causa

causa

(< lat causa)

    1. s f

      Aquilo que ten como consecuencia un determinado suceso ou unha determinada cousa.

      Ex: A causa da denuncia foi a información falsa reflectida na prensa. 

      Sinónimos: motivo, orixe.
    2. s f

      Motivo que leva a unha persoa a realizar algunha cousa.

      Ex: A doenza do seu home foi a causa do seu regreso inesperado. 

      Sinónimos: porqué, razón.
    3. s f

      Aquilo que explica a aparición dunha cousa.

      Ex: A medicina estase achegando ás causas da SIDA. 

      Sinónimos: orixe, raíz.
    4. s f [FILOS]

      Todo aquilo que, dalgunha maneira, explica a existencia ou o cambio dunha cousa que se denominaría efecto. O influxo da causa no efecto chámase causalidade. Normalmente, distínguese entre a causa (que produce o efecto) e a ocasión ou a condición (que facilitan ou provocan a produción do efecto pola causa). Aristóteles e os escolásticos diferenciaron catro causas que agruparon á súa vez en dous tipos: dúas intrínsecas e dúas extrínsecas. Entre as primeiras están a causa formal, que se refire á forma ou ao modelo, e a causa material, referida á materia de que está feita unha cousa. Entre as segundas, a eficiente, que é principio do cambio, e a causa final ou finalidade, referida a aquilo para o que se produce ou se dá algo. Unha quinta causa é a exemplar. Os medievais distinguiron tamén entre a causa primeira (Deus) e as causas segundas (criaturas), entre as causas principais e as instrumentais, e entre as causas próximas e as remotas. No Renacemento xurdiu unha crítica da causa final entendida como un principio de explicación científica. Deste xeito, para os modernos, a causa propiamente dita é a causa eficiente e a causalidade contraponse á finalidade. Os cartesianos fixeron da causa un principio ontolóxico e lóxico ao mesmo tempo (causa sive ratio, ‘causa = razón’) e consideraron a Deus como causa sui (‘causa de si mesmo’). Os científicos tenden a abandonar a noción de causa como un nexo ontolóxico e a empregar a de lei ou a de función. Non obstante , a crítica filosófica empirista (Hume) e a positivista (Comte, Stuart Mill) exercéronse nesta dirección.

    5. teoría das causas actuais [XEOL]

      Teoría formulada por Lamarck, Constant Prévost e Lyell, que basea a explicación dos fenómenos xeolóxicos antigos nas mesmas causas que producen os actuais, “o presente é a clave do pasado”. O actualismo afirma que os fenómenos bruscos se producen accidentalmente e que as modificacións son lentas.

  1. s f

    Empresa á que se dedican esforzos desinteresados ou altruístas.

    Ex: Sempre defendeu a causa dos traballadores. 

  2. s f [DER]

    Proceso xudicial, especialmente de tipo penal.

    Ex: Aínda non sabemos en que sala do xulgado se vai desenvolver a causa. 

    Sinónimos: preito, xuízo.
  3. s f [DER]

    Tramitación dunha acusación contra alguén que determina a culpabilidade e a sanción por parte dun tribunal.

    Ex: Notificáronme que a causa xa está instruída.

Frases feitas

  • A causa de/por causa (de) loc prep Ó ter como causa a cousa ou persoa que se indica. SIN: por mor de, por culpa de. Ex: Non puido ir a causa da doenza que padece.

Palabras veciñas

Caurel, serra do | caurí | causa | causa | Causa,La | causal | causalidade