circo
(
-
s
m
[HIST/ARTE]
Edificio da antiga Roma dedicado ao espectáculo de carreiras de carros lixeiros. Estaba formado por un rectángulo alongado (arena) dividido, en sentido lonxitudinal, por un muro baixo (spina) decorado con obeliscos, estatuas, etc, e tres sinais cónicos (meta) que marcaban a fin da carreira. Dos costados menores, un tiña forma semicircular, e o outro estaba lixeiramente centrado. Arredor estaban as bancadas; nun lado, o lugar para os carros e cabalos (carceres), e noutro, a porta principal (porta triumphalis) coa tribuna presidencial. A maioría dos circos romanos non se conservan en bo estado, moitas das súas características coñécense a través das descricións literarias e polas representacións figuradas, sobre todo en mosaicos. Moitos deles foron construídos durante a época imperial. En Roma destacaron o Circo Máximo, baixo o Palatino, o de Calígula, no Vaticano, e o de Maxencio. Os catro ou oito carros que tomaban parte nas carreiras, tirados por catro cabalos (quadriga), tiñan que dar sete voltas ao recinto. Estaban divididos en equipos, cada un cunha cor diferente. Orixinariamente foron dous equipos, os brancos e os vermellos, ata que no s I a C se engadiron os verdes e os azuis. Como todos os xogos públicos antigos, os do circo tiveron orixe relixiosa. Os xogos comezaban cunha procesión (pompa) encabezada polo maxistrado que os presidía. Durante o Imperio estiveron ligados a ideas astrolóxicas e en moitas ocasións relacionáronse coas estacións do ano. Cada equipo representaba unha estación e tiña un deus protector. Os brancos representaban o inverno e eran de Xúpiter; os verdes, a primavera e eran de Venus; os vermellos, o verán e eran de Marte; e os azuis, o outono e eran de Neptuno. Desde o s III d C os equipos quedaron reducidos a dous: os azuis, que absorberon os brancos, e os verdes, que asimilaron os vermellos. Desde entón acentuouse o carácter político dos equipos. A aristocracia era partidaria dos azuis, mentres que os verdes representaban o pobo. O emperador, en moitas ocasións, era partidario destes últimos para ser ben acollido pola plebe. Durante a época do Imperio Bizantino, os xogos do circo tamén tiveron popularidade e foron o único espectáculo que non tivo a oposición directa da Igrexa. Durante toda a época romana os propietarios dos cabalos e carros foron sociedades economicamente importantes, mentres que os aurigas, pagados por eles, pasaban dun equipo a outro como simples profesionais e gozaban de popularidade entre o pobo.
-
s
m
[ESPECT]
-
Local fixo ou ambulante, con bancadas circulares para os espectadores, cun espazo circular no medio, ou máis dun, onde se executa un espectáculo no que se inclúe, ademais de exercicios ecuestres, exercicios de audacia, pantomimas, manifestacións de music-hall, maxia e exhibicións de feras adestradas ou actuacións de pallasos.
Evolución do circo
As orixes
O circo moderno apareceu en Inglaterra (1768) coas primeiras exhibicións do xinete Philip Astley, que en 1779 inaugurou o Astley’s Royal Amphitheater of Arts que competía co Royal Circus. Astley montou en 1783 un circo en París, que pasou a ser dirixido por Antonio Franconi. Baixo a dirección de Franconi, os espectáculos ecuestres acadaron a súa máxima popularidade. A estes, Astley uniulles un grupo de acróbatas sobre unha corda e de saltadores, os Ferzi, que dotaban o espectáculo de variedade. Máis tarde sumáronse varios pallasos, que introducían o elemento cómico que tanto lle gustaba á sociedade da época. Os primeiros pallasos foron Sanders e Fortinelli, que se anunciaban baixo o título de “grotescos a cabalo”; posteriormente, tamén Porter e Burt destacaron no circo de Astley. Deste xeito naceu o que se coñece como circo moderno. A primeira metade do s XIX caracterizouse polo predominio do circo estable. Os locais nos que tiñan lugar os espectáculos de circo eran recintos pechados asentados nas principais cidades europeas, como no caso de Londres e París.
Os circos ambulantes en EE UU
O circo chegou aos EE UU, procedente de Inglaterra, da man de Ricketts en 1775. O espectáculo tivo moito éxito e o mesmo presidente George Washington protexeuno. En 1826 apareceron os primeiros circos ambulantes, debido ás longas distancias que separaban os distintos estados. As distintas compañías de circo tiñan que se desprazar cun número moi alto de carros tirados por cabalos, así que moitos deles optaron por remontar os grandes ríos (Mississippi, Missouri, Ohio) en grandes barcos, que servían ao mesmo tempo de vivenda para os artistas e de improvisada pista de actuación. Nesta modalidade destacou o Floating Palace, de Gilbert Spaulding. Foi este mesmo empresario quen, xunto con Rodgers en 1856, inaugurou o transporte dun circo por vía férrea. Este medio de transporte converteuse dende entón nun dos máis empregados polas compañías ambulantes. Phineas Taylor Barnum é outra das figuras destacadas do circo norteamericano. Aos vinte e cinco anos xa era famoso por presentar diante do público a unha muller que supostamente tiña cento sesenta e un anos e fora ama de cría de George Washington. Este engano, lonxe de rematar coa súa carreira, proporcionoulle un éxito sen precedentes. En 1870, Barnum creou o seu propio circo ao asociarse co axente de negocios W. C. Coup e cun antigo pallaso chamado Castello. Este circo tiña grandes dimensións e contaba con tres pistas e dous escenarios intercalados; así, podían montar cinco espectáculos simultáneos. Esta forma de espectáculo influíu no resto de circos, que se viron obrigados a ampliar as súas instalacións e atraccións. Outra figura importante na historia do circo norteamericano foi Buffalo Bill. Creou un espectáculo no que predominaban as atraccións relacionadas co Wild West (O Salvaxe Oeste). O seu espectáculo foi un dos máis populares da época e presentaba actuacións ecuestres, de puntería con armas, lanzamento de coitelos e distintas representacións de loitas cos indios.
O desenvolvemento en Europa
Tamén en Europa o predominio do circo estable desprazouse en beneficio dos grandes circos móbiles, sobre todo a partir de mediados do s XIX. En Alemaña, o nome de Ernst Renz, fundador do Circo Ecuestre (1843), é un dos principais. O Circo Ecuestre foi un dos máis importante da época e tiña sedes en Berlín, Breslau, Hamburgo e Viena. Outro nome fundamental é o de Karl Krone, que fundou o Circo Krone (1908). Este circo tiña a súa orixe nun pequeno espectáculo de feira que en 1887 chegou a ter unha entidade importante. Era unha empresa familiar que pasaba de pais a fillos; así en 1908 Karl Krone creou un espectáculo con tres pistas, sen separación, no que introduciu gran cantidade de animais. Dende esa época, o Circo Krone seguiu aumentando e continúa ofrecendo os seus espectáculos. O Circo Sarrassani foi un dos grandes competidores do anterior, co que rivalizou durante máis de vinte anos. Contaba cunha gran pista redonda na que actuaban cen músicos e máis de catrocentos artistas nun espectáculo único. Sobresaíu nel a figura de Bertram Mills. En 1920 Mills decidiu crear en Londres un circo estable durante seis semanas todos os anos. Conseguiu o apoio de importantes homes da aristocracia e puxo en marcha o Olympia Circus. Consistía nunha gran carpa instalada ao lado do lugar no que se servía unha selecta cea. A esta cea asistía toda a aristocracia londinense e despois ofrecíase un espectáculo de circo con moitos artistas e animais. Subsisten no continente algúns dos grandes circos estables, como o Circus Hiver de París e o Circo Medrano; en Rusia, hai máis de cincuenta. Na década dos setenta naceu a corrente do circo contemporáneo, que se caracteriza pola ausencia de feras e a busca da complicidade intelixente e sensible co espectador.
O circo en Galicia
As compañías circenses ambulantes chegaron a Galicia para ofrecer os seus espectáculos nas grandes cidades galegas dentro das xiras que os levaban por toda a Península Ibérica. En Galicia cómpre destacar a iniciativa de Jesús César Silva Méndez, coñecido como Padre Silva, fundador do Circo de los Muchachos de Benposta.
Os personaxes do circo
Os acróbatas
Realizan acrobacias en aparatos ou sobre o tapiz. Os números máis espectaculares son os que se realizan nos trapecios, con cambios duns a outros a moitos metros de altura e cos que se executa o dobre ou triple salto mortal. Na especialidade de trapecio de equilibrio destacou a española Pinito del Oro.
Os equilibristas
Destacan por realizar exercicios de equilibrio con toda clase de obxectos (pratos, pelotas, aros, etc). O italiano Rastelli foi un dos malabaristas máis importantes. Tamén hai que destacar o catalán Arisó, que introduciu a bicicleta no circo, cando actuaba no Circo Alegría de Barcelona. Outros nomes importantes foron: Robla, Rich Reyes, Severus, Rudy Horn, etc.
Os domadores
Son os encargados de adestrar as feras para que realicen distintos exercicios. Os máis destacados foron: Gaertner, Schreiber, Louise Renz, Leris Loyal, Crocket, Martin e Karter. Un dos domadores máis coñecidos en España é Ángel Cristo.
O clown ou pallaso
É un personaxe prototípico do teatro que no mundo do circo deriva no pallaso, con dúas variantes fundamentais, o branco e o augusto, a partir das que se crearon coñecidas antinomias na súa caracterización como alto/baixo, listo/parvo, rico/pobre ou amo/criado. Isto deu lugar a célebres parellas que, a mediados do s XX, se converteron en tríos formados por un branco e dous augustos. As técnicas do clown son moi diferentes e van desde os traballos clásicos de Grock, Oleg Popov, Charlie Rivel, Tino Fratellini, Fofó, Gabi ou Miliki, ata novas formas de entender o oficio e o personaxe, como as que utilizan Leo Bassi ou Jango Edwards. As técnicas de interpretación do clown están baseadas en caídas, golpes, sorpresas, xogos de palabras, na inxenuidade e nunha expresión xestual moi precisa.
Ilusionistas e magos
Artistas que a través de trucos e ilusións intentan atraer o espectador. Realizan xogos con obxectos que desaparecen, incluídas persoas, trucos de escapismo e outros, como a hipnose. No xénero do escapismo destacou, entre todos, Houdini, que lograba fuxir de lugares moi complicados, pechados con cadeas, pechaduras, caixas metálicas, etc. Moitos dos seus trucos son aínda hoxe un misterio. Actualmente hai magos, como David Coperfield, que intentan emular e superar os trucos máis famosos de Houdini.
Outros fenómenos do circo
Dentro da historia do espectáculo circense houbo atraccións moi diversas, moitas delas case anecdóticas, como é o caso do home bala. Consistía en meter un home nun gran canón que o lanzaba polo aire a moita distancia e altura. Tamén tiveron éxito os números que realizaban os forzudos, que dobraban supostas barras de ferro e levantaban grandes pesos, incluídas persoas. Outro tipo de espectáculo era o que proporcionaban as persoas que presentaban algún tipo de eiva, como ananos, persoas moi grosas, persoas moi altas ou a muller barbuda. -
Conxunto de exercicios executados nun espectáculo circense.
-
Conxunto de artistas e elementos que forman parte do espectáculo circense.
-
-
s
m
Figura con forma de circunferencia.
Ex: Vino debuxando circos na area da praia.
Sinónimos: círculo. -
s
m
Luz que rodea a Lúa ou o Sol. OBS: Tamén se denomina circo da Lúa ou circo do Sol. Na tradición oral recóllense ditos como: “Circo na Lúa, lagoa dura; circo no Sol, lagoa mol. O circo da Lúa, a lameira enxuga. O circo da Lúa, nunca trai moita chuvia. O circo da Lúa, ao pastor enxuga, aos tres días non hai chuvia. O circo do Sol, molla ao pastor; o da Lúa, ou o molla, ou o enxuga”.
Sinónimos: auréola, coroa, halo, limbo, nimbo. -
s
m
Situación confusa e de desorde. Ex: Vaia circo que teñen feito os rapaces no seu cuarto!
Ex: Vaia circo que teñen feito os rapaces no seu cuarto!
-
circo da vella
arco da vella.
-
circo glaciar
[XEOG]
Forma erosiva do relevo, resultado da acción glaciaria. Presenta unha forma de conca semicircular, dominada por paredes abruptas. A súa orixe foi moi discutida. Para os antiglaciaristas, é a adaptación, polo xeo, de concas de recepción torrenciais. Para os glaciaristas, en cambio, a súa orixe está na sobreescavación da rocha por procesos alternantes de conxelación e fusión, en función da alternancia das condicións climáticas. Co aumento do glaciar e do transporte de derrubas no xeo, produciuse a corrosión do fondo do circo, que, se non está cuberto de moreas, presenta unha forma pulida característica. En ocasións, estes circos presentan unha barra rochosa na súa boca que acentúa a forma de conca e permite a formación de lagos no seu interior, cando xa desapareceron os glaciares.
-
circo lunar
[XEOL]
Forma de relevo característica da superficie lunar que presenta unha estrutura circular, co sector central deprimido e coas marxes máis ou menos elevadas. A súa orixe pode ser endóxena (volcánica) ou exóxena (impacto meteorítico); esta última é a máis frecuente. A miúdo recibe o nome de cráter lunar.