Unión Obreira Galaico-Portuguesa

Unión Obreira Galaico-Portuguesa

Organización fundada a raíz dos encontros que desde 1901 reuniron a traballadores galegos e do norte de Portugal para solucionar o problema da contratación dos portugueses polos patróns galegos como man de obra máis barata e pouco consciente do ideario obreiro. Entre as sociedades galegas afiliadas, a maior parte delas tiñan a súa orixe no sur da provincia de Pontevedra, cun marcado predominio dos socialistas. No segundo congreso (1902) adoptáronse unha serie de acordos que revelaron a súa orientación internacionalista e prosocialista. Entre os seus líderes destacou Heraclio Botana. O proceso de decadencia iniciado despois do congreso de Braga (1903), levou á súa desaparición en 1904.