Barreras, Hijos de J.

Barreras, Hijos de J.

Empresa do sector naval fundada en 1908 en Vigo, na zona do Areal, polos irmáns José, Federico, Julio e Fernando Barreras Massó, pertencentes a unha familia de industriais cataláns establecida en Vigo dende mediados do s XIX. Esta empresa viña a suceder á sociedade Vda e Hijos de J. Barreras, constituída en 1892 e establecida en 1918 no barrio de Coia. En 1918 a empresa construíra 376 embarcacións, a maioría pequenos pesqueiros con casco de madeira; aínda que desas datas son o cargueiro Mercurio e algúns vapores de gran tamaño. En 1927 construíu o primeiro pesqueiro de casco de aceiro da Ría de Vigo, os vapores Venus e Minerva e o veleiro Gelmírez. Entre 1932 e 1976 a empresa iniciou unha etapa de grande actividade (incentivada pola Lei de Renovación da Flota Pesqueira do 1961) e diversificación na súa produción: construción de motores diesel e outras pezas de motores para buques, caldeiras de vapor (unha das actividades tradicionais dende 1892), etc. En 1932 construíu o petroleiro Campalans, explotado por CAMPSA, o ferry Palmenense e o cargueiro Virgen de Luch. En 1939 comezou a construír pesqueiros con casco de aceiro con patente Maierferm de Suiza. En 1940 iniciou a serie de buques de 250 toneladas de desprazamento con motores Barreras-Werkspoor de 330 CV, coñecidos co nome de Standard-Barreras, que se perfeccionou nos anos 1947, 1949 e 1950. En 1955 fabricou os buques mixtos de carga e pasaxe por encargo da Empresa Nacional Elcano Ciudad de Huesca e Ciudad de Teruel, os maiores ferrys coñecidos en España naqueles momentos. A construción de buques pesqueiros acadou o seu apoxeo nos anos sesenta, coa construción en 1963 para a empresa Lloret y Llinares de Ceuta do primeiro buque factoría de arrastre por popa e, en 1969, coa botadura do Miño e o Sil, os maiores buques construídos no seu momento en Vigo (6.420 toneladas de desprazamento e motores de 4.000 CV de potencia). Nesta fase de intensa actividade investiuse na mellora das instalacións da empresa incrementándose o tamaño do chanzo. En 1970 contratou con Penrod Drilling Co de Dallas a primeira plataforma petrolífera construída en España; era unha plataforma de prospeccións petrolíferas semisomerxible Penrod 70 e en 1971 a Offshore International de Houston encargoulle a plataforma Skau Shore I, de 119 metros de eslora por 73 de manga. Durante a montaxe destas plataformas interrompeuse totalmente a construción naval das embarcacións. A crise financeira internacional, o cesamento da facturación de buques e a necesidade de novos investimentos provocaron a quebra financeira de Barreras, que foi absorbida en 1976 polo Instituto Nacional de Industria (INI). O empeoramento da crise, os atrasos na financiación oficial, a estrutura dos custos e as maiores cargas financeiras dos créditos e préstamos pendentes provocaron unha situación de descapitalización e baixa competitividade do estaleiro; sen embargo, a actividade laboral non se detivo. Esta situación provocou un bo número de mobilizacións obreiras e creou numerosas tensións entre os traballadores e a patronal, tanto cando era un estaleiro privado como cando o foi público. Estas tensións agraváronse cando comezou a reconversión industrial, que significou o peche de Ascón e a redución na produción do sector naval a 65.000 TRB e na capacidade laboral do sector dende 1980, e Vigo e a súa comarca foi declarado Zona de Urxente Reindustrialización (ZUR) no ano 1985 co obxectivo de promocionar as industrias locais. Malia a crise, dende o ano 1981 botáronse varios barcos: portacontedores refrixerados de 108 metros de eslora, Ro-Lo de gran tamaño, madeireiros e pesqueiros de todo tipo. As principais construcións neses anos foron o Albacora 1, o maior atuneiro de cerco do mundo botado en 1981, e os Ro-Lo Dobrudja e Trakia de 8.800 TRB botados en 1988. Así mesmo, na década dos noventa interrompeu a construción de motores, que lle foi encargada á empresa auxiliar de Barreras Compañía de Motores Deutz MWM. A empresa foi privatizada en abril de 1998 e en 1999 anunciou a venda de terreos da empresa a unha construtora.