Tribunal de la Rota de la Nunciatura Apostólica en España
Tribunal eclesiástico colexiado, ordinario, con sede en Madrid, constituído principalmente para recibir as apelacións contra as sentenzas eclesiásticas pronunciadas en España. Tivo a súa orixe no Tribunal del Nuncio que,a instancia de Carlos V, o Papa Clemente VII concedeu a España en 1529 como tribunal de apelación onde, amodo de privilexio, puideran terminarse as causas españolas sen necesidade de acudir a Roma. Este tribunal reformouno Clemente XIV en 1771 mediante a constitución Administrandae iustitia zelus e concedeulle unha organización similar ao da Rota Romana, polo que a partir de entón se denominou Rota de la Nunciatura Apostólica ou Tribunal de la Rota de la Nunciatura Apostólica. No s XIX suspendeuse en 5 ocasións, a causa das persecucións políticas contra a igrexa española. Pío XI suprimiuno o 21 de xuño de 1932, debido ás circunstancias particularmente antieclesiais creadas durante a Segunda República. Pío XII restableceuno o 7 de abril de 1947 mediante o motu proprio Apostolico Hispaniarum Nuntio. Réxese polas Normas orgánicas y procesales del Tribunal de la Rota de la Nunciatura Apostólica en España, promulgadas por Xoán Paulo II o 2 de outubro de 1999. Está composto por 7 xuíces, presididos polo decano, nomeados polo nuncio. Para desempeñar o oficio de xuíz é preciso ser español, sacerdote de idade madura, doutor ou licenciado en dereito canónico e moi esclarecido pola súa honestidade de vida, prudencia e xurisprudencia. Xulga por quendas de tres xuíces diversos asuntos: en segunda instancia, as causas que foron xulgadas en primeira instancia por calquera dos tribunais españois metropolitanos ou de arcebispado metropolitano suxeito directamente á Santa Sé; en terceira instancia, as causas xulgadas en segunda instancia polos tribunais metropolitanos ou tribunais interdiocesanos españois, o pola mesma Rota, agás apelación expresa á Rota Romana; e en instancia ulterior, as causas que requiran unha nova proposición delas, se proceden da mesma Rota e se proceden de tribunais metropolitanos ou de tribunais interdiocesanos españois, agás apelación expresa á Rota Romana.