"Santa María" (Contén)

Mostrando 20 resultados de 234.

  • Mosteiro da parroquia de Aciveiro, Forcarei, pertencente á orde cisterciense. Foi fundado no ano 1135 co patrocinio de Afonso VII, que lle asignou a xurisdición dun enorme couto que manterá ata a desamortización de 1835. A extensión dos seus dominios durante toda a Idade Media abranguía o Candán, Acebeiro, Deza, Trasdeza, Tabeirós, etc, chegando ata os límites dos mosteiros de Melón e Oseira. A grande acumulación de bens que acada nos ss XIII-XIV converteuno nun dos máis importantes da Galicia medieval, pero a partir da centuria seguinte caerá baixo o control da casa de Ulloa, primeiro, e logo da de Altamira. Só a partir da reforma do Císter comezará de novo a recuperar o control económico ata o proceso desamortizador. Na actualidade consérvase a igrexa conventual, bo reflexo da sobriedade ornamental que caracteriza a arquitectura cisterciense. Cunha planta basilical de tres naves e tres ábsidas na cabeceira, interesa subliñar a presenza dun falso triforio ou galería, pouco empregado nas...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Templo da parroquia de Alba, no concello de Pontevedra. A antiga edificación era unha obra románica que foi substituída en 1593 por outra mandada construír polo Arcebispo San Clemente. Da primitiva fábrica medieval tan só se conserva unha inscrición moi desgastada.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • PERSOEIRO

    Templo románico construído nos anos finais do século XII. Está formado por unha ábsida rectangular á que se accede por un arco de medio punto con capiteis cubertos con follas rematadas en volutas e esférulas. A portada occidental ten dúas arquivoltas, a maior sostida por columnas, e un tímpano que prolonga o lintel para formar a primeira doela do arco de descarga que o rodea, característica dalgunhas igrexas da zona de Chantada.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa de orixe románica do s XII situada en Arabexo (Val do Dubra). Conserva no interior un arco triunfal que descansa sobre columnas de capiteis con decoración vexetal. No fondo da ábsida atópase un pequeno retablo barroco pertencente á escola compostelá.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa románica construída arredor do 1180 en Antas de Ulla. Nela destaca a decoración da portada principal, do arco triunfal e do exterior da ventá da ábsida: a rosca cúbrese con casetóns ou rectángulos tallados na pedra e con motivos ornamentais labrados en baixorrelevo no medio da composición, ornamentación típica nalgunhas portadas de templos da Galicia central. Cómpre tamén citar os tímpanos que exhiben cruces nas portadas occidental e meridional, o da primeira de lintel bilobulado.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Templo situado en Chantada, datado no primeiro cuarto do s XIII. As partes máis antigas que se conservan son de orixe románica, aínda que son escasos os elementos medievais desta construción chegados ata os nosos días. A interesante portada norte remata nun arco de medio punto con tendencia ao apuntamento, e arista en bocel seguida de escocias e medias canas; está sostido por dúas columnas rematadas en capiteis cubertos de follas moi estilizadas e rematadas en bólas. O tímpano é semicircular e está rodeado dun arco de descarga.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Mosteiro situado no concello de Meis. A súa fundación, na aba do monte Castrove, atribúese ao seu primeiro abade, Ero de Armenteira, nobre galego que abandonou a vida cortesá polo retiro espiritual. Foi fundado no 1150 e rematado de construír no 1212. En 1162 pasou a depender da Orde do Císter. Recibiu numerosas doazóns territoriais, fundamentalmente nos ss XII-XIII, sobre todo por parte dos monarcas, testemuñadas en documentos reais de Afonso VII e Fernando II, así como en confirmacións pontificias de Anastasio IV e Alexandre III. Chegou a abranguer un amplo territorio que incluía o couto que rodeaba o mosteiro, e se estendía polo val do Salnés ata a vila de Cambados. Así mesmo, grazas ao favor real co que contaba, gozaba de prebendas á hora de acoller vasalos propios ou de permanecer exento do pagamento de tributos. Consérvanse no Arquivo Histórico Nacional de Madrid un total de 636 pergamiños dos ss XII-XV con documentación relativa a este mosteiro en lingua latina e romance, na súa...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial de tipo mariñeiro construída a finais do s XV en Laxe; sitúase dentro do grupo máis arcaico de estilo tardogótico. A súa planta é rectangular e está cuberta a dúas augas con artesoado de madeira. O presbiterio está cuberto cunha bóveda de crucería. Aínda que resolta cunha grande austeridade decorativa, conserva un retablo gótico de granito formado por cinco taboleiros nos que se representan escenas da Paixón de Cristo.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Antigo mosteiro familiar fundado na primeira metade do s X e situado no concello de Alfoz. Sábese da súa existencia e vicisitudes a través dalgunha documentación relativa ao mesmo conservada no tombo de Lourenzá, códice do s XIII procedente do mosteiro de San Salvador de Lourenzá e hoxe en día conservado no Arquivo Histórico Nacional de Madrid.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa románica de transición ao Gótico do último terzo do s XIII. Existiu un templo no s XII que dependía do mosteiro de Santa María de Oia. Diego de Muros concedeulle o rango de Colexiata en 1482, na actualidade é igrexa parroquial. O edificio reflicte a infuencia das propostas arquitectónicas cistercienses cunha planta basilical de tres naves, con cuberta de madeira, que se corresponden con tres ábsidas abovedadas con canón apuntado. Destaca a súa austeridade, manifestada tanto no interior como nos muros do exterior. A portada principal resólvese con arquivoltas lixeiramente apuntadas sobre columnas acobadadas e cun rosetón. Aparece flanqueada por dúas torres inconclusas. No muro S atópase unha capela cuberta con bóveda estrelada (s XVI?). No interior destaca a presenza do retablo maior barroco, obra de Antonio del Villar (1726). Posúe un certo estilo de igrexa-fortaleza.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Mosteiro que estivo situado no concello do Covelo. As testemuñas máis antigas son dous documentos de 1155 polos que Afonso VII facía diferentes doazóns á comunidade monástica. Non se sabe con certeza se se trataba dunha comunidade independente da de Melón, ou se esta tivo o seu primeiro asentamento no lugar de Bárcena para logo trasladarse a Melón.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Situado no concello de Coles, Ourense, outorgado ao mosteiro de Celanova no ano 985 polo Rei Vermudo II xunto co de San Xoán de Abruciños. Así mesmo, documéntase posteriormente en inventarios e confirmacións das propiedades de Celanova.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Mosteiro dúplice, situado en Barreda, concello de Pereiro de Aguiar. Foi fundado polo abade Senior antes do ano 842, data na que se documenta unha doazón a este mosteiro. No ano 941, a petición de san Rosendo, o Rei Ramiro II fixo entrega a Celanova de todas as igrexas construídas polo abade Senior, entre as que se atopaba a de Santa María de Barreto.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada no concello de Beade. A fábrica actual é do s XVI, aínda que se conservan restos dun edificio románico anterior: no muro S atópase un aleiro con arquiños sobre ménsulas e no muro N, no interior da nave, un friso que anuncia o gótico. Consta dunha nave, con capelas acaroadas a ambos os lados, cuberta cunha bóveda de medio canón. Accédese ao presbiterio por medio dun arco apuntado cuberto por unha bóveda nervada. A fachada principal é barroca do s XVIII, cunha torre-campanario obra do mestre canteiro local Dionisio Vidal (1757). No interior consérvanse diversos sepulcros, entre eles o do comendador de Beade e Ribadavia, frei Arias López Fandiño de Goyáns (1534). Conserva esculturas, de 1608, de Francisco de Moure: santa Ana, santa Isabel, santa Lucía, a Virxe e san Ildefonso.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Convento situado en Santiago de Compostela. Foi fundado por Constanza Fernández, viúva de Rodrigo Mariño, quen no ano 1309 doou a metade dunha casa e outros bens aos frades de Bonaval para crear o que sería o primeiro convento de monxas dominicanas de Galicia. A cabeceira da primitiva igrexa realizouse a mediados do s XIV baixo as trazas góticas da arquitectura mendicante. A igrexa e convento actuais son produto dunha reconstrución iniciada baixo o mecenado do arcebispo Antonio Monroi durante o s XVII, seguindo planos do monxe beneditino frei Gabriel de Casas, que dirixiu a construción da fachada da portería e a á oeste do convento (1700-1709). En 1737 reedificouse a Capela da Virxe do Portal, construción anexa levantada en 1694 grazas ás esmolas dos fieis. No altar maior desta capela consérvase unha talla da Virxe co neno do s XIV, salientable pola súa tipoloxía escultórica achegada aos modelos franceses. A igrexa conventual demoleuse en 1725, data na que se iniciou a construción da actual...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada en Caldas de Reis. De estilo románico, está datada a finais do s XII. Só conserva da antiga fábrica medieval a ábsida, o rosetón da fachada occidental e un treito do muro sur. Consta dunha nave, reconstruída en gran parte, e ábsida semicircular precedida dun tramo recto, do que a separa un arco faixón, e cuberta por unha bóveda de canón que remata en cuarto de esfera. O hemiciclo está dividido por medio de dúas columnas entregas de basas áticas e capiteis de decoración vexetal. O arco triunfal presenta un aspecto case de ferradura. Polo exterior da ábsida destaca unha fiestra con arco de medio punto sostido por columnas. Na fachada principal hai un rosetón posterior e no muro meridional ábrese unha porta rematada en arco semicircular sostido por dúas columnas, unha delas recuberta e con puntas de diamante nas acanaladuras.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada no concello de Lalín. De estilo románico, está datada arredor do 1170. Da primitiva fábrica conserva a nave, co exterior encalado agás o beiril e os canzorros, que representan bóvidos, aves, figuras humanas e grandes follas. No Museo de Pontevedra consérvanse catro capiteis: o primeiro representa a Daniel entre os leóns; o segundo a tres leóns coas patas enlazadas por un talo; o terceiro a outros tres leóns, un deles devorando a un home, e o derradeiro ten decoración vexetal.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada en Agolada. Datada a finais do s XII ou principios do s XIII, conserva unha capela románica de planta semicircular, cun breve tramo recto. O arco triunfal é apuntado e dobrado, apoiado en dúas columnas rematadas en cadanseu capitel decorados con grandes follas lisas e bólas. Algúns canzorros do beiril presentan figuras de animais.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa situada en Monterroso. Datada no primeiro cuarto do s XIII, o primitivo románico sufriu certas modificacións que afectaron especialmente á cabeceira. A nave recibe luz por medio de ventás de medio punto e derramamento interior. Polo exterior, os canzorros son froito das reformas. Destaca a portada occidental, que remata cun lintel de extremos graduais, sostido por sinxelos ángulos entrantes.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Mosteiro que puido estar situado en Santa María de Bretoña (A Pastoriza) ou ben en San Martiño de Mondoñedo (Foz). Coñecido tamén como monasterium Maximi, remóntase á época sueva, e aparece citado na Divisio Theodomiri do s VI. O nome de Maximi, probablemente sexa unha latinización de Mailoc, nome do bispo da sé de Britonia, pois en bretón mael ten o significado de ‘grande’.

    VER O DETALLE DO TERMO