coroa

coroa

(< lat corōna)

  1. s f

    Ornamento en forma de círculo que se axusta á cabeza, feita de flores, follaxe ou metal, xeralmente como sinal de honra, autoridade, nobreza ou como recompensa dunha vitoria ou doutra distinción militar ou cívica.

    Ex: As raíñas da festa lucían coroas de rosas. O poeta recibiu unha coroa de metais nobres como premio á súa obra.

  2. [HIST]
    1. s f

      Círculo de metal adornado de floróns, pedras preciosas ou outros elementos que se cingue á cabeza como símbolo de dignidade soberana ou nobiliaria. A coroa utilizárona desde tempos moi antigos os personaxes que destacaron nalgún feito relixioso, político ou militar. No Próximo Oriente empregárona os reis e os sacerdotes cun gran sentido místico. En Exipto hai que destacar, entre outras, a coroa branca do Alto Exipto; a coroa vermella do Baixo Exipto; o pšen ou dobre coroa, formada pola superposición da vermella e da branca; e o khepreš ou coroa azul, empregada xeralmente para a guerra e a caza. Os gregos e os romanos utilizaron coroas de follas e de metal, decoradas ou non con pedrería, para premiar os xenerais e os atletas vitoriosos. En Roma tamén se utilizaron a coroa mural, con decoracións en forma de torre, a coroa obsidional, a coroa valar ou castrense, a coroa naval, a coroa radiada ou radial, a coroa cívica ou civil e a coroa triunfal. Os cristiáns viron na coroa, recompensa da vitoria, un símbolo de martirio. Adoitábase colocar coroas de flores sobre as tumbas dos mártires; posteriormente, representouse a coroa, sostida pola man de Deus, sobre a cabeza dos mártires. Os visigodos foron expertos na arte de facer coroas, feito que proban as coroas votivas do tesouro de Guarrazar do s VII. No s XV estendeuse o uso da coroa aberta, adornada con pedrería, e a partir do s XVI, exclusivamente para reis e emperadores, a coroa pechada, que aínda pervive. Desde o punto de vista artístico e histórico, cómpre salientar a coroa de ferro dos emperadores que se distinguían como reis dos longobardos ou de Italia. Segundo a lenda, forxárona cun dos cravos da cruz de Cristo e santa Elena envioulla ao seu fillo Constantino I. Máis tarde, o emperador de Oriente doouna ao Papa Gregorio I, e este, a Teodolinda, raíña dos longobardos. Serviu para a coroación dos reis desde Otón I (951) ata Carlos V (1530), e para a de Napoleón I (1805). A coroa do Sacro Imperio, chamada tamén coroa imperial e, impropiamente, coroa de Carlomagno, creouse no s X para Otón I o Grande. A coroa dos Augsburgo, tamén chamada coroa imperial de Austria ou Hauskrone, elaborouse para o Emperador Rodolfo II en 1602. A coroa de santo Eduardo, empregada para a coroación dos reis, forxouse para Carlos II, segundo o modelo do rei santo Eduardo o Confesor, destruída durante a Revolución Inglesa que derrocou a monarquía. A coroa de santo Estevo, tamén chamada Santa Coroa, foi o símbolo da soberanía húngara e serviu para a coroación dos reis de Hungría. Disque a parte superior foi un regalo do Papa Silvestre II ao Rei Estevo I, e a inferior, un agasallo do Emperador Miguel VII ao Rei Xeza I. A coroa de san Venceslao empregouse na coroación dos reis de Bohemia. En España destaca a coroa dos Reis Católicos, conservada no museo de Granada cos floróns rematados en granadas, símbolo da conquista da cidade.

    2. coroa castrense/valar

      Coroa romana de ouro que se entregaba a quen entraba no campo inimigo despois de superar as trincheiras, os fosos e outros elementos defensivos.

    3. coroa cívica/civil

      Coroa feita de pólas de aciñeira coa que se recompensaba o cidadán romano que salvaba a vida doutro na guerra.

    4. coroa de espiñas

      Coroa que, por escarnio, os soldados romanos cinguiron a Xesús como rei dos xudeus. En moitos santuarios espallados polo mundo cristián consérvanse supostas reliquias desta coroa, veneradas baixo a advocación da Santa Espiña.

    5. coroa de ferro

      Coroa que recibían os emperadores ao ser coroados reis dos longobardos.

    6. coroa mural

      Coroa romana que se concedía ao primeiro soldado que escalaba o muro e entraba no territorio do inimigo.

    7. coroa naval

      Coroa romana que se concedía ao primeiro soldado armado que entraba nunha nave inimiga.

    8. coroa obsidional

      Coroa romana que se concedía a quen levantaba o sitio dunha cidade ou praza cercada polo inimigo.

    9. coroa olímpica

      Coroa feita con pólas de oliveira enlazadas que se concedía aos vencedores dos xogos olímpicos.

    10. coroa oval/de ovación

      Coroa romana feita de mirto que levaba posta o xeneral durante unha ovación.

    11. coroa radial/ radiada/radiata

      Coroa romana que se colocaba na cabeza dos deuses e nas efixies dos príncipes cando se divinizaban.

    12. coroa triunfal

      Coroa romana feita inicialmente de loureiro e despois de ouro que se lle concedía ao xeneral vitorioso ao entrar en Roma.

  3. [HERÁLD]
    1. s f

      Figura que se coloca sobre a boca superior do escudo a unha certa distancia deste, e que simboliza a monarquía, a casa real ou un grao de nobreza. É de ouro e pode ser aberta ou pechada, segundo leve diadema ou non, e vai sempre forrada de goles. O uso da coroa nos escudos iniciouse no s XIV, comezou a ser regulado no s XV e as regras definitivas establecéronse no s XVII. As súas características dependen da procedencia xeográfica e da categoría da persoa a quen lle pertenza o escudo. Con respecto á súa representación, cómpre ter en conta que, ao pintárense de perfil, na súa descrición non se contan máis ca a metade dos floróns e das perlas que teñen.

    2. coroa de barón

      Coroa de ouro cicelado, gornecida de pedras preciosas, rodeada en oito voltas por unha banda de perlas engastadas e adornado o filete superior por oito perlas grosas.

    3. coroa de conde

      Coroa de ouro, co aro adornado de pedrería e realzado de dezaoito perlas.

    4. coroa de infante

      Coroa semellante á real pero sen diademas, de xeito que queda aberta.

    5. coroa de marqués

      Coroa de ouro, adornada de pedras preciosas, realzada de catro floróns intercalados con outras tantas puntas coroadas por tres perlas en forma de trevo, de xeito que quedan dúas emparelladas e outra enriba delas.

    6. coroa de príncipe de Asturias

      Coroa semellante á real pero con só catro diademas en vez de oito.

    7. coroa de señor

      Coroa constituída por un aro ancho de ouro esmaltado, gornecido de pedras preciosas, e rodeado en banda dunha sarta de perlas.

    8. coroa de vizconde

      Coroa de ouro enriquecida de pedrería, superado o aro de catro perlas grosas, que levan entre cada dúas outra perla máis pequena, posta un pouco máis baixa, e todas sostidas por puntas de ouro.

    9. coroa ducal

      Coroa de ouro sen diademas, co aro gornecido de pedrería e perlas, e xeralmente realzado con oito floróns. Debe usarse sempre co manto forrado de armiños, xa que o título de duque leva consigo a Grandeza de España.

    10. coroa imperial

      Coroa formada por un aro de ouro, con oito floróns intercalados dunha perla, e un bonete de escarlata en forma de mitra (aínda que non tan longa e gornecida con dúas franxas ao cabo, pendentes unha a cada lado), aberto, elevado e mantido de dous diademas de ouro cargados de perlas (unha a cada lado da abertura), e saíndo do medio dela outro diadema do mesmo metal que sostén un globo centrado e cruzado dunha cruz de ouro. Esta coroa só timbrou os escudos españois durante o reinado do Emperador Carlos I (1506-1558), e raramente aparece como figura no campo do escudo.

    11. coroa mural

      Coroa con forma de muralla ameada, que remata o escudo de moitas poboacións.

    12. coroa real

      Na monarquía española, aro de ouro enriquecido de pedrería, realzado por oito floróns ou follas de acanto, intercalados dunha perla, levantados e cubertos doutros tantos diademas cargados de perlas e pechados no punto de intersección, onde toman un globo centrado e sumado dunha cruz plana de ouro, en correspondencia co título de Rei Católico que o Papa Alexandre VI lle concedeu en 1494 a Isabel I de Castela e Fernando II de Aragón e que herdaron os seus sucesores no trono.

    1. s f

      Dignidade real.

      Ex: O príncipe obtivo a coroa despois dunha longa ditadura.

    2. s f

      Institución que ten como insignia unha coroa, particularmente a real.

      Ex: Pretendía unir as dúas coroas cun matrimonio.

    3. s f

      Conxunto de territorios gobernados por un soberano.

      Ex: Expulsárono da coroa, pero nunca chegou a marchar.

      Sinónimos: monarquía.
    4. discurso/mensaxe da coroa

      Nas monarquías constitucionais, discurso pronunciado polo soberano ante as Cortes.

  4. s f
    1. Obxecto formado por unha serie de cousas dispostas en forma de circunferencia.

      Ex: O cadaleito estaba rodeado de coroas funerarias.

    2. Ramo artístico que adoita acompañar o maio.

    3. Presentación dun prato con determinadas hortalizas, legumes e arroz en forma de pequenos conos truncados.

    1. s f

      Aquilo que envolve algunha cousa rodeándoa.

    2. s f

      Círculo dourado que figura arredor das cabezas dos santos.

      Sinónimos: auréola, nimbo.
    3. s f [ANAT]

      Parte do dente, revestida de esmalte, que sae das enxivas.

    4. s f [ARTE]

      Conxunto de caras que ten un brillante arredor do plano central.

    5. s f [ASTRON]

      Círculo de luz pálida que, ás veces, envolve o disco do Sol ou da Lúa. Prodúcese pola difracción da luz sobre as gotas de auga.

      Sinónimos: circo.
    6. s f [ASTRON]

      Envoltura luminosa irregular que envolve o Sol máis alá da cromosfera. Só é visible nas eclipses solares, en forma de gran halo branco de aspecto filamentoso.

    7. s f [BOT]

      Cáliz transformado que envolve o ollo dalgúns froitos procedentes do ovario ínfero, como por exemplo o das granadas e as mazás.

    8. s f [BOT]

      Apéndice petaloide que presentan certas flores.

    9. s f [ARQUIT]

      Espacio que circunda o núcleo dun edificio de planta central.

      Sinónimos: deambulatorio.
    10. coroa circular [MAT]

      Figura plana entre dúas circunferencias coplanares que teñen un mesmo centro, pero con raios de diferente lonxitude.

    11. efecto coroa [FÍS]

      Luminosidade azulada que se forma nalgúns puntos das liñas aéreas de alta tensión, arredor dos condutores, de onde lle vén o nome. Prodúcese pola ionización das capas de aire inmediatas aos condutores. É, xa que logo, unha perforación dieléctrica do aire. Este fenómeno orixínase a partir dun certo valor de tensión, en dous limiares. Nun primeiro nivel de tensión, chamado tensión crítica disruptiva, prodúcese soamente un ruído (un zunido) e unha formación de ozono. Nun limiar de tensión máis elevado, chamado tensión crítica visual, aparece xa a luminosidade.

  5. s f
    1. O que constitúe a parte superior de algo.

    2. Parte superior e posterior da cabeza dunha persoa.

      Ex: Comecei a perder pelo pola coroa.

      Sinónimos: croca, curuto.
    3. Pequeno círculo que se rasuraban os eclesiásticos no curuto.

      Sinónimos: tonsura.
    4. Parte máis alta dun monte.

      Sinónimos: cabeza, cabezo, cemba, cima, cimeira, cimo, cotarelo, cumio, curota, curuto, cúspide, petouto, pico, picoto, picouto.
    5. [ARQUIT]

      Moldura plana dunha cornixa situada baixo o cimacio.

    6. [ARQUIT]

      Remate dun edificio.

  6. s f [BÉL]

    Obra exterior das antigas fortificacións composta de dous baluartes, dúas cortinas e dous medios baluartes nos laterais.

  7. [NUMIS]
    1. s f

      Moeda que leva unha coroa como símbolo, representado no anverso ou no reverso da peza.

    2. s f

      Moeda francesa de ouro, cuñada durante o reinado de Filipe VI (1328-1350).

    3. s f

      Moeda castelá de prata cuñada por Enrique II que tamén recibiu o nome de real.

    4. s f

      Moeda inglesa cuñada en ouro e prata desde o reinado de Enrique VII ata o de Carlos II; despois só se fixo en prata cun valor de cinco xilíns. A súa cuñaxe suspendeuse entre 1902 e 1907. En 1703 cuñouse coa lenda Vigo, en lembranza do lugar de orixe da prata coa que estaba feita.

    5. s f

      Moeda austríaca cuñada en ouro desde 1857 e en prata desde 1892. Tiña un valor de medio florín e estaba dividida en 85 pfennige ou 100 heller.

    6. s f

      Moeda portuguesa de ouro equivalente a dez milreis, segundo o sistema monetario implantado en 1868 e vixente ata 1911.

    7. s f

      Moeda castelá de ouro que estivo en vigor dende o reinado de Xoán II ata o final do s XVII. Entre outras, Carlos I cuñou coroas de ouro dende 1535; en 1543 ordenou a cuñaxe de todo o ouro dispoñible en coroas, que recibiron tamén o nome de escudos.

    8. s f

      Real de prata castelán cuñado por Pedro I coa inicial do monarca coroado.

    9. coroa de Navarra

      Moeda de billón cuñada en Navarra que valía medio marabedí.

    10. coroa de sol

      Antiga moeda cuñada por Carlos V nos Países Baixos que tiña no anverso un escudo coroado e unha lenda.

  8. [ECON]
    1. s f

      Unidade monetaria de diversos países europeos.

    2. coroa checa [checo: koruna]

      Unidade monetaria da República Checa. Subdivídese en 100 haleři. A súa abreviatura é Kčs.

    3. coroa danesa [din: Krone]

      Unidade monetaria de Dinamarca. Subdivídese en 100 øre. A súa abreviatura é Krd.

    4. coroa eslovaca

      Unidade monetaria de Eslovaquia. Subdivídese en 100 haleři.

    5. coroa estoniana [estoniano: Kroon]

      Unidade monetaria de Estonia. Subdivídese en 100 céntimos.

    6. coroa islandesa [islandés: Króna]

      Unidade monetaria de Islandia. Subdivídese en 100 aurar. A súa abreviatura é Kis.

    7. coroa norueguesa [nor: Krone]

      Unidade monetaria de Noruega. Subdivídese en 100 øre. A súa abreviatura é Krn.

    8. coroa sueca [sueco: Krone]

      Unidade monetaria de Suecia. Subdivídese en 100 öre. A súa abreviatura é Krs.

  9. s f [LING]

    Bordo anterior da lingua que cobre o ápice e a parte anterior do predorso; esa superficie lingual é xeralmente cóncava. As súas realizacións reciben o nome de coronais.

    Sinónimos: lámina.
  10. [LIT]
    1. s f

      Poema composto por doce sonetos ligados no que o último verso de cada un se repite no comezo do seguinte, ata o verso final, que coincide co primeiro verso do soneto inicial. A forma cultivárona principalmente Aníbal Caro e o Crego de Adria, en Italia; en Inglaterra ensaiouna John Donne, entre outros; e na Península Ibérica, Tirso de Molina, quen cambiou os doce sonetos encadeados por nove oitavas reais e na última delas recollendo versos tomados das oitavas que a precedían.

    2. coroa poética

      Antoloxía de poemas dedicados especialmente a conmemorar efemérides dos monarcas reinantes (coroa real) ou festividades relixiosas dunha certa importancia (coroa relixiosa). Apareceu no Renacemento e acadou gran difusión a partir do s XIX, época na que abundan as dedicadas a imaxes marianas e santos. Na literatura galega destaca a Coroa poética para Rosalía de Castro (1985) e a Coroa poética para un mártir. 35 poemas á morte de Alexandre Bóveda (1936-1994).

  11. s f [PESCA]

    Anaco de rede que constitúe a parte final do aparello que se utiliza en varias artes de pesca, como o boliche, o bou ou a xávega. Na arte do boliche, ten forma circular e unha malla formada por cadrados de 11 mm. O ancho da coroa cámbiase segundo a especie a capturar.

  12. [TECNOL]
    1. s f

      Conxunto de bólas, rolos ou agullas dunha chumaceira de rodamento xunto coa peza para separalos e suxeitalos.

    2. coroa de culleres

      Roda provista de paletas ao longo de todo o perímetro, cunha forma e situación estudiadas. Un chorro de auga debidamente dirixido proxéctase sobre as culleres e provoca a rotación da roda.

    3. coroa dentada

      Roda cun conxunto de dentes cónicos que se engrena cun piñón, solidario ao eixe motor do vehículo. Ten a finalidade de transmitir o movemento do motor ás rodas. Xeralmente forma parte do diferencial.

  13. coroa de frade [PLANTA]

    Denominación popular que reciben algúns cardos.