Bloque Nacionalista Galego

Bloque Nacionalista Galego
Nome científico: [BNG]

Formación política nacida nunha Asemblea celebrada no pavillón de Riazor (A Coruña) os días 25 e 26 de setembro de 1982. Tralo fracaso das primeiras tentativas de articular o nacionalismo galego, reflectido na crise do Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG) que aglutinaba a Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) e a Unión do Pobo Galego (UPG), que intentaron solucionar coa alianza do Partido Socialista Galego (PSG), xurdiu o BNG, un produto da reflexión crítica sobre a política e organización das anteditas formacións. Daquela, as primeiras organizacións integrantes do BNG foron a AN-PG, a UPG e o PSG. En 1983 o PSG deixou de pertencer ao BNG aínda que algúns dos seus membros continuaron como Colectivo Socialista. En 1985 dentro do propio BNG naceu unha nova formación, o Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN) que sería expulsado en 1987 por apoiar a candidatura de Herri Batasuna (HB) nas eleccións ao Parlamento Europeo. A organización xuvenil nacionalista Galiza Nova, herdeira dos Estudiantes Revolucionarios Galegos (ERGA), naceu en 1988. O Partido Nacionalista Galego (PNG) entrou en 1991. En 1993 integrouse o colectivo Inzar, nacido da fusión do Movemento Comunista de Galicia e da Liga Comunista Revolucionaria. Finalmente, en 1994 integrouse Unidade Galega (antigo Partido Socialista Galego-Esquerda Galega). O 28 de outubro de 1995 formouse no Carballiño, Esquerda Nacionalista baixo o lema: “Consolidando o proxecto”. Este novo grupo está formado sobre todo por membros do Colectivo Socialista. Outras formacións que se manteñen ao abeiro do BNG son: a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) e Mulleres Nacionalistas Galegas (MNG). En 1994 creouse tamén a organización sindical Confederación Intersindical Galega (CIG). Os órganos superiores do BNG son o Consello Nacional, encargado do debate e da toma de decisións nos temas que afectan á política do BNG e a Comisión Permanente, órgano colectivo de carácter executivo, e nos responsables-voceiros comarcais. Trala asemblea fundacional, o BNG realizou asembleas nacionais periódicas; na II Asemblea Nacional (Santiago de Compostela, 1984) acordouse non acatar a Constitución Española tras ser expulsados do Parlamento de Galicia; na III Asemblea, celebrada baixo o lema de “Abrindo camiño”, presentouse o proxecto de lei de medidas urxentes para o desenvolvemento económico, político, social e cultural de Galicia, coñecido polo nome de Lei de Bases; en 1989 celebrouse en Lugo a IV Asemblea baixo o lema “Na onda”; a VI Asemblea tivo lugar en 1993 na Coruña co lema “Con máis forza”; “En bloque por Galiza”, foi o lema escollido na VII Asemblea; en 1998 a VIII Asemblea tivo lugar en Ourense baixo o lema “Galiza sairá gañando”. A historia electoral do BNG arranca en 1983 coas eleccións municipais. Nestes comicios obtivo as alcaldías de Carnota, Corcubión e Fene. En 1987 acadou Ares, Corcubión, Carnota, Fene, Malpica, Noia e Ribadeo; en 1991 Allariz, Corcubión, Fene, Malpica e Noia; en 1995 Allariz, Bueu, Cangas, Castroverde, Corcubión, Fene, Maceda, Moaña, Poio, As Pontes de García Rodríguez, Rairiz de Veiga, Vilar de Santos e Vilariño de Conso; e en 1999 Allariz, Carnota, Cedeira, Corcubión, Fene, Ferrol, Poio, As Pontes de García Rodríguez, Pontevedra, Pontecesures, Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, Vigo e Vilaboa. Ademais conta con concelleiros en 256 concellos e participa no goberno dos concellos de Bergondo, Cabana de Bergantiños, Carral, A Guarda, Lugo, Marín, Mugardos, Narón, Pontedeume, Redondela, Santiago de Compostela, Vedra, Viana do Bolo e Xinzo de Limia. No eido das eleccións autonómicas a presenza do BNG no Parlamento de Galicia iniciouse en 1985 cun deputado; en 1989 acadou 5 deputados, en 1993 conseguiu 13 e en 1997 obtivo 19 deputados. Nas eleccións ás Cortes Xerais, en 1996, acadou por primeira vez representación parlamentaria con dous deputados, e na convocatoria do 2000 acadou tres deputados, sendo nomeado pola Comunidade Autónoma un senador. A política do BNG baséase no recoñecemento de Galicia como nación, ademais doutras nacións do estado español, condición primeira para plasmar constitucionalmente o carácter plurinacional e avoga por un cambio profundo na Constitución baseado nunha nova definición das competencias das Comunidades que compoñen o estado español, e na elaboración dun novo modelo institucional político e xurídico coas seguintes características: recoñecemento do estado plurinacional e conversión do Senado nunha cámara de nacións con representación paritaria e dereito a veto nos temas que atinxen a cada nación; democratización dos aparatos policiais, corpos de seguridade e xustiza; mantemento e fortalecemento do estado de benestar; defensa dunha política de paz, igualdade, antimilitarista, antiimperialista e harmónica coa conservación do medio natural. No eido internacional, o BNG reafirma a súa interpretación da situación mundial como un antagonismo centro-periferia; condena o capitalismo financeiro transnacional; oponse á Unión Europea e ao Tratado de Maastricht e reclama a renegociación do Tratado de Adhesión do Estado español á Unión Europea. A súa concepción de Europa está baseada no dereito de autodeterminación e na desaparición das estruturas militares. O eixe de actuación parlamentaria e política fíxase na defensa do tecido produtivo galego que considera ameazado pola Unión Europea e pola nova división internacional do traballo e propón a explotación dos recursos do goberno galego, malia as súas limitadas competencias, para defender unha serie de medidas da economía produtiva, da autonomía financeira, da ampliación dos servicios sociais e da creación de infraestruturas. A isto engádese a necesidade de impulsar a normalización lingüística e o fomento das liberdades. A política económica e social reivindica a xestión integrada dos Fondos Estruturais e do Fondo de Cohesión que corresponde a Galicia; defenden que no Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), Galicia debe contar con todos os recursos para o investimento en infraestruturas e actividades produtivas que sexan destinados ás Comunidades Autónomas. Dá pulo á xestión do Fondo Social Europeo (FSE) e do Fondo de Orientación e Garantía Agraria (FEOGA) e reclama tamén a xestión exclusiva dos recursos que lle corresponden a Galicia polo Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca (IFOP). Na VIII Asemblea Nacional (1998) pediuse o dereito de Galicia a producir nos sectores básicos da economía; o desenvolvemento harmónico como realidade diferenciada; a orientación do estado español cara a estruturas máis democráticas e o seu recoñecemento de estado plurinacional e a cooperación e igualdade entre os pobos. O 10 de abril de 1999 presentouse en Santiago de Compostela un documento de carácter xeral que se complementou cos programas propios de cada concello galego baseado en tres puntos: maior democracia nas institucións, maior dignidade para Galicia como país e maior benestar social. En xullo de 1998 o BNG participou nunha reunión co Partido Nacionalista Vasco e Convergència i Unió na busca de accións concretas nas políticas do estado da que naceu a Declaración de Barcelona (16.7.1998), e posteriormente o Acordo de Gasteiz (16.7.1998) e o Acordo de Santiago de Compostela (29, 30 e 31 de outubro de 1998). Os representantes dos nacionalismos históricos tiñan en común a defensa do Estado español como plurinacional, plurilingüe e pluricultural; diferenza entre nación e estado, e defensa da conformación institucional deste como plurinacional; diferenza entre nacións e rexións; defensa da exclusividade competencial e do aumento das competencias exclusivas para as nacionalidades históricas; e formalización dunha reforma constitucional. O 12 de febreiro de 1999 constituíuse en Barcelona a Dirección Política e Coordenación Xeral; por parte do BNG forman parte Xosé Manuel Beiras Torrado, Francisco García, Encarna Otero e Francisco Rodríguez.