Bloque Nacional-Popular Galego
Coalición formada en abril de 1977 pola Unión do Pobo Galego (UPG) e a Asemblea Nacional Popular Galega (AN-PG). Nun comunicado conxunto, os dous colectivos pediron a abstención no referendo do Estatuto de Autonomía, o que consideraban lexitimador dunha política antidemocrática e antigalega. A maioría dos 38 candidatos do Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG) ao Congreso e Senado pertencían á UPG. O programa do BN-PG incluía no seu limiar unha serie de medidas políticas, económicas, sociais e culturais que consideraban necesarias para poder falar de democracia en Galicia e que o país deixase de ser unha colonia dentro do estado español. Contiña as bases constitucionais para a participación da nación galega nun pacto federal e o proxecto de medidas económicas para un programa do goberno provisional galego. Entre as medidas de política económica social destacan o recoñecemento das liberdades de xuntanza, manifestación, asociación e folga; a implantación dun sistema fiscal galego progresivo; o respecto ás condicións de vida dos traballadores agrícolas e pesqueiros; e o regreso gradual dos emigrantes galegos. Nas eleccións xerais celebradas o 15 de xuño de 1977, o BN-PG obtivo 22.771 votos e na convocatoria do 1 de marzo de 1979, 63.747 votos. Nas eleccións municipais celebradas o 3 de abril de 1979 o BN-PG presentou 164 candidaturas con 2610 candidatos e obtivo 70.335 sufraxios o que lles supuxo 258 mandatos e 9 alcaldías. En 1979 o BN-PG rexeitou participar na Comisión dos 16, encargada de redactar o proxecto de Estatuto de autonomía xa que se mantiña firme nas bases constitucionais. Nas eleccións autonómicas do 20 de outubro de 1981 formou unha coalición electoral co Partido Socialista Galego (PSG) co programa das bases constitucionais de 1976 e o rexeitamento á Constitución e ao Estatuto de autonomía. Acadaron 62.056 votos, o que lles permitiu obter tres deputados. Nas eleccións xerais de 1982 o BN-PG/PSG, que se presentaba co lema “Cos nosos, Galicia terá voto”, obtivo 38.615 votos o 2,98%. O programa electoral ratificaba a autodeterminación para as nacións do estado español, a soberanía nacional e o rexeitamento á autonomía. Outros puntos foron: a reclamación dun contexto de negociación colectiva a nivel galego; derrogacións das leis antiterrorista e de estados de alerta, excepción e sitio, e a solicitude dunha amnistía para todos os presos nacionalistas e antifascistas; a nacionalización do ensino; a explotación racional da pesca de baixura; a defensa do cooperativismo e a creación dun plan de comercialización e control de produtos agropecuarios. Despois destas eleccións xurdiron diverxencias dentro do BN-PG que a finais de 1982 deron paso a unha nova organización, o Bloque Nacionalista Galego (BNG).