dous de sempre, Os

dous de sempre, Os
[LIT]

Obra publicada en 1934 que constitúe a única novela de Castelao, formada por corenta e catro capítulos breves, con cadansúa ilustración do autor, dotados de certa autonomía malia manter o fío argumental a través do desenvolvemento dos episodios vitais dos seus dous protagonistas, Pedriño e Rañolas, representacións de dous modos de entender a vida e de comportarse nela. O autor intégrase na novela como autor real no prólogo e no colofón, e actúa cunha omnisciencia autorial ao longo das súas páxinas con constantes apelacións ao lector que chaman a atención sobre as condutas dos personaxes e os acontecementos da trama. O paralelismo e o contraste son os dous eixes esenciais da novela. Pedriño é un personaxe ridículo, ignorante, inepto e dotado dun enorme apetito que se vai degradando pouco a pouco ata perder a súa dignidade. Rañolas é, pola contra, un ser eivado fisicamente que ten unha personalidade e un sistema de valores ben definidos, pero que tras unha dura etapa de aprendizaxe, da que sae airoso, comeza unha escalada social que o leva a rexentar unha reloxería, pero é daquela cando comeza a perder o sentido. O paradoxo final é evidente: o preguiceiro Pedriño atopará un final feliz, mentres que o idealista Rañolas renunciará á sociedade estoupando a súa cabeza con dinamita. A acción sitúase nunha vila mariñeira, trasunto de Rianxo, e noutros espacios aos que viaxan os protagonistas como Londres, París, La Pampa, Castela ou Navarra. A novela reflicte o drama do pobo, a emigración e as inxustizas, baixo o ton humorístico do autor. Pedro e Rañolas son o retrato irónico dun pobo emigrante, tentado pola preguiza e entregado a unha administración incompetente. Se Pedro representa os que se acomodan, Rañolas fai o propio cos que se perden en contradicións. A segunda edición apareceu en 1964 en Galaxia e en 1975 recolleuse na Obra Completa do autor da Editorial Akal. Foi traducida ao castelán en 1937 por Arturo Carril e en 1967 apareceu outra edición. Tamén se incluíu na Obra completa editada por Galaxia en 1999 con motivo do cincuenta aniversario da morte do escritor.

Palabras veciñas

Douro | Douro Litoral | Dous de Maio, O | dous de sempre, Os | Dous Pedros, Guerra dos | dous, dúas | 2 douscentos