"Santa María" (Contén)

Mostrando 20 resultados de 234.

  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada en Samos. Antigamente estivo baixo a advocación de san Miguel e santo Andrés. Trátase dun templo románico, construído en cachotaría de lousa, cunha nave de grande altura, con cuberta de lousa. O acceso presenta cuberta de lousa a tres augas. Destaca o campanario da fachada e a portada principal, arqueada e coa disposición das lousas en sentido radial. Conserva no interior un retablo neoclásico con tallas do s XIX.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Mosteiro situado en Montederramo. En 1124 Tareixa de Portugal, filla de Afonso VI, concedeu ao abade Arnaldo e aos monxes beneditinos o lugar de Rovoira Sacrata para fundar un mosteiro, aínda que podían trasladalo a outro emprazamento. O primitivo mosteiro, baixo a advocación de san Xoán, estivo situado en Seoane Vello, tivo priorados nas terras próximas e en 1153 pasou a pertencer á orde do Císter e modificou a súa advocación pola de santa María. En 1528 uniuse á Congregación de Castela e coa desamortización foi abandonado. Tivo unha escola de artes no s XVI. A igrexa medieval foi reedificada por Juan de Tolosa (1598-1607) e está pegada ao claustro polo interior. Ten planta de cruz latina con tres naves de cinco tramos e cinco capelas rectangulares, a central de maior tamaño. As naves están cubertas con bóvedas de cruzaría e sobre o cruceiro érguese unha cúpula sobre pendentes, rematada cunha cupuliña. Destacan a escalinata de baixada á igrexa e a sancristía. A fachada da igrexa é plana...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Antigo mosteiro feminino situado en Castroverde. Fundouno dona Sancha en 1198 e foi dependente do mosteiro de Yepes.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada en Muxía. De estilo románico, ten unha soa nave e ábsida rectangular. A cabeceira foi modificada durante o s XVIII e a fachada principal ten unha porta con arco rebaixado e enriba dela, unha fiestra circular que corresponde aos restos dun antigo rosetón. No lateral N érguese o campanario, arrimado á sancristía. En 1991 o templo sufriu outra reforma.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada en Guntín. De estilo románico, construíuse no s XII. Ten unha soa nave rectangular. No interior destaca o retablo barroco da ábsida e os neoclásicos dos laterais, labrados estes por López de Cerceda cara a 1870. A portada principal presenta dobre arquivolta e tímpano liso, rodeado por mochetas con figuras de monstros. Sufriu reformas no s XVIII, nas que se engadiu a sancristía e a espadana que acolle o campanario.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada en Toén. De estilo plateresco,   foi mandada construír polo abade Bartolomé García de Bahamonde (1570-1580). A fachada está realizada en estilo herreriano e conta con dúas torres de planta cadrada. No interior destaca a decoración pitórica, atribuída ao demominado pintor de Banga que representa unha iconografía completa coa natureza da alma, por unha banda, e a esfera dos vivintes, por outra.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada en Cartelle. Realizada entre 1788 e 1791, ten unha planta basilical con tres corpos e presenta varias etapas construtivas. No primeiro tramo ten unha bóveda de canón e no segundo unha bóveda de cruzaría coa data de 1878 na cúpula. A capela maior tamén ten bóveda de cruzaría co acceso ás capelas mediante arcos apuntados. No interior conserva unha figura dun Xesús Cristo de finais do s XVI e o retablo maior neoclásico do s XVIII. Na fachada, de estilo barroco, destaca unha torre con dous corpos. Os días 21 e 22 de agosto celébrase unha popular romaría nos seus arredores.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo fundado en 1990 e situado na colexiata de Santa María do Campo, na Coruña. Dirixido polo abade da colexiata, atópase nun edificio proxectado por Manuel Gallego Jorreto. Pertence ao Consello Galego de Museos. Acolle unha colección de ourivaría, especialmente pezas de prata procedentes de toda España, así como imaxes e ornamentos sagrados dos últimos cinco séculos.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada en Muxía. Datada a comezos do s XIII e realizada en estilo románico de transición sobre unha construción anterior (posiblemente do s X), consta dunha soa nave con cuberta a dúas augas de madeira. A nave divídese en tres tramos mediante dous arcos apuntandos transversais adornados con molduras e apoiados en columnas anexadas nos muros laterais. O acceso á ábsida, cadrada e cuberta cunha bóveda de canón apuntada, realízase a través dun arco triunfal apuntado. Presenta unha capela lateral gótica do s XIV, dedicada á Virxe do Rosario, de planta cadrada e cuberta cunha bóveda de cruzaría. A fachada componse de arquivoltas apuntadas e un bocel decorado con cabezas de cravo.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Construción situada nas aforas de Oviedo. Datada no s IX, orixinariamente foi unha das dependencias da aula rexia de Ramiro I de Asturias. Ten forma rectangular cunha soa nave, con contrafortes no exterior, dous pisos e un corpo central coa volta de canón, e está reforzada con arcos faixóns. O piso superior remata en dous miradoiros. Obra clave da arte asturiana, destaca polas súas influencias visigóticas, carolinxias e orientais. Foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) ; en 1885 e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1985 xunto co resto dos monumentos de Oviedo e do Reino de Asturias.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada en Láncara. De estilo románico, adáptase ao tipo de igrexa rural. A ábsida atópase á mesma altura ca a nave, cun tramo rectangular de bóveda de canón e a cabeceira semicircular en cuarto de laranxa.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada nas Neves. De estilo barroco, data de 1668 e foi obra do arquitecto Melchor de Velasco Agüero e do canteiro Amaro do Campo. Ten planta de cruz latina e cuberta abovedada. Destaca a súa torre en forma piramidal graduada e o retablo barroco da capela maior.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada en Lalín. Datada nos ss X-XII, consta dunha nave e catro ábsidas cuadrangulares en que se observan as diferentes épocas en que foron construídas.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada en Chantada. Realizada en estilo románico na segunda metade do s XII, sufriu reformas na torre e na fachada durante o s XVIII. Ten nave rectangular, ábsida cadrada con arco triunfal de medio punto e bóveda de canón, e cuberta de tella a dúas augas. A fachada, barroca aínda que cun rosetón románico, está estruturada en tres corpos verticais separados por pilastras. A torre, composta por tres corpos, é cadrada.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa situada en Noia. Mandouna construír no s XIV o arcebispo compostelán Berenguel de Landoira sobre un templo primitivo do s XII. Realizada en estilo gótico, ten unha nave con cuberta de madeira que descansa sobre catro arcos faixóns apuntados que a dividen en tramos. Conta con varias capelas entre as que destacan a maior, cuberta con bóveda de canón; unha realizada en estilo renacentista, cuberta con cunchas de vieira e onde se atopan dous sepulcros que pertencen a Pero Carneiro e a Joam das Estivadas; e a da Virxe do Carme. A fachada ten un pórtico, composto por catro piares e cuberto con bóveda de cruzaría, en que se representa a Adoración dos Reis Magos, e onde aparecen a Virxe co Neno, os Reis Magos, o arcebispo Berenguel e san Xosé. Nos arredores atópase un cemiterio, coñecido como Quintana dos Mortos, que posúe o maior número de lápidas sepulcrais de toda España e que abarca unha cronoloxía desde o s X ao s XVI. Poden dividirse en catro grupos: sepulcros de fidalgos...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Mosteiro situado en Oia. Fundárono en 1137 o Rei Afonso VII e dona Berenguela. A primeira noticia documental data de 1149 cando Afonso VII doou ao mosteiro as súas posesións en Mougás, Viladesuso e Pedornes. Nun principio os monxes seguiron a orde de san Bieito pero en 1185 integrouse no Císter. Foi o único mosteiro cisterciense situado na costa. As súas posesións estendéronse polo Baixo Miño ata Portugal, e os monxes introduciron na zona a cría libre de cabalos. En 1547 uniuse á congregación de Castela e, en 1624, defendeu a costa dos ataques dos turcos e obtivo privilexios do Rei Filipe IV. Coa desamortización de Mendizábal (1835), vendéronse as dependencias monacais e a igrexa converteuse na parroquial de Oia. Durante a Guerra Civil Española   funcionou como cárcere. Abandonado, permanece en mans privadas á espera de converter as súas dependencias en instalacións hoteleiras. A igrexa é cisterciense e presenta planta de cruz latina con tres naves lonxitudinais, separadas por grandes piares...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada na Merca. Realizouse en estilo barroco no s XVIII e reformouse durante o s XX. No seu interior destaca o retablo maior barroco, realizado polo mestre González (1735-1736).

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa parroquial situada en Antas de Ulla. Construída durante o s XII, foi reconstruída a comezos do s XX. Ten planta rectangular e presbiterio cadrado, coa sancristía nun dos lados. A fachada conserva elementos románicos, o tímpano historiado, e remata cunha espadana de dous vans.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Mosteiro situado en Oseira (San Cristovo de Cea). Fundouse en 1137 tras a doazón de Afonso VII a catro relixiosos que facían vida monástica na zona. Adheriuse á orde beneditina e pouco despois ao Císter. Cara a 1140 san Bernaldo enviou monxes de Claraval para instruír a nova regra. Recibiu novas doazóns de Fernando II e Afonso IX, ademais doutras particulares, como as igrexas de San Xoán de Louredo, de Santa Cristina e o couto de Marín. Estas posesións e as novas adquisicións que a propia comunidade realizou convertérono nun dos cenobios máis poderosos de Galicia. As súas posesións abranguían desde o couto de Marín ata Zamora. Tivo baixo a súa dependencia os cenobios de Santo Estevo de Chouzán, San Lourenzo de Miño e Santa Maria de Junias de Pitões, en Portugal.   O conxunto monacal consta de varios volumes acaroados. A igrexa construíuse entre 1185 e 1205 seguindo a tipoloxía das igrexas cistercienses e o modelo da catedral de Santiago de Compostela. Ten planta de cruz latina con tres...

    VER O DETALLE DO TERMO
  • IGREXAS

    Igrexa situada en Ourense. O templo, orixinalmente suevo, data do s VIII. Destruído polos musulmáns (716), no seu lugar levantouse un templo románico por orde do bispo Ederonio no s XI, que se demoleu en 1722 e que foi substituído polo de estilo barroco, que realizou o bispo Siuri. Ten planta de cruz latina con bóveda nervada. A fachada ten tres corpos e está flanqueada por dúas torres-campanario. O retablo do altar maior, que está realizado en madeira non policromada, consta de dous corpos articulados por estípites e na rúa central sitúase unha imaxe barroca da Virxe que está enmarcada por un arco dourado. Dúas inscricións no muro exterior que fan referencia aos bispos Ederonio e Siuri, e as columnas con capiteis en mármore na fachada conforman os únicos restos visibles dos antigos templos.

    VER O DETALLE DO TERMO