"PRI" (Contén)

Mostrando 20 resultados de 409.

  • Grupo de comunicación creado en Madrid en 1972 por José Ortega Spottorno, que constituíu o seu equipo directivo en 1976 ao redor do xornal El País (1976), matriz da corporación xunto coa cadea SER, creada por Jesús de Polanco en 1989. Del xurdiron outras sociedades como Unión Radio (SER, M80, Cadena 40, Maxima FM); medios impresos (Cinco Días, AS, Rolling Stones, Cinemanía), Prisacom, para a xestión dos sitios web; ou Sogecable (Canal + e Digital +). Ademais, o grupo mantivo intereses no mundo editorial en España e América (Santillana, Aguilar, Alfaguara, Taurus ou as librarías Crisol), na televisión local (Localia), e a produción audiovisual (Plural Entertainment) e discográfrica (Gran Vía Musical). Promove os premios Ondas (1953) de radio e televisión, Ortega y Gasset (1984) de xornalismo e Alfaguara (1998) de novela.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Gramático latino. Viviu en Bizancio e ensinou lingua latina durante o reinado do emperador Anastasio, ao que lle dedicou un Panexírico. Escribiu a máis importante das gramáticas latinas da antigüidade, a Institutio de arte grammatica. Na idade media adquiriu unha gran fama, e a súa gramática figura en moitas bibliotecas da época, entre elas a do mosteiro de Ripoll.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Antropónimo feminino que provén do latín priscillus, diminutivo de priscus ‘vello, antigo’, usado xa en Roma como nome propio e que en Galicia tamén se puido empregar, xa que se conserva o topónimo San Prins, e que permitía diferenciar unha persoa máis vella doutra máis nova co mesmo nome.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Dama romana. Indentificouse cunha discípula de san Paulo e muller de Aquila e cunha nobre matrona romana que se dedicaba ao socorro dos mártires, recollendo e sepultando os seus corpos e que, a instancias do papa san Marcelo, doou un cemiterio onde foron soterrados, as catacumbas de santa Priscila, na via Salaria. A súa festividade celébrase o 16 de xaneiro.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Movemento doutrinal e ascético iniciado por Prisciliano. Desenvolveuse principalmente no NO peninsular, probablemente o lugar do seu nacemento. Desde as súas primeiras predicacións ascéticas, uníronse á nova teoría os bispos Instancio e Silvano, mentres que Hixinio de Córdoba, Hidacio de Mérida e Itacio de Ossanuba foron os seus maiores detractores. En Galicia fixo ese papel o vigairo Mariniano. Prisciliano recibiu a influencia do gnosticismo, do maniqueísmo, da astroloxía e das ciencias ocultas. Rexeitou a existencia de tres persoas (pai, fillo e espírito santo) nunha soa substancia divina (a Santísima Trindade) e, no eido moral, defendeu un rigorismo que puxera fin á relaxación dos costumes, ademais quitou valor á xerarquía eclesiástica. Segundo Hidacio de Chaves, a súa predicación chegou ata Galicia e arraigou forte entre os habitantes, que mesmo repatriaron o corpo. Esta rápida extensión foi posible grazas a que na Gallaecia apenas se executaba aos herexes e que, por parte do bispo...

    VER O DETALLE DO TERMO
    1. Relativo ou pertencente ao priscilianismo.

    2. Seguidor do priscilianismo.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Antropónimo masculino que provén do latín Priscillianus, patronímico de Priscillus ‘da familia de Priscilo ou de Priscila’. A súa festividade celébrase o 14 de xaneiro.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Heresiarca. Descoñécese o seu lugar de nacemento, probablemente en Lusitania ou en Gallaecia. Escribiu numerosas obras das que coñecemos o prólogo aos Canones in Pauli apostoli epistolas e os 90 Canones, tamén se lle atribúe, aínda que con dúbidas, os 11 Tractatus de Würzburg. Descoñecese cal foi a sua formación, que algúns conceden á muller nobre Ágape e ao retórico Elpidio. A súa doutrina baseouse no gnosticismo, o maniqueísmo, o arianismo, as prácticas máxicas e as crenzas astrolóxicas. Defendeu o ascetismo, o celibato, a renuncia aos bens mundanos, a abstención da carne e do alcohol, o afastamento da igrexa durante a Cuaresma e o Nadal, o estudo das Escrituras, incluíndo os textos apócrifos, a defensa da igualdade de sexos e estamentos sociais entre os crentes, o don de profecía sen mediación xerárquica e a existencia de graos entre os crentes segundo o coñecemento. Entre os seus seguidores contou con xente culta e de certo nivel económico, mulleres e algúns bispos como Instancio...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Nome rexistrado dunha substancia que forma cristais ou pos cristalinos solubles en auga e alcol. É un vasodilatador periférico de acción semellante á da histamina. OBS: Tamén se denomina tolazolina.

    VER O DETALLE DO TERMO
      1. Lugar onde se está preso ou detido.

      2. prisión celular

        Prisión en que cada preso está separado nunha cela ou apartamento.

      1. Pena de privación de liberdade por un tempo determinado. Distínguese a prisión maior, que comprende de seis anos e un día a doce anos, e a prisión menor, desde os seis meses e un día aos seis anos. Ambas as dúas son penas graves e cúmpresen segundo un sistema progresivo, cos graos máximo, medio e mínimo, segundo a gravidade do delito cometido.

      2. prisión preventiva

        Privación de liberdade do procesado, sen carácter de pena, durante a tramitación da causa. Nun estado de dereito, ningún cidadán pode ser preso senón en virtude dun mandato xudicial. Só pode decretala o xuíz de instrución, e cómpre que conste na causa a existencia dun feito que presente as características de delito, que o xuíz instrutor estime necesaria a prisión preventiva, e que na causa aparezan motivos suficientes para crer responsable criminalmente do delito a persoa contra a que se ha ditar o acto de aprisionamento.

    VER O DETALLE DO TERMO
      1. Que ou quen está cativo.

      2. Que está recluído nunha prisión.

      3. prisioneiro de guerra /

        Soldado capturado polo inimigo. A súa condición xurídica, expresada nas convencións da Haia (1907) e de Xenebra (1929 e 1949), incapacítano a ser suxeito de represión. A Convención de Xenebra declara a nulidade das renuncias unilaterais dos belixerantes, e ordena a repatriación inmediata dos prisioneiros unha vez rematadas as hostilidades.

    1. Que está privado de liberdade física ou moral.

    VER O DETALLE DO TERMO
    1. Poliedro que ten dúas caras iguais e paralelas (bases), sendo as outras caras (caras laterais) paralelogramos. As interseccións entre as caras laterais son as arestas laterais. A altura é a distancia perpendicular entre as dúas bases. O volume é o produto da área dunha base pola altura. Un prisma recibe o seu nome segundo a forma xeométrica das súas bases (triangular, cuadrangular ou pentagonal), e denomínase recto se as súas bases son perpendiculares ás arestas laterais, e regular se as súas bases son polígonos regulares.

    2. Forma cristalográfica constituída por unha serie de caras que se cortan paralelamente nunha soa dirección e están agrupadas ao seu redor. Diferénciase do prisma xeométrico en que lle faltan as bases.

    3. Sistema óptico constituído por dous dioptros planos que delimitan un medio transparente e forman un ángulo non nulo, denominado ángulo do prisma. Un raio luminoso que atravesa un prisma sofre polo feito de refractarse dúas veces, unha por cada dioptro, un cambio de dirección chamado ángulo de desviación, que é función do índice de refracción do medio que constitúe o prisma, do ángulo do prisma e do de incidencia do raio. Cando un raio de luz policromática incide nun prisma, prodúcese a dispersión cromática da luz. Se o ángulo é igual ou superior ao dobre do ángulo límite, haberá unha reflexión total, pero se é inferior esta só terá lugar para determinados valores do ángulo de incidencia. Algúns tipos particulares son o prisma de Nicol, o prisma de Rochon e o prisma de Wollaston.

    4. Punto de vista que se ten de algo ou de alguén.

    5. Superposición de láminas amoreadas fronte a unha placa, sobre unha zona de subdución.

    VER O DETALLE DO TERMO
      1. Relativo ou pertencente ao prisma.

      2. Que ten forma de prisma.

      3. Que está formado por un prisma.

      4. Aplícase á superficie xerada polo movemento dunha liña recta que se move paralelamente a ela mesma, que se interseca sempre cos lados dun polígono plano.

    1. Aplícase ás cores que resultan da descomposición da luz branca cun prisma óptico.

    2. Binóculo en que a luz, antes de atravesar o ocular, é desviada dúas veces por reflexión mediante dous prismas que hai en cada un dos dous tubos do instrumento.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Poliedro formado por dous polígonos paralelos (bases), non necesariamente iguais nin co mesmo número de lados, e no que as caras laterais son trapecios ou triángulos.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Prismatoide que ten por bases dous polígonos do mesmo número de lados, e as outras caras poden ser trapezoides ou paralelogramos.

    VER O DETALLE DO TERMO
    1. Relativo ou pertencente aos prístidos.

    2. Peixe cartilaxinoso da familia dos prístidos.

    3. Familia de peixes condritios, da orde dos raiiformes, co corpo comprimido dorsoventralmente e coa mandíbula prolongada en forma de serra, con dentes duros e afiados. Comprende unicamente o xénero Pristis.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • CAPITAIS

    Capital de Kosovo, situada na República de Serbia, Serbia e Montenegro (186.611 h [estim 2001]). Habitada maioritariamente por musulmáns de fala albanesa, presenta un acusado contraste entre os barrios modernos e a parte vella.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Que é o primeiro ou orixinario.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Xénero de peixes condritios, da familia dos prístidos, co corpo aplanado, que non adoita superar os 5 m de lonxitude, co morro prolongado nunha lámina plana, horizontal, que ten aos lados unha serie de dentes fortes e agudos, perpendiculares ao eixe da lámina, co que removen o lodo en busca do seu alimento e para atacar aos grupos de peixes. As especies deste xénero presentes en Galicia son P. pristis e P. pectinata.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Escritor ruso. Militante comunista, dedicouse á recompilación do folclore literario, sen introducirse nos temas da revolución e a guerra civil rusas. Nos seus contos e relatos mestúranse a fábula e a realidade, o mito e a lenda, expresados coa linguaxe máxica da tradición oral rusa, que reflectiu en V kraju nepuganykh ptic (No país dos paxaros non espantados, 1907).

    VER O DETALLE DO TERMO