"An" (Contén)

Mostrando 20 resultados de 28709.

  • Museo inaugurado en 2001 con sede en Bos Aires. Proxectado desde 1998 pola fundación Eduardo F. Constantini, concibiuse como unha institución privada sen ánimo de lucro, co obxectivo de coleccionar, preservar, estudar e difundir a arte latinoamericana desde comezos do s XX ata a actualidade. A Colección Constantini esta formada por máis de duascentas obras dos principais artistas latinoamericanos modernos e contemporáneos. Ademais da exposición permanente, organiza exposicións temporais, así como ciclos de cine, obradoiros, debates ou encontros con escritores e artistas.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Revista publicada na Coruña a partir de 1 de outubro de 1872. Baixo o subtítulo “Revista moral e instrutiva dedicada a la niñez”, saíu cada dez días dos obradoiros da Tipografía Católica. Ventura Pueyo exerceu como director ata febreiro de 1873, data desde a que o director e propietario foi Xulio Sandino. Dedicada a instruír os nenos na moral católica, prestoulle especial atención ás nenas, ás que lles inculcaba a submisión ao home.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo de titularidade estatal situado nas dependencias da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid. Fundado en 1774 por decisión de Carlos III, os seus fondos iniciais procedían da Junta Central de Monumentos, e foron ampliados con diversas coleccións confiscadas aos xesuítas, coas obras premiadas nos concursos públicos convocados pola Academia desde 1753 e coas doazóns de particulares. Acolle unha das máis importantes coleccións de pintura española, da que destacan as obras de Zurbarán, Ribera e Goya, e tamén europea, como obras de Rubens, Mengs ou van Loo. Conta tamén cunha colección de debuxos, gravados, mobles, porcelanas e outros obxectos artísticos. Organiza conferencias, coloquios e outras actividades ademais de publicar monografías e outras obras.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo de arte sacra situado no mosteiro de San Paio de Antealtares, en Santiago de Compostela que abriu ao público en 1971. Atópase no lenzo O do claustro do s XVII. Os seus fondos están formados por obxectos litúrxicos (roupa litúrxica e ourivaría), pinturas, imaxinaría e pezas arquitectónicas. Destaca a ara de mármore que, segundo a tradición, formou parte do primitivo altar erixido sobre a tumba do Apóstolo Santiago. No seu arquivo consérvanse documentos medievais e modernos relativos á historia do convento, da cidade e de Galicia.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo situado no convento de San Francisco en Santiago de Compostela. Pertence ao Consello Galego de Museos. Creouse coa intención de enlazar, a través da súa exposición, a cultura da cidade de Santiago de Compostela coa de Xerusalén, ao ser ambas importantes centros de peregrinación. A súa colección recolle obxectos procedentes de Terra Santa. Móstranse pezas arqueolóxicas que abranguen desde o Paleolítico á dominación romana, pezas dos diversos períodos da historia de Xerusalén, traballos artesanais realizados en Belén e Xerusalén que mostran a pegada da orde franciscana, que custodia o Santo Sepulcro, unha gran maqueta da cidade histórica de Xerusalén e unha colección numismática.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo situado en Roma. Ocupa unha boa parte da antiga cartuxa de Santa Maria degli Angeli, construída sobre restos das grandes termas de Diocleciano (298-306), e recolle unha das mellores coleccións do mundo de mosaico, pintura mural e, sobre todo, de escultura antiga. Destacan os restos dunha das ábsidas do caldarium.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo da catedral de Lugo, fundado en 1918 e situado en varias dependencias do edificio catedralicio, como a tribuna, a sala capitular e unha dependencia do seminario. A súa colección componse de obxectos e roupas vinculadas á liturxia, restos prehistóricos, romanos, paleocristiáns, inscricións visigodas, arqueoloxía románica e gótica, imaxinaría, pintura academicista dos ss XVIII-XIX, cerámica de Sargadelos e numismática. Entre as súas pezas destaca o Crismón de Quiroga.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo fundado en 1954 e situado no claustro gótico da catedral de Ourense. Contén pezas de ourivaría e obxectos vinculados coa liturxia. Dos seus fondos destacan o Tesouro de San Rosendo (ss X-XIII), que procede do mosteiro de San Salvador de Celanova e está composto por oito pezas de xadrez de cristal de rocha de estilo fatimita (s X), a cruz procesional gótica coa que o conde de Benavente agasallou a catedral e o Misal Auriense, feito en Monterrei en 1494.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo situado nun antigo hospital de peregrinos e pobres do s XVIII situado preto da catedral de Tui. Creouse en 1974 baixo a iniciativa do bispo José Delicado Baeza. Organízase en tres plantas, ademais de capela, patio interior e sala de exposicións. Mostra restos arqueolóxicos de época prehistórica, romana e medieval da zona do Baixo Miño, unha colección de ourivaría litúrxica e tallas góticas, renacentistas e barrocas. Acolle tamén o arquivo histórico e a biblioteca.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo situado no colexio de Nosa Señora da Antiga, en Monforte de Lemos. Recoñecido como unha das pinacotecas máis relevantes de Galicia, da súa colección destacan os lenzos San Lorenzo e San Francisco de El Greco, así como a obra do pintor italiano Andrea del Sarto.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo municipal da Estrada fundado por Manuel Reimóndez Portela. Centra as súas actividades na custodia, exposición e estudo dos restos históricos, artísticos e etnográficos que proceden do concello da Estrada, entre outros os procedentes do vello laboratorio municipal. Dedica unha sección etnográfica aos oficios e incluso expón unha aula de clase tradicional. Entre as súas iniciativas destaca a elaboración dun arquivo fotográfico relacionado coa historia do concello cunha especial atención á emigración. Edita o anuario Miscelánea histórica e cultural.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Casa museo situada na Coruña en que residiu Emilia Pardo Bazán. Inaugurouse en 1972. Recrea fielmente o típico pazo da nobreza urbana con catro salas de exposición que conteñen todos os obxectos persoais e artísticos da autora. Organiza exposicións temporais e conta cunha biblioteca e cun departamento pedagóxico e organiza diversas actividades. É sede da Real Academia Galega.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo creado en Madrid en 1968 a partir da unificación dos antigos Museo Nacional de Arte Moderno e Museo Nacional de Arte Contemporáneo. Instalouse na zona universitaria e inaugurouse en 1979. Contaba con obras de pintores e escultores activos en España durante o s XX. En 1987 foi suprimido e os seus fondos transferidos ao Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo situado na Casa Galega da Cultura en Vigo. Está formado pola doazón que fixo en 1995 Francisco Fernández del Riego da súa biblioteca e da súa colección de arte á cidade de Vigo. Recolle pinturas, esculturas e fotografías galegas dos últimos anos do s XIX e comezos do s XX, así como obxectos persoais, fotografías, cartas e as primeiras edicións das obras bibliográficas de Fernández del Riego.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo de titularidade municipal situado no antigo convento de San Domingos de Bonaval en Santiago de Compostela. Inaugurado en 1963, a súa colección acolle restos arqueolóxicos, obxectos e roupa litúrxica, mobiliario e pinturas e esculturas galegas, doadas, na maioría dos casos, polas familias dos seus autores.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo de titularidade municipal situado en Marín e inaugurado en 1992, a partir da doazón realizada polo artista Manuel Torres. A súa colección abarca desde a pintura de paisaxes, bodegóns ou retratos, ata debuxos, gravados, tinta ou esculturas. Organiza tamén exposicións temporais e diversos actos culturais.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo de titularidade estatal, creado en 1993 a partir da fusión do Museo Etnológico Nacional e o Museo del Pueblo Español. Organízase en dúas seccións: a Alfonso XII, dedicada a coleccionar diferentes mostras da cultura material dos pobos de África, América, Asia, Europa e Oceanía; e a Juan de Herrera, dedicada a exposicións temporais e á celebración de congresos. Anualmente edita unha revista científica.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo de titularidade estatal inaugurado en 1986, situado en Mérida nun edificio anexo ao teatro e ao anfiteatro romanos. Os seus fondos están formados por vestixios romanos que proveñen do xacemento arqueolóxico de Emerita Augusta e constribúen á divulgación do importante significado que a romanización tivo para a cultura e a arte de España. Nas dependencias da igrexa de Santa Clara atópase o Museo de Arte Visigoda.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo parroquial situado nas dependencias da igrexa parroquial de San Martiño de Mondoñedo (Foz), inaugurado en 1977. Os seus fondos están compostos por obxectos e roupas litúrxicas, imaxes e moedas anteriormente gardadas na igrexa e na casa reitoral. Destaca un báculo do s XI e un anel de ouro do s VII.

    VER O DETALLE DO TERMO
  • Museo de titularidade estatal que creou en Madrid Benigno de la Vega-Inclán Flaquer, inaugurado en 1924. En 1931 foi incorporado ao Estado e desde 1968 foi integrado no Patronato Nacional de Museos. A súa colección abarca desde artes decorativas e mobiliario, ata pintura romántica, dos ss XVIII-XIX. Foi declarado Ben de Interese Cultural en 1962.

    VER O DETALLE DO TERMO