deixar

deixar

(< lat laxāre)

  1. Sistema de referencias mediante o cal as linguas informan acerca do marco comunicativo no que ten lugar toda relación lingüística. Tal sistema reflíctese mediante un conxunto de termos deícticos (sinaladores), é dicir, categorías léxicas e gramaticais que varían a súa interpretación sistematicamente segundo a situación comunicativa nas que se estean utilizando. Polo tanto, parte do significado dun deíctico vén proporcionado pola situación en que se usa. Son deícticas algunhas formas dos pronomes persoais, algúns adverbios de lugar e de tempo (aquí, aí, hoxe, mañá, agora), os demostrativos, os morfemas verbais de tempo, algúns verbos (ir, vir), locucións adverbiais (hai dúas semanas, á miña esquerda), etc. Hai expresións que poden ter un uso deíctico ou un uso non deíctico. A diferenza está na necesidade de coñecer a situación do falante no momento de pronunciar esa expresión (uso deíctico) ou non (uso non deíctico). Por exemplo, en Diante de min hai unha biblioteca, “diante” ten un uso deíctico xa que precisamos saber ónde está localizado o falante para poder interpretar correctamente esa expresión; mentres que en Diante da porta principal da catedral hai unha librería o significado de “diante” é invariable, independentemente do lugar que ocupe o emisor. Ademais das pautas espacio-temporais e persoais, as linguas tamén codifican os roles sociais dos falantes. É o que se coñece como deíxe social, é dicir, o uso das formas de tratamento (ti fronte a vostede) ou honoríficos (señor, señora, don, dona, ilustrísimo, ilustrísima). OBS: A grafía <x> representa o son [ks].

  2. v t

    Colocar nun sitio determinado ou soltar algo que se leva posto ou que se ten collido.

    Ex: Deixou os libros no sofá. Deixa a chaqueta e vén comigo.

    Antónimos: coller.
  3. v t
    1. Separarse de algo ou de alguén.

      Ex: Despois de moito tempo deixou a casa e a cidade onde se criou. Deixou os fillos sós no parque e un caeu do bambán. Deixounos no cine e ela foi comprar.

    2. Abandonar alguén aquilo no que se ocupaba ou no que traballaba.

      Ex: Deixou a carreira porque non tiña cartos para pagar os estudios. Deixamos o xogo porque era a nosa ruína.

    3. Sinalar ou destinar algo ou alguén para un determinado fin.

      Ex: Deixoulle a xestión da empresa ó seu fillo máis novo.

    4. Romper a relación afectiva que se mantén con alguén.

      Ex: A miña amiga deixou o seu mozo despois de levar tres anos de noivos. OBS: Con este significado tamén se emprega a construción pronominal, pero só na P4, P5 e P6. Ex: Deixámonos o ano pasado. Vós deixádesvos e reconciliádesvos cada pouco. Os noivos deixáronse de mutuo acordo.

  4. v t
    1. Non coller unha cousa por esquecemento.

      Ex: Sempre deixa as chaves na casa.

      Sinónimos: esquecer.
    2. Esquecerse de poñer ou de facer algo.

      Ex: Deixou atrás o segundo exercicio.

  5. v t
    1. Facer que algo ou alguén quede dun determinado xeito despois de sometelo a algún tipo de acción, operación ou influencia.

      Ex: O zapateiro deixoulle as botas coma novas despois de coserllas. As palabras de Antón deixárono parvo. A masaxe deixoume nova.

    2. Producir unha cousa un efecto determinado que constitúe o resto ou a pegada desa cousa.

      Ex: Este suavizante deixa bo cheiro na roupa.

    3. Producir algo un certo beneficio.

      Ex: O cultivo de cogomelos deixa moitos cartos.

  6. v t

    Dar algo a alguén ao marchar.

    Ex: Antes de se ir para a praza deixoulle o recado á veciña para os fillos. Vou á tenda, déixoche o correo na mesa da cociña.

  7. v t
    1. Legarlle algo a alguén ao morrer.

      Ex: No seu derradeiro testamento o avó deixoulle todos os eidos ao neto máis pequeno.

    2. Permanecer algunha cousa de alguén que marchou ou morreu.

      Ex: Deixou un gran baleiro entre nós. A parella que tivo o accidente non deixou ningún herdeiro. Deixou moitas contas pendentes.

    3. Dar a alguén unha cousa ou permitir que a use cando xa non lle fai falta ou non vai facer uso dela.

      Ex: Deixarame o xersei cando se aburra de poñelo. Ó fin de cada inverno sempre lle deixa a roupa para súa irmá.

  8. v t

    Dar a alguén algo en préstamo durante un tempo determinado para que o utilice e logo o devolva.

    Ex: Deixeille un libro a un amigo pero xa pasaron tres anos e aínda non mo devolveu.

    Sinónimos: prestar, emprestar.
  9. v t

    Manter algo ou a alguén no sitio que ocupaba ou no estado en que se encontraba.

    Ex: Os ladróns deixaron todo coma se ninguén entrase na casa. Non se molestou en pegar o xerro, deixouno sen asa. Deixou a comida no prato.

  10. v t
    1. Non dicir, facer ou ocuparse de certa cousa.

      Ex: Deixa os detalles do accidente e dinos se houbo ou non mortos. Deixade as tonterías e poñédevos a facer o exercicio. Deixa todo o que esteas a facer e vén comigo á festa.

    2. Non facer uso de algo, fundamentalmente para cederllo a outra persoa.

      Ex: Deixou as mellores partes do coello para o fillo. O estudante deixoulle o seu asento no autobús a unha anciá.

      Confrontacións: gardar, reservar.
    3. Non facer uso de algo e reservalo para outro fin que se considera máis necesario.

      Ex: Non gastou os cartos en roupa e deixounos para comprar comida.

    4. Facer que quede para máis adiante a realización dalgunha cousa.

      Ex: Como non tiñamos material suficiente deixamos o traballo para a próxima semana.

      Sinónimos: adiar, aprazar, pospoñer, pospor, postergar.
    5. Agardar que pase algo para poder realizar outra cousa que se quere facer.

      Ex: Deixa que haxa máis roupa para pór a lavadora. Quere deixar que cheguen todos para dicirlles o que pensa.

  11. v t

    ender unha cousa a un bo prezo ou por menos cartos dos que adoita custar.

    Ex: Na feira déixanche as cousas moi baratas.

  12. v t

    Permitir algo. Na tradición oral recóllense ditos como: “Deixa cocer o que non has comer”.

    Ex: Deixou ir o fillo ó partido. Deixáronlle paso á comitiva real. Deixa que veña connosco.

    Sinónimos: consentir.
  13. v pron

    Non opoñerse a algo.

    Ex: Deixouse convencer e foi con el. Quería lavar o can pero non se deixa.

  14. v pron

    Non preocuparse unha persoa do seu coidado persoal, de xeito que presente mal aspecto físico.

    Ex: Desde que morreu o seu fillo María deixouse moito.

  15. v pron

    Afundirse alguén moralmente debido á tristura, ao abatemento ou ás penas.

    Ex: Ó non aprobar a oposición deixeime tanto que case sufro unha depresión.

Frases feitas

  • Deixa. Quita de aí, aparta. Ex: Deixa, xa fago eu a introdución do libro.

  • Deixar andar o can na roca (que el ha dar conta da mazaroca)/Deixar arar o gando/Deixar que corra a auga. Expresión de despreocupación que se emprega cando os tempos son malos e se espera que cheguen outros mellores. Ex: Deixa andar o can na roca que xa che aparecerá algún traballo.

  • Non deixar can tras do palleiro. Revisar todo polo miúdo.

  • 2 Deixar que pase o tempo para que se esqueza algo negativo.

  • Deixa andar o carro coas rodas! Expresión que indica indiferenza ou desentendemento fronte a algunha cousa.

  • Deixa que/que si/que xa verás. Expresión que equivale a unha ameaza ao mesmo tempo que agoira desgracias e dificultades. Ex: Deixa que xa verás o que é bo.

  • Deixa, deixa. Expresión que equivale a unha pequena amoestación ou advertencia, que pode ter mesmo sentido cariñoso. Ex: Deixa, deixa, isto non quedará así, xa falarei eu con el.

  • Deixalo correr, que xa parará/Déixao! Deixar a un que obre como queira que xa a vida o desenganará.

  • Déixame! Non me molestes.

  • Deixar + participio. Indica que queda realizada a acción que expresa o participio. Ex: Antes de ir traballar sempre deixo feita a cama.

  • Deixar a alguén ás boas noites. Humillar. Ex: Meu irmán deixou ás boas noites o seu cuñado perante o concelleiro.

  • Deixar a alguén ás escuras. Burlar. Ex: Sempre deixa a nai ás escuras, aínda que ela está pendente de que non saia á rúa.

  • Deixar a alguén coa palabra na boca. Interromper o parlamento dunha persoa. Ex: Viroume o cu e deixoume coa palabra na boca.

  • Deixar a alguén cos fociños dunha cuarta. Sorprender a unha persoa provocándolle envexa. Ex: Herdou el todo e deixounos ao resto cos fociños dunha cuarta.

  • Deixar a alguén pequeniño/Deixar atrás. Avantaxar en algo a outra persoa.

  • Deixar a alguén sen pelexo. Falar mal dunha persoa.

  • Deixar a alguén zapateiro. Impedir que alguén faga baza nun xogo. Ex: Meu pai sempre me deixa zapateiro cando xogamos ao tute.

  • Deixar a bravo/a ermo/a monte/de monte. Non cultivar un terreo. Ex: Non podía atender todas as leiras e deixounas de monte.

  • Deixar a conta así. Non volver máis sobre un asunto. Ex: Se che regalaron a leira, non matines máis e deixa a conta así.

  • Deixar a ferramenta. Morrer.

  • Deixar a fontela polo rego. Cambiar unha cousa boa por outra que non vale nada. Ex: É mellor que non cambies o coche porque podes deixar a fontela polo rego.

  • Deixar a herba/para lameiro/a campo/de campo. Deixar un terreo para prado.

  • Deixar á parte/de lado. Non contar con algo ou con alguén.

  • Deixar a pedir/(a un) en coiro(s)/a un por portas/a un polas portas do mundo. Facer que unha persoa quede na miseria e desposuída de todo o que ten. Ex: Arramplou con todo e deixouno en coiros.

  • Deixar a un redondo/no sitio/sen folgo/tan longo era/teso. Matar a unha persoa. Ex: Os atracadores do banco deixaron o garda no sitio. Deixárono teso dun único disparo.

  • Deixar a vida. Falecer, especialmente cando é de forma tráxica. Ex: Moitos turistas deixan a vida nas estradas.

  • Deixar algo da man dun. Deixarlle a alguén que se encargue dun asunto para que o desenvolva satisfactoriamente. Ex: A sega da herba deixádea da miña man.

  • Deixar algo ou alguén ao tempo. Agardar a que o paso do tempo actúe. Ex: De momento é pequeno, hai que deixalo ao tempo e xa veredes como cambia.

  • Deixar amainado/coa boca aberta/coma un pan a alguén/cun palmo de boca/pampo. Facer que alguén quede abraiado. Ex: Deixounos coa boca aberta cando lles dixo que ía casar.

  • Deixar arrefriar 1 Meditar unha cousa antes de continuar con ela.

  • Deixar as mangas. Realizar ben unha cousa. Ex: Os obreiros deixaron as mangas nese chalé.

  • Deixar aviado a alguén. Facer que alguén quede nunha situación dificultosa. Ex: Teu irmán levouche todos os cartos; agora si que te deixou aviado.

  • Deixar caer. Ir introducindo un certo tema, noticia ou asunto aos poucos, como sen intención, para ir vendo o efecto que produce. Ex: A rapaza sempre que podía deixaba caer o tema de saír a fin de semana.

  • Deixar correr a auga/Deixar que corra o vento/Déixao regar! Non facer caso das críticas. Ex: Ti acepta o ascenso que che propuxeron e deixa correr a auga.

  • Deixar correr. Non facer caso de algo e consentilo aínda que non se estea de acordo. Ex: Fomos enganados polos nosos mellores amigos pero como se adoita dicir é mellor deixar correr o asunto.

  • Deixar de sufrir. Falecer despois de pasar sufrimento.

  • Deixar en albas/en branco. Facer que unha persoa quede sen saber o que quería. Ex: Cansámonos de preguntarlle cánto gañara na lotería pero el deixounos en albas.

  • Deixar feito un taco a alguén. Gañarlle nunha discusión ou facer que quede confundido.

  • Deixar ir as cousas polo río abaixo e librar o vulto da tormenta. Resolver un problema deixando que as cousas sigan o seu curso normal.

  • Deixar o máis polo menos. Tratar o que é pouco importante afastándose do principal. Ex: Moitos alumnos suspenden os seus exames porque deixan o máis polo menos.

  • Deixar o pelexo. Traballar a reo en algo. Ex: O meu pai deixou o pelexo no cerramento da leira.

  • Deixar para emprestar. Esaxerar moito as cousas. Ex: A ese rapaz non se lle pode crer nada porque todo o deixa para emprestar.

  • Deixar polo dente. Non seguir con algo por fartura ou aburrimento. Ex: Invitárono a comer pero ao final tivo que deixar a sobremesa polo dente.

  • Deixar que chova e que vaia sol. Permitir que transcorra o tempo. Ex: De momento deixa que chova e que vaia sol, xa falaremos.

  • Deixar que desexar. Distar unha cousa de ter as calidades que debería ter. Ex: Este coche non é tan bo como parece, deixa muito que desexar.

  • Deixar seco a alguén. Vencer a alguén.

  • Deixar sen/por + infinitivo. Non realizar ou deter a acción que é expresada polo infinitivo. Ex: María deixou sen corrixir o exercicio. As miñas compañeiras deixaron por lavar algunhas pezas de roupa.

  • Deixar terra para nabos. Marchar dun lugar sen avisar.

  • Deixar tremendo unha cousa. Comer ou beber a maior parte do contido dunha botella, prato ou dalgún outro utensilio. Ex: Ó principio non quería comer pero despois deixou tremendo o prato.

  • Deixar vivir. Non meterse na vida dunha persoa nin molestala de ningunha maneira.

  • Deixar(se) de + infinitivo. Perífrase aspectual perfectiva que indica que a acción expresada polo verbo non se realiza ou se detén. Ex: Deixou de chover despois de tres días. Deixádevos de lerias e poñédevos a traballar.

  • Deixarllo a santo Hilario. Quedar solteiro.

  • Deixarse de contos/de gaitas/de lerias/de monsergas/de músicas/de panxoliñas. Parar de bromear ou divagar para centrarse no principal. Ex: Déixate de gaitas e fai os deberes.

  • Deixarse estar. Permanecer nun lugar ou estado determinado.

  • Deixarse gobernar. Ser obediente.

  • Deixarse levar. Facer sempre o que queren os demais.

  • Deixarse querer. Permitir unha persoa que os demais centren os seus coidados, agarimos e atencións nela. Ex: É moi difícil convivir con Ana porque non se deixa querer.

  • Non deixar (nin) a sol nin a sombra. Non se apartar dunha persoa en ningún momento.

  • Non deixar a ida pola vida. Rapidamente.

  • Non deixar cinasco de algo. Non deixar resto de nada.

  • Non deixar cravo nin estaca en parede. Levar todas as cousas que se atopaban nun lugar. Ex: Cando volvemos de vacacións non atopamos nada na casa, xa que os ladróns non deixaron cravo nin estaca en parede.

  • Non deixar de ollo. Vixiar atentamente.

  • Non deixar meter baza. Non dar opción a outra persoa a que participe en algo. Ex: O adestrador díxoo todo el, non lles deixou meter baza aos xogadores.

  • Non deixar pedra enriba de pedra. Revolver moito algo. Ex: Cando veñen os meus netos non me deixan pedra enriba de pedra.

  • Non deixar pedra sen mover. Facer todos os esforzos, accións ou xestións que sexan necesarias para conseguir un fin. Ex: Non deixou pedra sen mover para que lle concedesen a axuda familiar.

  • Non deixar verde nin seco. Destruír algo totalmente.

  • Non deixar vivir a un. Incomodar a alguén constantemente.

  • Non deixar(se) aturullar por unhas pallas. Non se deixar dominar con facilidade.

  • Non lle deixar un óso san a alguén. Deixar a unha persoa en mal estado despois de darlle unha malleira.

  • Non se deixar montar/ferrar sen acecal. Non permitir ser dominado por alguén. Ex: No colexio non te deixes montar polos outros nenos."

Conxugar
VERBO deixar
Forma verbal: Infinitivo

Indicativo

Presente Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
deixo
deixas
deixa
deixamos
deixades
deixan
Pretérito imperfecto Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
deixaba
deixabas
deixaba
deixabamos
deixabades
deixaban
Pretérito perfecto Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
deixei
deixaches
deixou
deixamos
deixastes
deixaron
Pretérito pluscuamperfecto Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
deixara
deixaras
deixara
deixaramos
deixarades
deixaran
Futuro Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
deixarei
deixarás
deixará
deixaremos
deixaredes
deixarán
Condicional Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
deixaría
deixarías
deixaría
deixariamos
deixariades
deixarían

Subxuntivo

Presente Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
deixe
deixes
deixe
deixemos
deixedes
deixen
Imperfecto Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
deixase
deixases
deixase
deixasemos
deixasedes
deixasen
Futuro Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
deixar
deixares
deixar
deixarmos
deixardes
deixaren

Imperativo

Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
-
deixa
-
-
deixade
-

Formas nominais

Infinitivo conxugado Eu
Ti
El/Ela
Nos
Vos
Eles
deixar
deixares
deixar
deixarmos
deixardes
deixaren
Xerundio deixando
Participio deixado
deixada
deixados
deixadas