Carta Geométrica de Galicia

Carta Geométrica de Galicia
[PUBLIC]

Mapa a escala 1:100.000 titulado Carta Geométrica de Galicia Dividida en sus Provincias de Coruña, Lugo, Orense, Pontevedra y subdividida en Partidos y Ayuntamientos. Elaborada polo doutor Domingo Fontán Rodríguez, baseábase nun levantamento apoiado nunha rede xeodésica realizada por el mesmo, tomando como punto central da triangulación a torre do Reloxo da catedral compostelana. Fontán comezou os traballos de preparación en 1817 e rematou a carta en 1834. Dividíase en 12 follas, e para unha maior utilidade, incluía escalas gráficas en quilómetros, leguas de 20.000 pés e millas de 60 destas por grao; as altitudes sobre o nivel do mar expresábanse en varas castelás (0,835 m); as lonxitudes ían referidas ao meridiano de San Fernando. A Carta Geométrica foi o primeiro mapa de Galicia debuxado segundo un levantamento xeodésico de todo o territorio e gozou de gran prestixio pola súa minuciosidade e perfección técnica. Malia todo, non se puido evitar a demora na publicación, debido ás dificultades para atopar un gravador capacitado: a impresión fíxose en París en 1845, na Imprimerie de Lemercier, baixo a dirección do autor. Ademais do que se inclúe baixo a xurisdición das catro provincias establecidas en 1833, no mapa represéntanse territorios situados nos límites orientais, adscritos ás provincias de Oviedo, León e Zamora, fixadas na mesma data.