Astorga, diócese de
División territorial administrativa da Igrexa católica. A primeira documentación data do s III cando aparece nomeado o seu bispo Basílides. A súa xurisdición abranguía todo o convento asturicense da Gallaecia, a actual diócese de Ourense, que no s VI aparece xa como independente, e parte da de Lugo. As comarcas de Trives, Caldelas, Robleda e Valdeorras permaneceron baixo a xurisdición astorgana ata a época contemporánea. Na provincia de Lugo a comarca de Quiroga ficou na diócese de Astorga ata 1955, data na que se adaptou a administración eclesiástica á civil. Pertenceu á arquidiócese de Braga pero durante o Cisma de Occidente dependeu de Santiago de Compostela. Permaneceu na arquidiócese compostelá ata 1851, ano no que pasou a depender de Valladolid. En 1999 a diócese de Astorga comprendía cinco arciprestados asentados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia (Valdeorras, Fontei, Trives-Manzaneda, A Veiga do Bolo e Viana do Bolo), que inclúen os concellos do Barco de Valdeorras, Carballeda, Larouco, Petín, A Rúa, Manzaneda, A Pobra de Trives, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Rubiá (agás a parroquia de Covas, pertencente á diócese de León), O Bolo, Vilamartín de Valdeorras e as parroquias de Casteligo, Celeiros, Chandrexa, Forcadas, Parada Seca, Parafita, Requeixo e Vilar, todas no concello de Chandrexa de Queixa.