alegoría

alegoría

(< lat allegorĭa < grἀλληγορία< grἄλλος ‘outro’ + ἀγορεύω ‘falar,arengar’)

  1. s f

    Aquilo que representa algunha cousa ou idea por semellanza suxestiva.

    Ex: Esa alegoría da árbore representaba a unha persoa namorada.

    Confrontacións: imaxe, metáfora, símbolo, figura.
  2. s f [ARTE]

    Representación metafórica de ideas abstractas mediante figuras ou temas plásticos. As composicións alegóricas foron moi frecuentes na historia da arte. Na arte grega acadaron sona as de Apeles (s III a C); a pintura romana tómaa da grega. Na arte cristiá están inspiradas nas Sagradas Escrituras; no Románico e, sobre todo, a partir do Renacemento, atópanse centradas en ideas profanas e da mitoloxía clásica.

  3. s f [RELIX/LIT]

    Figura retórica que consiste en desenvolver unha imaxe ou sucesión de imaxes, de maneira que expresen á vez un sentido directo e outro figurado, ambos os dous completos. Na súa finalidade existe unha intención a miúdo didáctica ou moral. Foi frecuente na Biblia e na tradición grecolatina; recollida polo Cristianismo, desembocou na Idade Media nun sistema coherente de representacións que co Barroco adoptaron formas máis persoais. A miúdo confúndese con parábola e apólogo. Na Biblia, a súa interpretación deu lugar ao método alegórico de eséxese: consiste en dar a unha pasaxe da Escritura outro senso (o alegórico) distinto daquel expresado no texto (literal), cando menos segundo a interpretación do comentarista (a vide, por exemplo, estaría a significar o pobo de Deus).

Palabras veciñas

alegar | alegato | Alegia | alegoría | alegórico -ca | alegorismo | alegorista