Rías Altas
Conxunto de rías que se corresponden co litoral cantábrico, o golfo Ártabro e a Costa da Morte. Entre os concellos de Ribadeo e Muros ábrense as rías de Ribadeo, Foz, Viveiro, O Barqueiro, Ortigueira, Cedeira, Ferrol, Ares, Betanzos, A Coruña, Corme e Laxe, Camariñas e Corcubión. Na costa cantábrica, que se estende entre o río Eo e o cabo Ortegal, está en primeiro lugar a ría de Ribadeo, onde desemboca o río Eo. Esta ofrece unha morfoloxía suave, rectilínea, alongada de N a S, que se desenvolve sobre materiais xistosos. Séguelle a ría de Foz, na desembocadura do río Masma, cos mesmos trazos morfolóxicos ca a anterior. A medida que o relevo costeiro pasa a caracterizarse por unha sucesión de entrantes e saíntes, aparecen entre os entrantes as rías de Viveiro e O Barqueiro. A primeira está formada pola desembocadura do río Landro, e a segunda pola do Sor. A ría de Viveiro mostra unha morfoloxía aberta que se introduce cara ao S polo val do Landro. Nela aprécianse restos claros dun antigo aplanamento por debaixo dos 100 m que se introduce tamén na ría do Barqueiro. Esta é máis pechada ca a de Viveiro debido ao maior encaixamento do río Sor. Entre ambas as dúas rías domina unha área de cantís. A ría de Ortigueira localízase entre Estaca de Bares e o cabo Ortegal, e a súa morfoloxía é marcadamente diferente das situadas máis ao N. Trátase dun sector costeiro aberto ao mar que se descompón nunha serie de lobos que se introducen cara ao interior. Ao redor da ría sitúase un nivel de aplanamento de menos de 100 m de altitude. No fondo da ría son frecuentes as áreas lamosas pouco profundas, asolagadas polas mareas, a miúdo colonizadas pola vexetación, mentres que na marxe oriental son tamén abundantes as formacións areosas. Unha inclinación cara ao L da ría fixo que a dinámica fluvial se vise claramente condicionada e as augas se dirixisen cara a ría e non cara ao océano propiamente dito. Tras a ría de Ortigueira aparece a de Cedeira, que se estira en dirección NO-SL e se descompón en varios brazos, como sucedía na de Ortigueira. Ao redor da ría de Cedeira desenvólvese, entre a vila homónima e a parroquia de Esteiro, un nivel de aplanamento situado por debaixo dos 100 m de altitude e enlazado co val do río Condomiñas que, á súa vez, se introduce cara a serra da Capelada. Nese nivel aparecen áreas lamosas pouco profundas asolagadas polas mareas que se asocian, cara aos bordos do fondo da ría, por Vilarrube (Valdoviño), con importantes formacións areosas onde se formaron cordóns de dunas. Despois dunha costa rectilínea con moi poucos entrantes atópase a ría de Ferrol, que ofrece unha morfoloxía moi contrastada. A súa boca, modelada sobre granitos, é estreita, mentres que a súa parte central, labrada sobre xistos, é máis ancha, para despois, en dirección ao fondo, estreitarse progresivamente cara a desembocadura do río Grande de Xubia. A ría de Ares e Betanzos é máis aberta ca a súa veciña de Ferrol, favorecida neste aspecto pola presenza de materiais de xistos e polo modelado nas súas marxes de diferentes niveis chairos. Non obstante, a posterior acción dos ríos Eume, Lambre, Mandeo e Mendo, xunto cos seus afluentes, motivou un relevo suave, no que se combinan áreas chairas con outeiros ou vales moi suaves. As ladeiras teñen pouca pendente grazas á presenza de glacis e conos de dexección. A abundancia de materiais xistosos favoreceron a formación de áreas lamosas pouco profundas na ría de Betanzos. A formación dun banco areoso fronte ao litoral de Miño freou a dinámica mariña e fluvial, favorecendo unha sedimentación de materiais finos que potenciou unha terrestrificación que deixou a Betanzos bastante afastada do mar. A ría da Coruña presenta unha morfoloxía de media lúa aberta ao océano. Esta forma non impide que cara ao interior aparezan áreas pechadas e, en consecuencia, que as formacións areosas sexan frecuentes. Así sucede no lugar de Santa Cristina (Oleiros), onde se sitúa unha frecha areosa moi nítida. A ría está rodeada dun nivel de aplanamento de 100 m, pero a existencia de granitos e a acción do río Mero favoreceu unha diferenciación morfolóxica e a presenza cara ao interior dun relevo de chairas escalonadas. Entre A Coruña e o cabo Fisterra desenvólvense pequenas rías como as de Corme e Laxe e a de Camariñas. Trátase dunha área dominada por unha morfoloxía aplanada, cun contorno litoral pouco recortado no que as formacións areosas son numerosas. A ría de Cee e Corcubión presenta unha morfoloxía aberta, cunha ampla enseada protexida polo cabo Fisterra. Litoloxicamente, esta área está dominada por granitos, con pequenas intercalacións de xistos. A dinámica fluvial dos ríos Castro e Cee favoreceron un relevo movido no que sobresaen pequenas áreas de 300 e 400 m de altitude.