Lugo, muralla de

Lugo, muralla de

Fortificación situada en Lugo, de planta cuadrangular e cos ángulos suavizados, que ocupa unha zona de terreo topograficamente irregular cunha superficie de 34,4 Ha, e ten un perímetro polo seu camiño de ronda de 2.117 m. Formaba parte dun sistema defensivo completo integrado por un foso, a propia muralla e o intervallum. Os materiais empregados na súa construción foron laxes de lousa e bloques de granito, cun núcleo de morteiro fabricado con terra, pedra solta e cantos, cementado con auga, cun espesor medio de 4,20 m, unha altura que oscila entre os 8 e os 12 m pola súa parte exterior, e cunha lonxitude dos lenzos entre os cubos que oscila entre os 8,80 e 9,80 m ata os 15,90 e 16,40 m. Na súa orixe debeu contar con 85 ou 86 torres, depende da fonte, pero só se conservan 71 cubos, 60 de planta circular e 11 cuadrangulares. Conta con dez portas, cinco de época romana: a Porta Miñá que comunicaba con Iria Flavia (Padrón) e a Porta Falsa, que enlazaba co camiño para Lucus Asturum (Lugo de Llanera) e a costa; a Porta de San Pedro e a Porta de Santiago, malia a súa posible construción romana, sufriu importantes modificacións posteriores; e a Porta Nova, construída en 1900, que comunicaba coa Coruña. Desde mediados do s XIX abríronse as portas de San Fernando, a Estación, Bispo Izquierdo, Bispo Aguirre e Bispo Odoario. En 1921 foi declarada Ben de Interese Cultural e en 2000 Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.