falta

falta

(< lat v *fallĭta)

  1. s f

    Feito de non ter algo que se precisa. Na tradición oral recóllense ditos como: “A falta de homes bos, ao meu pai fixérono alcalde. A falta de pan, boas son bicas. A falta de pan bo é o pantrigo.”

    Ex: A falta de alimentos foi preocupante para toda a tripulación.

    Sinónimos: carencia.
  2. s f
    1. Feito de non estar algo ou alguén no lugar correspondente ou desexado.

      Ex: A falta do mestre notábase moito entre os rapaces. Decatouse da falta dos caramelos cando os ía repartir.

      Sinónimos: ausencia, ausencia.
    2. Anotación na que se fai constar unha ausencia.

      Ex: Este mes xa lle puxeron tres faltas.

    3. Oco que queda cando falta algo.

      Ex: O millo naceu mal e hai moitas faltas.

    4. Ausencia da menstruación, especialmente debido ao embarazo.

  3. s f

    Elemento ou circunstancia que lle resta perfección a unha cousa.

    Ex: Dexáronlle a saia máis barata porque tiña unha falta.

    Sinónimos: defecto. Confrontacións: imperfección.
  4. s f
    1. Dito ou feito contrario ás leis ou normas establecidas. Na tradición oral recóllense os seguintes ditos: “As faltas alleas, na alforxa dianteira; e as faltas nosas, na traseira alforxa.”

      Ex: É unha falta de respecto que lle contestes así ó avó.

    2. Erro que se comete de forma involuntaria.

      Ex: Tivo moitas faltas na redacción.

    3. [DER]

      Acción ou omisión voluntaria penada pola lei cunha sanción leve. Na maior parte das lexislacións penais, a falta recóllese como unha infracción de carácter menor e diferénciase do delito na menor repercusión dos efectos sobre os intereses lesionados.

  5. [DEP]
    1. s f

      Calquera infracción ás regras do xogo, que normalmente se sanciona de distintos xeitos segundo a disciplina.

    2. dobre falta

      Infracción que comete o tenista cando non executa un saque regulamentario despois de dúas tentativas. Sanciónase coa perda do punto en xogo. Non se computa como falta o saque que despois de rozar na rede pasa ao campo contrario e bota no cadro de recepción, aínda que tampouco é valido e dá lugar a unha nova tentativa.

    3. falta antideportiva/ intencionada

      Infracción que un xogador de baloncesto comete sobre o contrario cando manifestamente non existe posibilidade de que cunha acción defensiva regulamentaria poida recuperar o balón. Sanciónase tecnicamente con lanzamentos de tiros libres e posesión do balón para o equipo que o tiña.

    4. falta persoal

      Infracción individual que un xogador de baloncesto comete sobre un xogador do equipo contrario. Sanciónase con saque de banda ou con lanzamentos de tiros libres (que varían en número segundo as circunstancias nas que se produciu, entre un e tres) se a acción o merece ou se o equipo do infractor xa cometeu un número determinado delas no transcurso do período que se xoga. Se, malia a falta, o xogador que a sufriu conseguiu anotar canastra, concédeselle un lanzamento de tiro libre adicional. O xogador que comete cinco faltas persoais nun partido é descualificado, aínda que o seu equipo pode substituílo inmediatamente e continuar igualmente con cinco xogadores.

    5. falta técnica

      Infracción que comete calquera membro dun equipo de baloncesto (xogador ou oficial, no terreo de xogo ou no banco de reservas), cando incorre en condutas contrarias ao espírito deportivo, como protestas ás decisións arbitrais ou calquera outra actitude provocadora ou agresiva cara aos demais participantes no xogo ou cara aos espectadores.

Frases feitas

  • Á falta/falla de. No caso de faltar o que se expresa.

  • Botar en falta/falla. Estrañar algo ou a alguén.

  • Facer falta/falla. Ser necesario algo.

  • Sen falta/falla. De forma rigorosa.

Palabras veciñas

falso -sa | falso -sa | Falster | falta | faltar | faltar | falto -ta