2 bote

2 bote

(

  1. s m

    Embarcación de pequeno tamaño con remos.

    Ex: Arrastraron os botes para a praia para que non lles chegase a marea.

    Confrontacións: batel, chalana, gamela.
  2. [MAR]
    1. s m

        Nome xenérico co que se identifica un conxunto de embarcacións de ata oito metros de eslora, caracterizadas por ter quilla e fondo redondo, podendo ser de proa e popa simétrica ou mesmo ter a popa en forma cadrada, diferenciándose así en dous grandes grupos. Preparadas para a navegación a vela, no seu mastro podía levar unha de relinga ou latina segundo a zona de procedencia da embarcación. Tamén poden ser impulsadas a remos. Leva catro ou cinco remos, segundo se use con ou sen temón. No caso de navegar sen temón, desempeñaba as súas funcións ese quinto remo, o máis cercano á popa e denominado remo de couso. O seu uso destinábase fundamentalmente para as actividades de pesca, aínda que podían ser empregadas como embarcacións auxiliares e de transporte. Dentro da tipoloxía dos botes, pódense identificar pequenas diferencias locais que caracterizan diversos tipos como o xeiteiro, o polbeiro, o bote de Maniños, o de Ribadeo e o de Carril. Actualmente, os botes seguen abundando en toda a costa galega, aínda que a vela e os remos case que non se usan; levan motores e unha popa totalmente plana co obxecto de conseguir unha maior velocidade. Distínguese doutros tipos de embarcacións pequenas, por ser máis grande e máis pesado ca a gamela ou a chalana, por exemplo, ou por posuír dúas proas.

    2. bote da xávega

      Embarcación empregada como auxiliar dunha lancha para a pesca coa xávega. Era un bote de popa cadrada, cunha vela ao terzo inicialmente, aínda que posteriormente usou a vela latina. Armaba de tres a catro remos por banda, e dispuña dunha pequena tilla para o abrigo da tripulación. Tiña de cinco a seis metros de eslora, con dous e medio de manga. A misión do bote era a de axudar na recollida do aparello, levando cara a terra aos mariñeiros que non facían falta no mar, fornecendo así o continxente encargado de recollelo. O bote da xávega tamén actuaba como enviado da lancha, levando o peixe á lonxa ou á fábrica. Nos seus tempos, foi unha embarcación estendida por toda a costa galega; desapareceu totalmente cando se abandonou o aparello da xávega.

    3. bote de Fisterra

      Embarcación de formas semellantes ao bote xeiteiro, coa única diferenza de que o bote fisterrá dispuña dunha manga similar, que se traducía nunha eslora de menor dimensión. Presentaba proa e popa simétricas, dispoñendo de corredores só na popa. Empregaba indistintamente os remos e a vela de relinga. Nos comezos do século XX foi substituída pola buceta.

    4. bote polbeiro

      Embarcación de características propias e peculiares, moi estendido no contorno do concello pontevedrés de Bueu. A lonxitude da súa eslora vai dos tres metros e medio aos seis. A manga correspóndese coa metade da eslora, o que lle confire un aspecto de embarcación redonda. Ten cuberta ata un terzo da eslora, e pequenos corredores no resto. Inicialmente levaba unha vela latina, que posteriormente foi substituída por unha de martelo ou mística. A súa construción e formas recordan á lancha xeiteira, usando remos de dúas pezas semellantes aos da dorna e que tamén se cruzan para remar. Adícase case que exclusivamente á pesca do polbo.

    5. bote salvavidas

      Embarcación acondicionada para evacuar un buque ou para o salvamento de náufragos.

    6. bote xeiteiro

      Embarcación de pesca común en toda a costa galega, a máis xeneralizada e representativa. A súa presenza esténdese dende a Costa da Morte ata a desembocadura do río Miño. Presentaba unhas dimensións medianas: entre seis e nove metros de eslora, con tres de manga e case un de puntal. Fisicamente amosaba unha proa e unha popa asimétricas, sendo a proa un tanto máis elevada e lanzada ca a parte traseira. A cuberta ía ata o centro do bote, para despois continuar nun par de amplos corredores que se unían na popa en forma de semicírculo. Esta disposición traducíase nun amplo espazo cruzado por dous bancos que ían enriba das divisións transversais, conformando un lugar destinado a gardar os aparellos, denominado cadeira. O bordo dos corredores remataba co caurel, un cinturón semicilíndrico que tiña o obxecto de impedir a entrada do auga que esvaraba polos corredores. Poucos dispoñían de tilla que, situada na proa, se abría ao exterior mediante unha porta corredoira situada na parte superior, en paralelo coa liña do mar. O bote xeiteiro podíase desprazar a remo ou a vela, para o que dispoñía dun mastro duns nove metros de lonxitude. A rapidez coa que se podía montar a vela facilitaba a súa alternancia co remo, podendo levar ata seis remos por banda nos xeiteiros máis grandes. A vela característica era a de relinga, polo que a embarcación foi coñecida tamén como lancha de relinga. En canto á construción, empregábase a madeira de carballo para as zonas que necesitaban dunha maior resistencia (quilla, roda, codaste e cadernas), e a de piñeiro para os asentos e a cuberta. Esta embarcación empregábase fundamentalmente na pesca co aparello do xeito, de aí a súa denominación, aínda que tamén ía na procura da pescada con redes de volanta. A tripulación total que conformaba estes botes era de seis ou sete homes e mais un rapaz. Os botes xeiteiros desapareceron do litoral galego a mediados da década dos 60.

Palabras veciñas

Botaurus | botavara | 1 bote | 2 bote | 3 bote | 4 bote | Bote