cábala

cábala

(

  1. s f [RELIX]

    Conxunto de teorías metafísicas, místicas e esexéticas, de carácter esotérico, desenvolvidas no xudaísmo. A cábala especulativa ou cábala propiamente dita (a chamada práctica -ma’sīt- dexenerou en maxia e ocultismo), dispón duns procedementos esexéticos propios (guematria, notarikōn e temura) para as súas interpretacións do mundo, da súa orixe e dos seus misterios. Da divindade proceden por emanación dez atributos, chamados šefirot. A ánima, emanación dunha šefirá, existe antes do nacemento, ten diversos graos e consta dun elemento masculino e doutro feminino. Polo xeral, sostense que a cábala tivo a súa orixe na catividade de Babilonia, e acadou o seu máximo desenvolvemento (ss XII e XIII) como reacción contra a filosofía racionalista de Maimónides: o Séfer ha-Bahir (1180?), escrito en Provenza, constitúe o primeiro ensaio sistemático sobre a cábala. A esta época pertence a redacción definitiva da obra clásica da cábala, o Zohar (Libro do esplendor), divulgada por Mošé ben Šem Ṭob de León. A expulsión dos cabalistas sefardís (1492) deu lugar a un centro importante en Safed durante os ss XVI e XVII, e derivou, un século despois, no hasidismo, nacido en Polonia e aínda vixente hoxe.

  2. s f

    Ciencia esotérica que procura comunicarse co mundo sobrenatural.

  3. s f

    Negociación secreta e astuta que ten como finalidade conseguir algunha cousa.

    Ex: Urdiron unha cábala para expulsalo da empresa.

    Sinónimos: complot, conspiración, intriga, trama.
  4. s f

    Cálculos ou suposicións, carentes de explicación lóxica e baseados en simples indicios ou aparencias, para adiviñar ou explicar algunha cousa. OBS: Úsase xeralmente en plural.

    Ex: Tivemos que facer cábalas para saber cál era o lugar exacto.

    Sinónimos: conxectura, hipótese.

Palabras veciñas

cabal | Cabal | cabala | cábala | cabalar | Cabalar | Cabalar