Temas

Fürstenbund

Confederación de estados xermánicos creada en 1785 por iniciativa de Federico II de Prusia co fin de frear os intentos de Austria por reconstituír o Sacro Imperio Romano Xermánico.

Más >
Senegambia

Confederación dos estados de Senegal e Gambia, acordada polo Tratado de Dakar (1981) e vixente entre 1982 e 1989. Pretendía conseguir a unión económica e monetaria dos dous estados membros, a integración das forzas armadas e a coordinación das relacións exteriores, aínda que cada un dos estados mantiña a independencia e a soberanía.

Más >
Délica de Délos

Confederación de cidades da antiga Grecia formada por Atenas e as cidades xónicas de Asia Menor, Eubea, Calcídica e as Cícladas no 478 a C. Fundouse coa finalidade de evitar un novo ataque dos persas e, despois das Guerras Médicas, converteuse nun instrumento do imperialismo ateniense, que limitou a autonomía das cidades, cobrou o tributo federal e trasladou o tesouro común situado en Delos a Atenas (454 a C). Estas medidas orixinaron numerosas revoltas que foron reprimidas con dureza: a revolta de Megara e Eubea (446 a C), a de Samos (440 a C) e a de Mitilene (428-427 a C). A Liga disolveuse despois da Batalla de Egospótamos (405 a C).

Más >
Ak Koyünlü

Confederación de turcomanos sunnitas establecida a finais do s XIV, ao O de Armenia e ao N de Mesopotamia, con centro en Diyarbakir. A dinastía principiou con Kara Yülük Osman (1378-1435). Nas loitas de Tamerlán e Baiaceto I, os Ak Koyünlü favoreceron o primeiro. No 1467 derrotaron os Kara Koyünlü. Coa derrota (1473) de Uzun Hasan, comezou a decadencia da dinastía ata ser aniquilada (1508) polos safávidas.

Más >
Kara Koyünlü

Confederación de turcománs xiítas procedente do S de Armenia establecida a principios do s XIV nos dominios dos ǧ alā’ir de Bagdad. Recibiu este nome polo emblema do seu estandarte, un carneiro negro. Independizados no territorio de Mossul (1375) e Tabrīz (1387), o seu emir Qara Yūsuf derrotou a confederación rival dos Ak Koyünlü (1418). O seu fillo e sucesor (1420) Iskandar resistiu con éxito os ataques do timurida Shāh Rūkn, que concedeu o goberno de Acerbaixán ao irmán de Iskandar, Jahān Shāh (1434). Este ampliou considerablemente os seus dominios (Persia e Iraq), pero morreu (1467) na loita contra a horda do carneiro branco, que acabou anexionando o seu territorio.

Más >
Decápolis

Confederación de dez cidades do N de Palestina situadas ao L do Xordán. Creouse trala campaña de Pompeio en Oriente (64 a C - 63 a C) co obxectivo de preservar a cultura helenística e protexerse contra os hebreos e as tribos árabes beduínas e perdurou ata o século II d C. Estaba constituída polas cidades de Damasco, Filadelfia, Rafana, Escitópolis, Gadara, Hippos, Dion, Pella, Gerasa e Canata. O gobernador romano de Siria exercía o control sobre os seus negocios, e as cidades pertencentes á liga tiñan a obriga de prestar servicios militares e pagarlles impostos aos romanos.

Más >
Aquea, Liga

Confederación de doce cidades da Acaia, estruturada definitivamente contra o ano 280 a C. Adquiriu importancia a partir do ingreso nela de varias cidades da Argólida e a Arcadia. Desenvolvía unha política exterior única decidida por un sínodo común; comandábaa un estratega, e un dos máis importante foi Arato de Sicione (271-213). Aliada con Macedonia, derrotou a Esparta en Selasia (221). Coa axuda de Roma, xa no s II a C, procurou o dominio total da Grecia continental, ao que se opoñían Macedonia e Esparta. A mediados de século Roma tomou partido por Esparta e a Liga foi vencida e disolta no 146 a C.

Más >
Loading