casa dos afogados, A
Texto dramático co que Miguel Anxo Fernán-Vello gañou no ano 1989 o III Premio de Teatro A Biblioteca do Arlequín promovido pola editorial Sotelo Blanco e polo concello de Santiago de Compostela. Subtitulada “Drama fantástico”, a peza divídese en dez escenas e un final, aínda que a décima está subdividida noutras sete didascalias semellantes á do final. A historia céntrase nunha familia da Fisterra galega, composta por unha nai, a súa filla e os espectros dos familiares mortos: o pai, paseado polos fascistas durante a Guerra Civil e a filla maior que morrera afogada. Con esta obra, Fernán-Vello inicia unha nova etapa na súa carreira, que pasa dunha escrita máis formal, chea de xogos metateatrais, a unha marcada tendencia ao lirismo e á vontade de explorar novas temáticas. Foi publicada en 1990 e representada polo Centro Dramático Galego no ano 1991, baixo a dirección de Manuel Lourenzo.