cuarta

cuarta

(< lat quarta)

  1. s f [METROL]

    Medida de lonxitude, a cuarta parte da vara, que se corresponde, cando se ten a man estendida, coa distancia máxima que hai entre o extremo do dedo maimiño e do polgar. OBS: Correspóndese aproximadamente cuns vinte centímetros.

    Sinónimos: palmo, palmo.
  2. s f [METROL]

    Medida de capacidade que equivale a oito litros.

  3. s f [MÚS]

    Intervalo de catro graos na escala diatónica. Cando comprende dous tons e un semitón diatónicos chámase cuarta xusta; cando comprende tres tons, cuarta aumentada e cando comprende un ton e dous semitóns, cuarta diminuída.

  4. s f [MAR]
    1. Cada unha das trinta e dúas partes iguais, de 11° 15’, denominadas rumbos ou ventos, nas que se divide a rosa náutica ou rosa dos ventos e que equivale a un oitavo de cuadrante. As catro cuartas principais correspóndense cos puntos cardinais.

    2. Cada unha das rectas que na rosa náutica separan os rumbos ou ventos, o ángulo entre dúas consecutivas é de 11° 15’.

  5. s f [DER]

    Dereito a percibir a cuarta parte dos bens procedentes dunha herdanza. A lei romana regulouno de diversas maneiras co fin de asegurar os dereitos de certos herdeiros que debían, independentemente do testamento, percibir unha cantidade á morte do testador, e que se importou por algúns ordenamentos civís. Deste modo, asegurouse o dereito dos fillos adoptados (cuarta afisinia), dos impúberes emancipados sen causa (cuarta antonina), das viúvas pobres (cuarta viuval) e dos herdeiros gravados con legados (falcidia; lexítima; trebeliánica, que lle outorgaba o dereito ao herdeiro fiduciario de deducir para si a cuarta parte da herdanza) e pegasiana.

  6. cuarta funeraria

    Taxa existente no s XIX que se percibía trala morte do cabeza de familia ou do seu herdeiro. Consistía no pago ao parroco da igrexa á que pertencía o falecido dunha cuarta parte dos gastos totais do enterro. En Galicia oscilaba entre os 20 ou os 30 reais para os veciños máis pobres, e entre os 80 e os 120 reais para os máis ricos, aínda que podía chegar incluso ata os 300 reais.

Palabras veciñas

cuáquero -ra | cuarcífero -ra | cuarcita | cuarta | cuartá | cuartal | cuarteado -da