Cangas, San Fiz de
Antigo mosteiro de monxas beneditinas situado en Pantón, tamén coñecido coa advocación de san Pedro. A súa data de fundación é incerta, inda que xa aparece nomeado en documentos dos primeiros anos do s XII. Trala morte da abadesa Inés López, anexionouse a San Paio de Antealtares en 1515. Só se conserva a súa igrexa, románica de transición ao gótico. A actual planta é de cruz latina cunha nave lonxitudinal e outra no cruceiro. A cabeceira é tripartita, as capelas laterais son rectangulares e a central é semicircular, no interior, e poligonal, no exterior. Entre os monumentos funerarios conservados nas capelas destaca a estatua orante de Rodrigo López de Quiroga do s XVII. O arco triunfal é de medio punto dobrado. Na igrexa consérvase un calvario, posiblemente datado nos primeiros anos do s XIV, procedente dunha pequena capela situada cerca do mosteiro. Está realizado en madeira policromada e consta de tres figuras de tamaño case natural: Cristo rodeado da Virxe María e san Xoán. A figura de Cristo mestura as características do gótico: aparece suxeito á cruz con tres cravos, lixeira inclinación da cabeza, estudo anatómico, con trazos un pouco arcaizantes, como a coroa real ou o pano ata os xeonllos. No exterior sobresae a capela maior onde se abren unhas ventás que nos tramos laterais son trilobuladas e adoptan a forma de trevo. Na portada principal destacan os relevos xeométricos do tímpano e as figuras zoomoórficas das impostas. En 1979 foi declarado Ben de Interese Cultural.