Museo de Pontevedra, El

Museo de Pontevedra, El
[PUBLIC]

Revista aparecida en Pontevedra a partir de 1942. Promovida pola institución da que tomou o nome, o seu obxectivo foi recoller estudos científicos con rigor histórico. Publicada en catro entregas trimestrais que logo se reunían nun tomo, co tempo editouse un só volume de saída anual. Dirixida por X. Filgueira Valverde e por José Carlos Valle Pérez (desde 1987), incluíu investigacións sobre arqueoloxía, numismática, historia, liñaxe, folclore, filoloxía ou literatura, ademais dunha sección de artigos complementarios e outra de documentos descoñecidos. Colaboraron nas súas diferentes edicións algúns escritores e intelectuais galegos de recoñecido prestixio como Bouza Brey, Antonio Fraguas, Marcial Gondar, Clodio González Pérez, López Cuevillas, Losada Diéguez, E. Pardo Bazán, Otero Pedrayo ou Pérez Constanti.