"Galicia" (Contén)

Mostrando 20 resultados de 405.

  • Xurdiu na Coruña o 2 de decembro de 1847 e desapareceu en decembro de 1848. Foi impreso en holandesa por Domingo Puga. Tivo dous directores, por unha banda Xosé Puente Brañas e, pola outra, Xoán Pedro Vicenti. Colaboraron neste boletín Romero Ortiz, Antolín Faraldo e Cubeiro Piñol, entre outros. Tiña como obxectivo defender a escola librecambista e creouse canda o espertar económico europeo. Nas súas follas ofrecía información sobre os prezos dos mercados da provincia, portes, seguros, cambios, noticias do comercio, revistas teatrais, unha sección relixiosa, movementos do porto ou a bolsa de Madrid. Divulgaba a súa ideoloxía a través de artigos doutrinais. Ao despedirse dos lectores no derradeiro número manifestou certas dificultades materiais, aínda que non económicas, para a súa edición.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PUBLICACIÓNS

    Publicación aparecida na Coruña o 1 de setembro de 1833, que desapareceu a finais de maio de 1834. De periodicidade trisemanal, pasou finalmente a ser bisemanal. Aínda que foi contratado polo impresor Pascual Arza, foi Iguereta quen sen encargou da súa edición. No seu pé levaba o selo de Imprenta del Boletín. Á parte do seu contido oficial, incluía poesía patriótica, novas e informacións referidas a outros asuntos. No ano 1834 foi substituído polos boletíns das catro provincias galegas, por mor da nova división administrativa e territorial de España, e de Galicia en concreto.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PUBLICACIÓNS

    Publicación aparecida en Bos Aires no mes de xullo de 1929, desaparecida en xullo de 1930, cando chegaba ao número trece. De periodicidade mensual, foi dirixida por Antonio Losada. Entre os seus contidos figura información sobre Galicia, novas sobre as actividades do centro, reproducións de textos de Noriega Varela e Ramón Cabanillas, amais de poemas en galego con textos de Vetroles (Fortunato Cruces) e Matías Escariz e Méndez.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PUBLICACIÓNS

    Publicación de periodicidade mensual aparecida na Coruña en 1929. Subtitulouse “Órgano de los colegios oficiales de veterinarios de la Coruña, Pontevedra, Orense y Lugo”. Aniceto García Neira foi o director desta publicación que ofrecía información aos profesionais do sector. O boletín era gratuíto para os colexiados e incluía publicidade.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Boletín de carácter oficial editada polo Parlamento de Galicia en Santiago de Compostela a partir do 1 de febreiro de 1982. O primeiro número referíase á primeira lexislatura, en 1981. Esta publicación bilingüe incluía seccións como “Índice”, “Decretos”, “Comisións”, “Acordos”, “Disposicións”, “Enmendas”, “Artigos”, etc. Tiña unha periodicidade irregular.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Entidade financeira constituída na Coruña o 3 de abril de 1978 trala fusión da Caja de Ahorros y Monte de Piedad de La Coruña y Lugo (1896) e da Caja General de Ahorros y Monte de Piedad de Ferrol (1902), culminando un proceso pioneiro en España. A partir desa data incorporáronse novas entidades financeiras: en 1980 a Caja de Ahorros y Monte de Piedad de Santiago de Compostela (1879), en 1982 a Caja de Ahorros Provincial de Lugo (1964), en 1986 as caixas rurais da Coruña (1979) e Pontevedra (1968), en 1988 a Caja Rural de Orense (1961) e en 1992 a Caja Rural de León (1968). Dende 1978 dirixiuna José Luis Méndez López. En 1980 iniciou un proceso de expansión, ás veces a través da compra de oficinas bancarias doutras entidades (Banco de Fomento, Banco Urquijo e BNP Paribas), que a levou a ter presenza en todas as comunidades autónomas españolas, fundamentalmente en Madrid, nas comunidades mediterráneas e no Bierzo, así como en Portugal e noutros puntos de Europa e América. No 2000 posuía...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Nome comercial da Caixa de Aforros de Galicia.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PUBLICACIÓNS

    Publicación de carácter anual editada polo impresor lugués Soto Freire, iniciada no ano 1857. Posteriormente pasou a denominarse Calendario Gallego.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PUBLICACIÓNS

    Publicación de periodicidade anual que se editou entre os anos 1810 e 1847. Malia que inicialmente foi coñecido como Calendario General para España del año 1810, arreglado por D.P.V. y V. para Galicia (imprenta de D. Manuel María Vila, A Coruña), deseguida adoptou o nome definitivo. A súa impresión realizábase cada ano nun obradoiro distinto das cidades de Santiago, A Coruña ou Valladolid, dependendo de quen tivera o privilexio exclusivo.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Obra da autoría do avogado e musicólogo redondelán Casto Sampedro Folgar (1848-1937), galardoada no concurso convocado en 1909 pola Academia de Bellas Artes de San Fernando para premiar unha “colección de cantos y bailes populares de una provincia española”. En 1942 Xosé Filgueira Valverde fixo unha edición da obra, que resultou ser unha das fontes de información musical máis destacadas do folclore galego e que achega ao redor de 500 documentos musicais de 74 concellos de Galicia. Estruturalmente se divide en “Cantos”, “Bailes”, “Danzas e Farsas” e “Varia”, con “Tocatas varias” e “Curiosidades”. Inclúe unha descrición rigorosa das melodías, danzas e instrumentos, índice de localidades onde se fixo a recollida do material e un índice onomástico das persoas que aparecen ao longo da obra. Nas súas follas documéntanse alalás, regueifas, cantares de berce, aradas, alboradas, romances, carballesas, muiñeiras, pasacorredoiras, e outras formas musicais de Galicia. Posteriormente, en 1982, a Fundación...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Estudio edafolóxico do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia elaborado por Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Fernando Gil Sotres e publicado pola Universidade de Santiago de Compostela en 1984. Compleméntase con cartografía temática a escala 1:200.000, na que se detalla a calidade dos solos clasificados segundo 12 categorías.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Produción cinematográfica rodada en 1926 por Hispánica Films, dirixida polo creador italiano Rino Lupo. O guión e os rótulos foron realizados polo escritor ourensán Antonio Rey Soto, cofundador da produtora galega Celta Films. Os exteriores rodáronse en diversos lugares de Galicia como Vigo, Redondela, Vilasobroso, Mondariz e Ribadavia, ademais do Porto e arredores. Para recrear interiores recorreuse aos estudios portugueses Invita Film. A protagonista é Carmiña, unha rapaza orfa que vive co seu padrasto nunha aldea galega onde a maior parte das terras pertencen a Armando, conde de Vindey. Carmiña namórase del e, tras numerosas dificultades e contratempos, consegue casar co conde. A película, anunciada na prensa como “un canto de amor á terra”, recibiu críticas diverxentes, acusada de oportunismo ao aproveitar as paisaxes galegas para ambientar un mediocre melodrama rural. Non obstante , algúns autores reivindican unha vontade por parte dos autores, sobre todo do guionista, por poñer en...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Mapa a escala 1:100.000 titulado Carta Geométrica de Galicia Dividida en sus Provincias de Coruña, Lugo, Orense, Pontevedra y subdividida en Partidos y Ayuntamientos. Elaborada polo doutor Domingo Fontán Rodríguez, baseábase nun levantamento apoiado nunha rede xeodésica realizada por el mesmo, tomando como punto central da triangulación a torre do Reloxo da catedral compostelana. Fontán comezou os traballos de preparación en 1817 e rematou a carta en 1834. Dividíase en 12 follas, e para unha maior utilidade, incluía escalas gráficas en quilómetros, leguas de 20.000 pés e millas de 60 destas por grao; as altitudes sobre o nivel do mar expresábanse en varas castelás (0,835 m); as lonxitudes ían referidas ao meridiano de San Fernando. A Carta Geométrica foi o primeiro mapa de Galicia debuxado segundo un levantamento xeodésico de todo o territorio e gozou de gran prestixio pola súa minuciosidade e perfección técnica. Malia todo, non se puido evitar a demora na publicación,...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Institución dependente da Xunta de Galicia inaugurada en Madrid en 1992. Dedicada á difusión da cultura e economía galegas, así como aos labores da propia institución autonómica, realizou actividades de presenza institucional, difusión cultural, empresarial e turística. Celebráronse conferencias, mesas redondas, presentacións de libros, entre as que destaca a da Enciclopedia Galega Universal (EGU) o 18 de novembro de 1999, recitais de música, teatro, cine e literatura, ademais da promoción de festas e eventos tradicionais galegos. Un dos seus obxectivos principais é a difusión da arte galega mediante a celebración de exposicións de artistas novos e consagrados. No eido da promoción económica e comercial, tiveron lugar diversas mostras dos produtos de empresas galegas. Así mesmo, converteuse nun foro de comunicación e cooperación entre empresarios galegos e foráneos, e nun centro de consulta para os empresarios de Madrid.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PUBLICACIÓNS

    Publicación subtitulada “Revista mensual de la Asociación”, editada pola Casa de Galicia en Bos Aires e dirixida por J. E. Groba. Saíu mensualmente dende 1935 e, aínda que era bilingüe, predominaba o castelán. Polo que respecta ao contido, abunda a información e artigos diversos, principalmente de carácter cultural, acerca de Galicia, con evocacións históricas, efemérides, costumes, actualidade e literatura. Estas informacións compleméntanse con colaboracións literarias e páxinas de divertimento. No seu número 2 reproduce poemas de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Lamas Carvajal, Cabanillas, Noriega Varela, Eladio Rodríguez, Xan Fouciño e outros autores. Tamén insire unha breve biografía de Emilia Pardo Bazán e colaboracións de escritores galegos como Idilio Pájaro ou Alberto García. Publicou unha serie de “Trechos Históricos”, asinados por Xaquín Costa, centrados no alzamento dos Irmandiños. As ilustracións intercalan fotografías evocadoras de Galicia, das instalacións...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PUBLICACIÓNS

    Publicación en castelán fundada en Montevideo en decembro de 1991. A sociedade editora deste boletín é a Casa de Galicia de Montevideo. O sumario do primeiro número estaba dividido en: “Definición”, “Objetivos”, “Plantas Físicas”, “Masa Social”, “Actividades Asistenciales”, “Actividades Socioculturales”, “Recursos Humanos”, “Financiamiento”, “Proyectos de Desarrollo” e “Apreciación Final”. No tocante ao contido, informa sobre as actividades que realiza a institución, a evolución do número de socios, os servicios médicos que ofrece, os medios materiais cos que conta, os edificios, etc. Intercala fotografías institucionais dos edificios e dos servicios da entidade e varios gráficos que reflicten a súa evolución.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Boletín editado anualmente pola Casa de Galicia de Nova York. O primeiro número apareceu en decembro de 1946 baixo a dirección de Víctor Fernández. Tivo varias denominacións ao longo da súa traxectoria; así, en 1946, chamouse Unidad Gallega: Casa de Galicia; en 1956, Casa de Galicia: Unidad Gallega; e en 1959, Casa Galicia: Unity Gallega of U.S. Aínda que informaba principalmente de actividades desenvolvidas pola sociedade, na súa primeira edición afirmaban ser republicanos e galeguistas, feito que reflicten os   artigos sobre Galicia e os poemas e os contos en galego. Nun comezo dividíase nas seccións: “De intereses”, “De restaurant y bar”, “De propaganda”, “De fiestas”, “De damas”, “De instrución y cultura” e “De protección y auxilio”. En 1954 incluía unha “Sección artística”, ao ano seguinte, “Ayuda mutua” e en 1965, no seu 25 aniversario, incorporaba tres seccións denominadas “Nuestra Historia”, “Segunda sección” e “Actividades Sociales”. Inclúe anuncios comerciais e fotos de sociedade...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Asociacións sen ánimo de lucro formadas por galegos ou descendentes de galegos residentes nunha determinada cidade, rexión ou país, que teñen como fins principais os proxectos de carácter cultural, recreativo, educativo e benéfico. As Casas de Galicia están espalladas por todo o mundo e non existe ningún tipo de uniformidade entre elas dada a distinta capacidade económica das mesmas. Así, por exemplo, as situadas no territorio español, como a Casa de Galicia de Gipuzkoa, de León, de Ondarroa, de Las Palmas de Gran Canaria ou de Valladolid, son modestas asociacións con orzamentos axustados baseados nas cotas dos socios. A súa actividade cultural céntrase na organización de cursos de galego, grupos de música ou baile tradicional, equipos deportivos e a edición de forma irregular de revistas, como é o caso de Aturuxo, a revista da Casa de Galicia de Las Palmas de Gran Canaria. Non obstante , existe un grupo de Casas de Galicia situadas en cidades e países que recibiron durante décadas galegos...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Xornal fundado por Vicente M. Cociña e Tiburcio Faraldo na Coruña en 1843. Francisco Arza imprimiuno ata a súa desaparición en abril de 1844. Subtitulado “Periódico político, literario e industrial”, contiña crónicas de Galicia, correspondencia, poesías, extractos das Cortes e artigos políticos que apoiaban o partido moderado. Entre os seus colaboradores destacan B. Vicetto, X. Domínguez Izquierdo, Xosé M. Posada e D. Díaz de Robles. Ocasionalmente, incluía cantigas populares e algúns poemas en galego.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Partido político fundado en xullo de 1985 trala decisión tomada pola executiva de Centristas de Ourense (o partido orixinario) de consolidar o seu proxecto político en toda Galicia. A aparición desta formación política debeuse á crise interna de Coalición Galega (CG), desatada pola designación de Víctor Moro como candidato á presidencia da Xunta e polo abandono da vida política de Euloxio Gómez Franqueira. Logo de acadar importantes éxitos no ámbito municipal e obter representación na Deputación de Ourense, o partido disolveuse nos anos noventa despois da decisión de Victorino Núñez de incorporar a todos os seus membros no Partido Popular.

    VER O DETALLE DO TERMO