1 gaita

1 gaita

(< xerm gaits‘cabra’)

  1. s f [MÚS]

    Instrumento aerófono que na súa forma máis simple está constituído por un tubo melódico, chamado punteiro, unido a un pequeno saco no que se almacena o aire, chamado fol. O aire introdúcese por un pequeno tubo, chamado soprete. O fol pode elaborarse de distintos materiais; os máis empregados son a pel de cabrito, o coiro, o caucho ou distintos tecidos sintéticos, como o goretex. A gaita é un instrumento destacado da música tradicional galega, que foi evolucionando desde a forma máis primitiva (fol, soprete e punteiro). Así, na Idade Media, incorporáronselle distintos bordóns que melloraban a musicalidade do instrumento. O primeiro que se incorporou foi un bordón que proporcionaba un baixo continuo, chamado ronco ou roncón. O ronco emite a nota tónica do punteiro da gaita pero dúas oitavas máis baixa. O son do ronco prodúcese ao pasar o aire a través dunha lingüeta de cana ou doutros materiais situada no interior da súa base, chamada pallón. Posteriormente, uníuselle outro bordón, máis pequeno ca o ronco, chamado ronquillo ou ronquete. O ronquillo emite a nota dominante do punteiro, pero unha oitava máis baixa. O son prodúcese do mesmo xeito ca no ronco, aínda que o tamaño do pallón é menor. Finalmente, incorporóuselle o chión, que é o bordón máis pequeno de todos. A finalidade do chión é a de completar, en certo modo, o acorde da tonalidade da gaita, xa que emite a quinta ascendente do punteiro na mesma oitava. Este é un bordón difícil de afinar, debido a que o son se produce cando o aire pasa a través dunha dobre lingüeta de cana, chamada palleta, igual á do punteiro. Incorporouse nos ss XVIII e XIX e os gaiteiros empregábano nas festas e romarías para que dese a sensación de que había dúas gaitas tocando, polo son parecido das dúas palletas. Unha vez afinadas as distintas partes da gaita o son debe ser uniforme, feito que se consegue co chamado tempero, que é a cantidade xusta de aire que necesita a palleta do punteiro para non variar a nota. O tempero mestura a presión do brazo no fol coa introdución de aire no mesmo a través do soprete, que posúe unha válvula (zapón) que non deixa regresar o aire expulsado á boca. A historia da gaita galega podería remontarse aos tempos das culturas mesopotámicas, como resposta á necesidade musical de prolongar o son das frautas e así evitar as interrupcións para coller aire. Deste xeito, a incorporación do pelexo dun animal como depósito suplementario de aire debeu ser un feito moi rapidamente asumido e espallado por toda Mesopotamia e tamén polos pobos cos que tiñan relación. Dentro destes pobos estaban os gregos, que coñecían este instrumento co nome de askaulós. A primeira referencia que se coñece da gaita na Grecia antiga é de Aristófanes, quen na súa comedia Os Arcanianos fala dunha gaita de pel de can e tubos de oso. Esta referencia pódese constatar en Malta, antiga colonia grega, onde a finais do s XX aínda se utilizaba o pelexo dun can para facer o fol da gaita tradicional. O pobo romano tamén adoptou a gaita. Distintas fontes falan dun instrumento que empregaba o pelexo dun animal amodo de fol chamado tibia utricularis. Suetonio, nunha das súas obras, comenta que o mesmo emperador Nerón era un bo intérprete de utricularium e incluso mandara cuñar unha moeda que reproducía o instrumento. Tamén utilizaban a gaita as tropas romanas como instrumento marcial, uso que se consolidou en diversos pobos atlánticos. Foron os romanos, sen dúbida, os que espallaron este instrumento de forma definitiva a través dos territorios conquistados. Durante moitos anos existiu a teoría de que foran os pobos celtas os que levaran este instrumento a todos os territorios da fachada atlántica nos que se asentaron. Pero esta teoría, hoxe desbotada, carece de crédito, xa que non explicaría a presenza deste intrumento en zonas ás que non chegaron os celtas. O que si fixeron estes pobos foi potenciar o instrumento dun xeito destacado e por iso tivo un desenvolvemento tan claro nas culturas atlánticas. A ocupación e o dominio dos romanos en toda Europa e o norte de África explicaría a presenza constatada deste instrumento en países tan afastados como Tunisia, Ucraína ou Escocia, por poñer tres exemplos. Para Faustino Santalices, a gaita penetrou na Península Ibérica pola zona norte e noroeste, da man dos suevos, que fixeran dela o seu instrumento máis característico. Hai estudiosos que afirman que a gaita se popularizou na época sueva grazas aos músicos itinerantes que se movían polos distintos pazos e castelos. A gaita na Idade Media acadou un gran desenvolvemento musical, como proban as miniaturas das Cantigas de Santa María que mostran diversos modelos. Foi nesta época, e así o mostra especialmente a miniatura 350 da obra de Afonso X O Sabio, cando á gaita se lle uniron diversos bordóns que dotaban ao instrumento de polifonía. Estas representacións de gaiteiros cortesáns e gaitas moi traballadas e sofisticadas confirman o prestixio e perfección que acadaron durante un longo período da época medieval. Ao mesmo tempo, sábese que os monxes bieitos empregaban a gaita para acompañar os seus oficios relixiosos ata que foi desprazada polo órgano. Este costume mantívose durante máis tempo noutras zonas cristiás de Europa, e en Bretaña, por exemplo, a gaita e a bombarda conviviron co órgano nos oficios relixiosos ata o mesmo s XX. O Camiño de Santiago foi outro dos elementos que contribuíu de forma decisiva á implantación da gaita en Galicia e serviu de vía de introdución noutros territorios. Posteriormente, a gaita caeu nunha época de decadencia que provocou un certo desprestixio do instrumento. Deste xeito, pasou a ser un elemento máis das manifestacións musicais do pobo, que o fixo seu, e que o incorporou a moitas das súas manifestacións culturais. Así, a gaita está presente en danzas, como as de espadas ou procesionais, fiadas, romarías, etc. A figura do gaiteiro ou o dúo formado polo gaiteiro e o tamborileiro foi común en moitos cabidos eclesiásticos e gremios, que os contrataban de forma permanente ou ocasional para as festas litúrxicas ou civís máis destacadas e solemnes. Ata principios do s XX a catedral de Santiago de Compostela tiña un gaiteiro e un tamborileiro oficiais que vivían exclusivamente do seu servizo á catedral. Outros moitos gaiteiros eran contratados ocasionalmente para ir tocar ás festas e romarías das vilas. Estes gaiteiros solistas, que en moitos casos tiñan unha técnica musical moi depurada (tocar pechado), fixéronse moi populares a finais do s XIX e principios do s XX, ata o punto de ser os protagonistas de poemas e narracións dos máis famosos escritores galegos. Avelino Cachafeiro, Perfecto Feijoo, Manuel Castro González, máis coñecido como o gaiteiro de Penalta, Xan Tilve Castro, coñecido como Xan de Campañó, Manuel Villanueva de Poio, Xosé Antón de Breixo, Faustino Santalices ou Constantino Bellón son algúns dos máis destacados gaiteiros solistas galegos que acadaron sona incluso no continente americano. A aparición a finais do s XIX de conxuntos folclóricos e agrupacións corais supuxo o inicio da recuperación da gaita como instrumento destacado dentro do panorama musical galego. Formacións como Aires da Terra ou o coro Toxos e Froles foron os iniciadores dun modelo de conxunto musical galego que se desenvolveu ata chegar, a finais do s XX, á creación das bandas de gaitas, axudadas polas experiencias doutras zonas como Bretaña ou Escocia. Xa a mediados do s XX apareceu outra xeración de grandes gaiteiros solistas que revolucionaron o mundo da gaita coas súas composicións e as súas técnicas interpretativas. Os máis coñecidos foron Ricardo Portela e Nazario González Iglesias, coñecido como Moxenas, que foron mestres, á súa vez, doutros grandes gaiteiros. Ao igual que os outros gaiteiros solistas mencionados anteriormente, estes últimos tamén foron grandes compositores de temas para gaita de tipo tradicional (muiñeiras, pasacorredoiras, xotas, etc.) e ritmos máis recentes pero de igual gusto popular (rumbas, valses, polcas, mazurcas, etc). Con eles chegouse á “explosión” musical da gaita que se produciu a partir dos últimos anos do s XX. Un dos feitos destacados desta renovación definitiva foi a creación do Grupo Didáctico do Obradoiro-Escola de Gaitas e Zanfonas da Universidade Popular do Concello de Vigo, da man do artesán Antón Corral. Neste centro formouse un grupo de grandes músicos e do que saíron importantes gaiteiros como Carlos Núñez ou Anxo Lois Pintos. A investigación que desenvolveu Antón Corral e o seu grupo arredor da gaita e das sús posibilidades musicais e harmónicas permitiu a creación do septiminio de gaitas. Isto supuxo a elaboración de gaitas en distintas tonalidades de forma que puidesen complementarse e tocar xuntas. O septiminio está composto por: gaita aguda en fa, grileira en re, redonda en do, tumbal en la, barítona en sol, ronquilla en sol e ronca en do. Deste xeito, tentouse abrir unha nova vía musical para a gaita coa intención de que puidese ofrecer máis posibilidades harmónicas e incluso puidese encaixar nun conxunto sinfónico. Tradicionalmente, houbo tres tonalidades fundamentais para a gaita: tumbal (si bemol), redonda (do) e grileira (re). As máis empregadas foron a tumbal e a redonda, que foi a que se impuxo finalmente. A finais do s XIX a gaita tumbal tivo moita sona debido a que a súa tonalidade baixa conectaba mellor coas voces das agrupacións corais que tanto proliferaban na época. A gaita redonda, afinada en do, permitía pequenos matices na súa afinación, e así se distinguía unha gaita en “do brillante” fronte á gaita redonda en “do natural”. A gaita grileira tivo pouco éxito e só se comezou a construír de forma continuada a finais do s XX. As gaitas, ata finais do s XX, facíanse de forma totalmente artesanal en obradoiros familiares espallados por toda a xeografía galega. A mediados e finais do s XX, os obradoiros fóronse profesionalizando baixo a dirección de construtores de gaitas moi recoñecidos. Entre os máis prestixiosos destacan Basilio Carril, Xosé Manuel Seivane e Antón Corral. Moitas foron as innovacións que introduciron na gaita estes e outros construtores, como a incorporación de diversos materiais para facer o fol da gaita, como o caucho ou o coiro acharolado. Tamén revolucionaron o timbre da gaita ao experimentar con madeiras de distintas sonoridades. Así, as madeiras exóticas cobraron forza na fabricación de gaitas debido á súa calidade, estética e son. Algunhas das madeiras máis empregadas para a construción de gaitas son, xunto co tradicional buxo, o granadillo, o ébano, o cocobolo ou o pau rosa. A innovación chegou tamén ás compoñentes sonoras da gaita (pallóns e palletas), que cambiaron a cana polo plástico e o metal. Deste xeito comezáronse a facer palletas de plástico e os chamados “pallóns de bolígrafo”, que permiten unha afinación máis perfecta e con menor variación ca os de cana. Tamén a técnica na dixitación da gaita sufriu melloras e innovacións. Os intérpretes incorporaron recursos técnicos propios doutros países, como Escocia, ata formar unha serie de ornamentos moi elaborados, entre os que cómpre mencionar os picados ou mordentes dobres e triples. A recuperación da gaita en Galicia foi un feito progresivo que contou con figuras destacadas ao longo dos últimos anos. A proliferación de bandas de gaitas, grupos folclóricos e todo tipo de formacións que experimentaron coa fusión musical a finais do s XX e principios do s XXI, posibilitou o acceso da gaita a terreos descoñecidos ata ese momento. Gaiteiros solistas como Carlos Núñez, Anxo Lois Pintos, Xosé Manuel Budiño ou Susana Seivane conforman a máis recente representación da cultura da gaita en Galicia.

  2. s f

    Órgano xenital masculino.

    Sinónimos: billote, caralla, carallo, minga, miñoca, nabo, pene, pirola, pixa, verga, vergallo.
  3. s f
    1. Termo do barallete, xerga dos afiadores e paraugueiros, que corresponde á voz ‘sopa’.

    2. Termo da xerga das palilleiras que designa un ‘pao pequeno co corpo liso e forma de tronco de cono, xeralmente elaborado en madeira de buxo’.

    3. Termo do barallete, xerga dos afiadores e paraugueiros, que corresponde á voz ‘papas’.

Frases feitas

  • A gaita quere gaiteiro/é para o gaiteiro. Cada un debe facer o que sabe.

  • Non estar para gaitas. Non estar algo ou alguén para bromas. Ex: Non estou para gaitas, así que pensa o que vas dicir.

  • Ser unha gaita. Ser algo molesto ou dificultoso. Ex: É unha gaita ter que facerlle ese favor.

  • Tocar a gaita. Molestar a alguén. Ex: Non sei quén virá tocar a gaita a estas horas.

  • Andar/vir con gaitas. Enfastiar. Ex: Non veñas con gaitas que agora teño moito traballo.