Casa da Índia

Casa da Índia

Organismo fundado polo rei portugués Manuel I no 1499. Situouse no Palacio da Ribeira, Lisboa, co fin de centralizar o comercio e a administración ultramarinas. Co establecemento do monopolio estatal no 1506 sobre o comercio de importación, principalmente o oriental, as competencias deste organismo aumentaron: chegou a supervisar os asuntos relativos ás factorías ultramarinas, á organización das armadas, ás encomendas e ao nomeamento de funcionarios en ultramar ou Anveres. Os primeiros que se encargaban da mercancía recibida eran os inspectores (vedores), que vixiaban o desembarco en caixas seladas para depositalas na Casa, onde valoraban o contido e detraían a parte que lle correspondía á Coroa para fixar o prezo final de venda. A venda en Europa facíase a través da Factoría de Flandres, institución que en 1509 pertencía ao Regemento da Casa da Índia dividida en Casa dos Escravos, Casa da Guiné e Mina, e Casa da Índia, cada unha cun tesoureiro e cun escribán propios, pero todas elas subordinadas á Casa da Índia, que rendía contas   directamente ao rei e á que lle estaban asignadas funcións de natureza comercial, inspección de descarga das embarcacións e administración global da Casa. Esta regulación manuelina establecía ademais a organización da Casa en catro mesas: mesa das drogas, para drogas e especias; mesa dos quartos, para escravos africanos e roupas; mesa da armada, na que se rexistraban os nomes dos barcos e dos seus tripulantes; e mesa da tesouraria e da contadoria, que recibía os impostos das dúas primeiras mesas. Esta fisionomía é o resultado de institucións anteriores (Casa de Ceuta, Casa da Guiné ou de Mina e Casa da Índia), coas mesmas funcións pero de ámbito restrinxido, vinculadas á evolución da expansión marítima.