Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea
Documento que incorpora, xunto aos dereitos civís e políticos clásicos e aos dereitos de cidadanía europea, un conxunto de leis sociais e económicas que forman parte indivisible da dignidade da persoa nas sociedades democráticas. Ocupa un baleiro existente na Comunidade Europea, carente ata ese momento dunha declaración de dereitos propia e aplicable ás institucións e órganos comunitarios e aos estados membros. Esta Carta que proporciona un contido real á condición de cidadán, foi redactada por unha convención constituída por representantes de tres institucións: 16 deputados europeos, 30 parlamentarios das cámaras dos estados membros, 15 representantes dos xefes de estado e de goberno dos estados membros e un comisario, baixo a presidencia do ex-mandatario alemán Roman Herzog. O método empregado na súa elaboración foi o debate público e a busca de consenso, coa participación das ONG e dos sindicatos. Composta por 54 artigos, consagra o principio de indivisibilidade dos dereitos e presenta unha estrutura innovadora, dividida en sete capítulos que recollen os dereitos básicos comúns aos cidadans da Unión. O primeiro capítulo desenvolve o dereito á dignidade da persoa, que inclúe a integridade da persoa humana, e prohibe as prácticas euxenésicas (que o corpo humano enteiro ou partes do mesmo sexan obxeto de lucro e a prohibición da clonación reprodutora de seres humanos); engádese neste capítulo o dereito á vida, a prohibición da pena de morte, da tortura e dos tratos inhumanos ou degradantes. O segundo ocúpase das liberdades: seguridade persoal, vida privada e familiar, domicilio, segredo das comunicacións, dereito á protección dos datos de carácter persoal, liberdade de pensamento e relixión, de expresión e información, reunión, asociación e liberdade sindical, entre outras. O terceiro dedícase á igualdade e establece unha serie de medidas entre as que destacan a igualdade ante a lei, e entre home e muller, así como a prohibición de cláusulas discriminatorias, baseadas en diferencias culturais, relixiosas e lingüísticas. O cuarto capítulo céntrase na solidariedade, para subliñar o dereito á información e consulta dos traballadores na empresa, a negociación colectiva, a folga, a protección no caso dun despedimento inxustificado, a seguridade e axuda social, e a protección da saúde, o medio ambiente e os consumidores. No quinto capítulo, o da cidadanía europea, enúncianse os dereitos a ser elector e candidato nos sufraxios europeos e municipais, a unha boa administración, ao acceso aos documentos e á liberdade de circulación e residencia. O sexto, dedicado á xustiza, recolle o dereito á tutela xudicial efectiva, ao xuíz imparcial, á presunción de inocencia e ao dereito á defensa, entre outras. O último capítulo contén as disposicións xerais relativas á aplicación das disposicións da Carta.