fas polo ben que me sabes. Aplícase a algún alimento cando é susceptible de prestar mal.

  • Pintar ben. Acaer acertadamente.

  • Saírlle ben a maraña. Resolver satisfactoriamente algunha cousa que se argalla.

  • Ser ben criado. Ser educado.

  • Ser dos que ben bailan. 1 Ser entremetido.

  • Ter moito ben de Deus. Posuír as suficientes riquezas para vivir folgadamente.

  • Ter un a/por ben. Acceder a facer algunha cousa.

  • Tomar a ben. Parecer ben.

  • Un ovo, e ese ben cacarexado. Aplícase á persoa que fala moito e fai moi pouco.

Refráns

  • Ben acaba o que ben está.
  • Ben con ben son dous bens.
  • Ben e rebén e requetebén, todo xunto, é moito ben.
  • Con facer ben, pouco se pode perder.
  • De Deus vén o ben e das abellas o mel.
  • En todas partes hai bo e malo.
  • En todos lados hai de todo.
  • Ende xuntando os bens cos males, tódolos días son iguales / tódolos tempos son iguales.
  • Facer ben a viláns é botar auga no mar.
  • Facer ben nunca se perde.
  • Fágase o ben e fágao Xan ou Miguel.
  • Fai ben e cálate.
  • Fai ben e gárdate.
  • Fai ben e non cates a quen.
  • Fai ben e non mires a quen.
  • Fai ben pero mira como e a quen.
  • Fai ben sen mirar a quen, fai mal e gárdate.
  • Fai ben sen mirar a quen.
  • Fai ben, anque non saibas a quen.
  • Fai o que debas e non o que queiras.
  • Hai mal que vén por ben.
  • Máis ama quen fai ben, que quen agrado ten.
  • Máis custa mal facer que ben facer.
  • Máis vale ben de lonxe que mal de preto.
  • Mal é acabarse o ben.
  • Nin hai ben eterno nin mal duradeiro.
  • No noso obrar está o ben e o mal.
  • Non fagas ben nin mal, sen ver primeiro a quen o fas.
  • Non hai ben nin mal que cen anos dure.
  • Non hai ben que dure nin mal que non se acabe.
  • Non hai ben que dure, nin mal que cen anos se ature.
  • Nunca é tarde para facer ben.
  • Nunca falta que n ben faga.
  • O ben a algúns tráelle o mal.
  • O ben anda e o mal corre.
  • O ben facer nunca se pode perder.
  • O ben moi querido logo é perdido.
  • O ben non a todos fai ben.
  • O ben non dura e o mal chega axiña.
  • O ben non é ben coñecido ata que é perdido.
  • O ben que facer poideres, faino ti e non esperes.
  • O ben que veña, para todos sexa; e o mal, para quen o queira ir buscar.
  • O ben tarde chega; pero o mal vén á carreira.
  • O ben voa e o mal revoa.
  • O ben, agardalo; e o mal, escorrentalo.
  • O ben, buscalo; e o mal, esperalo.
  • O bo cansa e o malo farta.
  • O bo, porque te honre; e o malo, porque te non deshonre.
  • O facer ben nunca está mal.
  • O mal e o ben cedo se ven.
  • O mal e o ben non son amigos pero son veciños.
  • O que non sabe de ben non sabe de mal e o que non sabe de mal non sabe de ben.
  • Obra ben sempre que poidas.
  • Obrar ben, que Deus é Deus.
  • Quen ben che fai, ese é teu segundo pai.
  • Quen fai ben ao común non fai ben a ningún.
  • Todo acaba coa morte menos o facer ben.
  • Veña o ben e veña por onde quixer.
  • ¡Deus nos dea ben e casa na que o ter!