auréola

auréola

(< lat aureŏla ‘dourada’)

  1. s f [ARTE]

    Contorno luminoso ou dourado que rodea a cabeza das imaxes esculpidas ou pintadas para resaltar toda a súa figura, especialmente das imaxes sagradas na iconografía cristiá (Xesucristo, a Virxe, os santos, etc). Pode estar formada por raios de luz, nubes ou, simplemente, ornamentos abstractos. Adoita diferentes formas: circular, oval, elíptica ou de punta de améndoa (améndoa mística).

    Ex: O pintor destacou a imaxe da Virxe cunha auréola.

    Sinónimos: nimbo.
  2. s f [ASTRON]
    1. Coroa que rodea a Lúa nos eclipses solares.

      Sinónimos: circo.
    2. Anel luminoso de cor branca azulada e difusa, que aparece ás veces arredor do Sol, da Lúa ou doutros astros.

      Sinónimos: coroa, halo, limbo, nimbo.
  3. s f

    Círculo luminoso que envolve un obxecto.

  4. s f

    Gloria, prestixio ou opinión favorable que se ten dunha persoa polos seus méritos ou virtudes.

    Ex: Coa súa conduta incorruptible forxouse unha auréola de integridade.

    Confrontacións: fama, halo, reputación, sona.
  5. s f

    Luz azulada que aparece arredor das lámpadas cando o aire da mina contén grisú.

  6. auréola accidental [FÍS]

    Fenómeno óptico en forma de contorno anular, de luminosidade e de coloración difusas, que aparece ás veces envolvendo os obxectos que se observan a través dun sistema óptico.

  7. auréola de contacto [XEOL]

    Zona de contacto, tamén chamada auréola metamórfica, entre unha masa intrusiva e as rochas que a encaixan. Débese á temperatura elevada do magma e aos vapores mineralizantes que este contén.

Palabras veciñas

Aurell, Tage | Aurenche, Jean | áureo -a | auréola | aureolado -da | aureolar | aureomicina