baixo -xa

baixo -xa

(

  1. adx

    Que ten unha altura inferior á ordinaria.

    Ex: O neno é un pouco baixo.

  2. adx

    Situado nun nivel inferior ao normal.

    Ex: Ese libro está na parte baixa da estantería.

  3. adx

    En dirección á terra ou cara ao solo.

    Ex: Andar coa cabeza baixa.

  4. adx

    De pouca categoría ou que non ten importancia.

    Ex: Na obra están moi ben caracterizados os personaxes baixos.

  5. adx

    Que presenta un prezo inferior ao habitual.

    Ex: No verán é máis baixo o prezo da sardiña.

  6. adx

    Aplicado ao ouro e á prata, con moita mestura doutros metais.

    Ex: Brilla moito, pero a prata é máis baixa.

  7. adx

    Aplicado a persoas ou a accións humanas, de carácter desprezable ou vil.

    Ex: É inadmisible que tivese un proceder tan baixo.

    Sinónimos: infame.
  8. adx e adv

    Que está ou chega a unha elevación non demasiado considerable sobre a superficie da terra ou calquera outro termo de comparación.

    Ex: É unha zona de casas baixas. Iniciamos a viaxe cando o sol aínda estaba moi baixo.

  9. adx e adv

    Que presenta pouca intensidade.

    Ex: Falaba tan baixo que case non se lle entendía. Sentín que alguén cantaba unha canción baixiña moi bonita.

  10. s m

    Parte inferior dalgunha cousa.

    Ex: Limparon os baixos do coche.

  11. s m

    Parte dun edificio que está ao mesmo nivel ca a rúa.

    Ex: No baixo do edificio abriron un supermercado.

  12. prep

    Partícula que indica un lugar inferior. OBS: Emprégase con moita frecuencia formando unha locución preposicional seguido da preposición de.

    Ex: Os nenos xogaban a agocharse baixo da mesa.

    Sinónimos: debaixo, embaixo, so.
  13. prep

    Partícula que indica o tempo no que aconteceu algunha cousa.

    Ex: Esta lei promulgouse baixo o goberno anterior.

    Sinónimos: durante.
  14. prep

    Partícula que indica que algunha cousa ou persoa ten dependencia doutra cousa ou de alguén.

    Ex: Xustificouse dicindo que estaba baixo os efectos do alcohol. Os nenos quedan baixo a túa responsabilidade.

  15. prep

    Partícula que indica que unha persoa ou un grupo de persoas están ás ordes doutra ou doutras.

    Ex: Aínda que traballemos en sitios diferentes, estamos todos baixo o mesmo capataz.

  16. adx [CRON]
    1. Referido a unha época histórica, dise do período cronoloxicamente posterior, tardío ou próximo ao final. OBS: Normalmente emprégase en aposición co substantivo.

      Ex: As Revoltas Irmandiñas producíronse na Baixa Idade Media.

    2. Referido a unha estación ou a unha tempada, na que hai menos concorrencia de xente.

      Ex: Viaxamos en temporada baixa porque é máis barato.

    3. Cando se fala dunha festa movible que cadra antes que outros anos.

      Ex: A Semana Santa cadrou moi baixa.

      Sinónimos: cedo. Antónimos: alta, tarde, alta.
  17. baixa frecuencia [FÍS/TECNOL]
    1. En sentido xeral, dise da frecuencia de corrente alterna, empregada xeralmente por oposición á alta frecuencia, empregada para as transmisións radiofónicas. Adóitase representala por BF.

    2. audiofrecuencia.

    3. Radiofrecuencia comprendida entre 30 e 300 kHz, segundo convenio internacional. Represéntase por LF (Low frecuency).

  18. adx [LING/LIT]

    Que ten un rexistro vulgar ou un estilo ordinario.

    Ex: A lingua dun rufián adoita presentar un rexistro baixo.

  19. [MÚS]
    1. adx

      Referido a un son musical ou a unha voz, que é grave.

      Ex: Hai que tensar as cordas da guitarra porque dá as notas moi baixas.

    2. s m

      oz masculina, a máis grave, que ten como extensión aproximada do re 1 ao re 3.

    3. s m

      Instrumento destinado a executar un son baixo dentro dunha orquestra (viola, violoncelo, contrabaixo).

    4. s m

      Cada un dos sons máis graves dun instrumento.

    5. s m

      Parte máis grave dunha composición musical (instrumental ou vocal).

    6. adv

      Referido ao ton musical que se atopa por debaixo da tonalidade de partida.

      Ex: Esta peza é apropiada para unha tesitura máis baixa.

    7. baixo cifrado

      Parte grave dunha composición musical, destinada a un instrumento de harmonía e que o autor proviu de cifras e de alteracións indicativas da harmonía, con vista á realización máis fácil dun acompañamento e unha interpretación máis fiel do seu pensamento. O baixo cifrado, como o baixo continuo, atópase sobre todo en obras dos ss XVII e XVIII.

    8. baixo continuo

      Parte instrumental grave, mantida sen interrupción ao longo dunha peza musical. Reforzada ou non pola viola, o fagot, ou por algún outro instrumento monódico, serve de base ao tipo de acompañamento máis xeneralizado en obras dos ss XVII e XVIII e que se realiza nun instrumento de harmonía (órgano, clavecín, laúde, etc).

    9. baixo de Alberti

      Acompañamento formado por grupos de catro notas que constitúen acordes arpexiados dun mesmo debuxo melódico, do cal varían os intervalos segundo o acorde (por exemplo: do-sol-mi-do, re-sol-fa-sol, etc). O nome vénlle do grande uso que deste acompañamento facía Domenico Alberti nas sonatas de clavecín. Tamén se atopa, moi a miúdo, nas de Haydn e nas de Mozart.

    10. baixo eléctrico

      Instrumento musical cordófono con son amplificado electricamente que se emprega no acompañamento das composicións musicais para resaltar ritmicamente con tonalidades baixas.

    11. baixo obstinado

      Motivo melódico que se vai repetindo sempre igual no baixo, mentres as partes superiores desenvolven unha serie de variacións ou, ás veces, unha melodía continua. Derivado do cantus firmus, serve de base unificadora dunha composición.

  20. s m [XEOG]

    Elevación dunha superficie asolagada (fondo do mar, lago ou encoro), que representa un obstáculo para a navegación. Diferénciase dos cantís en que a súa orixe é sedimentaria, formado a partir do depósito de areas, especialmente nas desembocaduras dos ríos.

    Ex: O río levaba pouca auga e a barca encallou nos baixos.

    Sinónimos: arrecife, escollo, baixío.

Frases feitas

  • Baixo man

  • Marchar cantando baixiño. Coller vergoña a causa dunha situación ou feito.

  • . Coller a alguén falando en baixo/alto. Sorprendelo falando mal doutra persoa.

  • . Voar baixo. Correr.

  • . Con disimulo, en voz baixa

  • . Secretamente

  • Polo baixo

Palabras veciñas

baixío | baixista | Baixo | baixo -xa | Baixo Congo | baixo latín | Baixo Miño, O